Galicia sae á rúa con motivo do 17M para reivindicar o dereito a vivir en galego

As rúas das principais cidades galegas, con Santiago como núcleo central das reivindicacións, berraron este 17 de mayo, Día das Letras Galegas, a reclamación de “poder vivir en galego”. A manifestación deste ano coincide co treito final da campaña electoral que haberá de debuxar o novo mapa municipal o vindeiro 28 de maio.
A manifestación de Santiago, convocada pola plataforma 'Queremos Galego', arrincou ao mediodía da Alameda compostelana para chegar á Praza de Praterías, case unha hora despois. “Sempre en Galiza, sempre en galego”, foi a consigna máis repetida durante o discurrir da protesta.
O portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, destacou que pese a ter pasado corenta anos dende a lei de normalización todavía hai que andar atrás dos poderes públicos a pedir “que se cumpra”.
“Vemos, aínda hoxe, como o presidente da Xunta, que ten a obriga de promover e usar o galego, en plena campaña electoral atrévese a non usalo e incluso atacalo. Algo que tamén fixo hai uns anos cando se manifestaba polas rúas de Santiago en contra do galego”, asegurou en referencia á presenza de Rueda naquela manifestación convocada por Galicia Bilingüe en 2018, contra a política en torno ao idioma do Goberno bipartito de PSOE e BNG.
Na súa intervención subliñou o esforzo de funcionarios e profesores que fan posible unha administración pública e un ensino en galego. Maceira lembrou tamén que este 17 de maio cúmprense 60 anos da primeira celebración do Día das Letras Galegas, a proposta de Fransciso Fernandez del Riego, homenaxeado na edición deste ano.
A manifestación reuniu aos líderes da oposición, Ana Pontón (BNG) e Valentín González Formoso (PSOE) e a outras figuras da política galega como o secretario xeral de Anova, Martiño Noriega.
Tanto a dirixente nacionalista como o político do PSdeG censuraron as políticas do PP; Pontón calificou como “lingüicidas”. Formoso, pola súa banda, insistiu en asegurar que “non se debe esquecer” o pasado de Alfonso Rueda como un dos presentes nas manifestación de 2018 contra do idioma propio da Comunidade Autónoma.
0