Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Feijóo se alinea con la ultra Meloni y su discurso de la inmigración como problema
Israel anuncia una “nueva fase” de la guerra en Líbano y crece el temor a una escalada
Opinión - Junts, el bolsillo y la patria. Por Neus Tomàs
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A Galiza superficial

Vista de un antiguo hórreo en Palas de Rei, Lugo.

0

Un dos momentos que máis recordo e cito de Astérix en Córcega é a conversa entre un soldado romano non moi espelido e un dos xefes corsos que dá acubillo aos galos na súa casa. Nun escenario mesmo parecido ao dalgunhas paisaxes galegas que andan a circular estes días polos perfís de redes sociais, na porta dunha casiña, o xefe corso repróchalle ao romano que se dirixise á súa irmá, e o soldado responde asustado que el non ten interese ningún na irmá, que simplemente falou con ela porque foi quen lle abriu a porta, ao que o corso, navalla en man, retruca “logo non che gusta a miña irmá?” e o soldado tenta remendar a situación dicindo que claro que lle gusta, o que desata a ira do xefe corso, que ameaza con matalo. O enredo estereotípico, perfectamente levado á vida polos debuxos de Uderzo, foi o primeiro que me veu á cabeza cando lin que esta semana o Parlamento galego aprobara por unanimidade unha declaración institucional para recriminar a unha xuíza española o emprego do termo “Galiza profunda” nun auto. A escena, na miña cabeza, con Santalices no papel de corso encabuxado na porta da chousa rodeado dunha representación do arco parlamentario, foi algo así (Gosciny me perdoe):

-Non me gusta que falen da Galiza profunda.

-Se a min non me interesa para nada a Galiza profunda...

-Que non che gusta a Galiza profunda?

-(glups) Si que me gusta, si...

-Con que “Galiza profunda”, non si? Agarrádeme, agarrádeme que a mato!

Aínda menos mal que na súa declaración os grupos políticos indican que non se van pronunciar sobre un asunto no que non teñen competencia, que é o fondo do auto. Eu tampouco pretendo saber quen ten razón nese asunto, malia que tamén me chamou a atención a comparación gratuíta da súa señoría, e pareceume reveladora esa insistencia en que Marbella ten colexios públicos e privados para que as crianzas medren felices. Seica hai descricións que revelan moito máis dos prexuízos de quen as emite que dos lugares descritos.

Corsos á parte, no país molestou moito esa mención á “Galiza profunda” unha vez a destapou, de todos os xornais, La Voz de Galicia, o mesmo que ten unha sección especializada en sinalar como feísmo calquera amaño dunha cancela sempre que se faga no rural. De seguida prendeu a faísca nas redes sociais e indignáronse todas as forzas vivas, cos representantes políticos á cabeza. Nunha sorte de 25 de Xullo caído en outono, emuladores afeccionados dos publicistas de Gadis comezaron a lanzar nas redes declaracións de amor a esa Galiza profunda aldraxada no auto da xuíza: anécdotas da casa dos avós, onde o caldo sempre sabe mellor que na cidade e as crianzas poden xogar fóra, mostras de apoio de visitantes e fillos adoptivos do país, un catálogo de memes cos insultos máis coloristas do noso repertorio, e sobre todo fotos, moitas fotos que Turgalicia xa debe estar valorando comprarlle a Mark Zuckerberg ao peso, seleccionadas con esa mesma ollada nesgada da xuíza, romantizando corredoiras sen asfaltar, casas sen conexión a Internet e vellas sentadas a duras penas en paradas de autobús dos anos 70. Non faltou ninguén neste festival da reivindicación, nin os diarios galegos e estatais, nin os humoristas gráficos, nin as estrelas mediáticas, nin tampouco un lote de expatriados que reivindicaron as súas orixes humildes desde os seus postos de investigación e docencia na diáspora. Ao terceiro día xa había mesmo merchandising, camisetas e chapas pregoando o orgullo de sermos da Galiza profunda.

Nin nos seus mellores tempos soñara o Bloque cunha defensa tan inequívoca do noso feito diferencial, pero probabelmente o que acabe sacando rédito político será Feijóo, que, como non, compartiu en redes a súa propia foto de Neno de Aldea™ para refocile do seu electorado. O presidente é todo un experto en desviar a atención do público e simular que defende arreo o que xustamente está a atacar, e raro é que non vaia tirar proveito desta idealización acrítica da Galiza rural, unha arcadia que todos louvan pero na que ninguén vive.

Os de eixo da AP9 sentímonos cómodos atacando a xuíza ignorante porque Torea é unha parroquia de Muros, e en Muros aínda queda unha oficina de Abanca e ten enlace á autovía de Noia. O que ninguén se preguntou no frenesí da reivindicación popular foi que pasaría se á nai lle dese por mudarse a Outes, que ten que compartir pediatra con Lousame e Noia porque o Sergas non cubre as baixas; ou á Baña, Vimianzo ou Zas, que este ano viron desaparecer as súas oficinas bancarias; ou a Becerreá, cuxo instituto tivo que suprimir materias e liñas este ano por esixencia da consellaría malia contar con docentes e horas para impartilas; ou a calquera das 215 parroquias nas que a Xunta pechou escolas unitarias nos últimos 15 anos; ou a calquera das paradas de tren rexional que a alta velocidade deixou incomunicadas.

Teno ben doado Feijóo cando non ten máis ca apelar ao noso orgullo de Galiza profunda e insinuar que os ataques veñen de fóra, dos que non nos entenden, non, para que nos lancemos a unha competición estúpida a ver onde se crían os nenos coas bochechas máis rosadas e esquezamos que a calidade de vida pasa pola calidade dos servizos públicos. Cómpre non perder o foco niso, e despois xa podemos encher o twitter con todas as fotos de vacas que queiramos, faltaría máis.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats