Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
La izquierda presiona para que Pedro Sánchez no dimita
Illa ganaría con holgura y el independentismo perdería la mayoría absoluta
Opinión - Sánchez no puede más, nosotros tampoco. Por Pedro Almodóvar

Paco del Riego, o galeguista infatigábel que inventou o Día das Letras Galegas

Francisco Fernández del Riego e a súa dona Evelina Hervella na praia nos anos 50

Daniel Salgado

1

Francisco Fernández del Riego non era só un escritor pero escribiu centos, milleiros de páxinas e ducias de libros. Non detentou máis cargo institucional que xa no último tramo da súa vida a presidencia da Real Academia Galega, pero o seu pulo atópase dalgún xeito no núcleo da cultura oficial, e oficialista, que define a Galicia da autonomía. Militou no Partido Galeguista antes da guerra e no clandestino Partido Socialista de Galicia nos 60 e embarcouse na reconstrución nacional dun país durante a longa noite de pedra. A el, canda Ferro Couselo e Manuel Gómez Román, debéselle un dos grandes e máis populares inventos do galeguismo cultural, o Día das Letras Galegas que, desde 1963, celebra cada 17 de Maio a literatura en galego a partir dunha autora ou autor. Este ano tócalle, precisamente, ao infatigábel Francisco Fernández del Riego.

“O seu gusto e a súa diversión maior é o traballo, a dedicación diaria a unha chea de labores imprescindibles para que no mundo da cultura galega tiren para adiante moitas cousas”, explicaba o novelista Carlos Casares nun artigo de 1979, “edicións, libros de batalla, traducións non firmadas, recensións, resumos e recortes de prensa para os centros galegos de América, etcétera”. É esa “moral calvinista, de home ríxido e concienzudo, incapaz da máis leve neglixencia coas súas obrigas” detectada por Casares a que aínda salientan estudosos e investigadores da vida e obra de Del Riego. Que en 1979 xa vivira varias vidas, todas como un dos motores fundamentais de certo e crucial galeguismo.

Nado en Vilanova de Lourenzá en 1913, fillo dun comerciante con posíbeis, o seu espertar ideolóxico e cultural sucedeu, como o de tantos compañeiros de xeración, ao sol da II República. Iniciou estudos de dereito en Madrid en 1930, pero ao ano seguinte xa os continuaba en Galicia. É nese momento cando adquire o seu primeiro, e a dicir dos biógrafos vital, compromiso político: incórporase ao acabado de fundar Partido Galeguista. Foi, ademais, o primeiro secretario xeral da súa organización xuvenil. Esta etapa de Del Riego, menos coñecida que a posterior á Guerra Civil, fascina ao crítico Ramón Nicolás, autor da biografía Vida e obra dun obreiro do galeguismo (Xerais, 2022). “Era unha persoa extraordinariamente brillante, preparada e moi informada”, sinala, cuxa sinatura era habitual na prensa progresista e republicana.

O historiador Justo Beramendi reuniu materiais desa época no volume Loitando pola Galicia que non foi. Artigos e conferencias. 1932-1936 (Galaxia, 2023). “Neles vese un home comprometido co galeguismo e coa modernización e a galeguización da universidade, ao tanto das novidades literarias do seu tempo, embarcado na divulgación do que chamaba 'esencias do país”, engade Nicolás. E implicado no Seminario de Estudos Galegos, na pioneira Asociación de Escritores de Galicia, na agrupación de excursionistas Ultreya ou, de maneira moi intensa, na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de 1936. O levantamento fascista do 18 de xullo tallou, de vez, aquel mundo. Del Riego, que gañaba a vida como profesor de dereito na universidade, foi inhabilitado polas autoridades sublevadas. Acabou no exército do bando nacional -foi o medio que atopou para evitar maiores represalias- e participou nas batallas do Ebro, Teruel e Extremadura. Na posguerra, unha vez que os antifascistas da Península comproban como os vencedores europeos da Segunda Guerra Mundial van permitir a continuidade de Franco, todo comeza de novo.

“A durísima posguerra”: inhabilitado como profesor, detido en 1947

“É abraiante como xa nos anos 40 escribe artigos sobre cultura galega aquí e en publicacións de Venezuela, Arxentina...”, lembra Beatriz Liz de Cea, que en Don Paco. Letras para a arte galega (Galaxia, 2023) profundiza na vizosa relación de Del Riego coa pintura. “O problema non foi só a guerra, senón a posguerra, durísima, e as súas batallas constantes coa censura”, di. Nese medio ambiente tebroso empeñouse nos intentos iniciais de recontrución do galeguismo político, o que lle valeu unha detención e consello de guerra en 1947. Resultou exculpado. Parte do nacionalismo galego decidiu daquela unha virada estratéxica: depositar os seus esforzos na resistencia cultural, abandonar o campo directamente político. Nace a Editorial Galaxia. É 1950.

“Del Riego era altamente resolutivo, executivo”, sintetiza Ramón Nicolás. De aí que se convirta en peza imprescindíbel da máis importante empresa editorial galega durante os anos da ditadura. A súa “indiscutíbel cabeza visíbel”, segundo o informe do comunista Ramón de Valenzuela para o seu partido. Ramón Piñeiro, figura moito máis divisiva, é o teórico, Del Riego o práctico. “Un home que actuaba sen tatexar, que envolvía no seu dinamismo aos demais, lonxe das maneiras máis reflexivas, ás veces tatexantes e en ocasións indecisas de Piñeiro”, escribe Xosé Luís Franco Grande no seu reconto memorialístico Os anos escuros (Galaxia, 2004). Pero Del Riego non renuncia á política: involúcrase no clandestino Partido Socialista Galego, de obediencia federalista no inicio e logo evolucionado ao nacionalismo. Fundado en 1963, Xosé Manuel Beiras foi un dos seus líderes, e Del Riego o seu primeiro presidente.

O caso é que nos anos de Galaxia emerxe como esteo da literatura galega. Anima cos seus escritos o suplemento La Noche [de El Correo Gallego], “onde os galeguistas comezan a asomar a orella” -segundo apunta Nicolás-, dispara correspondencia en todas direccións -busca autores, abre a conexión cos exiliados republicanos e cos colectivos de emigrantes-, encárgase de dispoñibilizar durante décadas a revista Grial e mesmo consegue que Álvaro Cunqueiro -arrimado ao réxime a primeira hora, logo caído en desgraza nun episodio por aclarar- volva escribir en lingua galega. Relatáballo ao xornalista Perfecto Conde nun libro de conversas publicado por Xerais en 2018. “Insistín tanto que por fin un día non me dixo nada, pero apareceu no meu despacho con 20 ou 30 folios escritos do Merlín. Deumos. Eu linos. E, coma sempre, sentín admiración por Cunqueiro. Díxenlle que seguise escribindo e pedinlle 1.000 pesetas a Xaime Isla [da editorial Galaxia] para darllas a el […] e que seguise escribindo o libro”, contaba. En 1955, Merlín e familia sería o primeiro dos libros de narrativa en galego do mindoniense, talvez o narrador en galego máis celebrado do XX.

“Conseguíu, a partir das portas pechadas, abrir outra máis grandes”

“Foi, con Isla, a verdadeira alma de Galaxia. Del Riego conseguíu, a partir das portas pechadas, abrir outra máis grandes”, considera Liz de Cea, para quen a súa “visión de universalidade” é chave. Aplicouna ás notas de lectura, pura divulgación, recollidas por caso en Letras do noso tempo (Galaxia, 1974) ou Escritores de Portugal e do Brasil (Ediciós do Castro, 1984). A súa curiosidade, sempre ao servizo dunha certa idea de Galicia cuxo orixe se atopa no ideario do Partido Galeguista, levouno polos máis diversos vieiros. “Tiña unha idea global do que cumpría recuperar nunha cultura esnaquizada pola guerra”, afirma Liz de Cea. Escribiu sobre arte e sobre as peregrinacións xacobeas, sobre o precursor Antolín Faraldo -líder provincialista no XIX- e sobre o alcalde paseado de Santiago de Compostela Ánxel Casal, sobre Luís Seoane -pintor, ensaísta, poeta, un dos intelectuais de maior envergadura do XX galego- e sobre Eduardo Pondal -o poeta autor do himno galego-, sobre Vigo e a industria do libro -á que el contribuíu decisivamente- e sobre a pesca de mar. Pero Ramón Nicolás e Beatriz Liz quedan, sobre todo, cos seus dous tomos de memorias, O río do tempo. Unha historia vivida (Ediciós do Castro, 1990) e Camiño andado (Galaxia, 2003).

A súa inxente obra escrita palidece, porén, ante o seu papel como construtor institucional do galeguismo. Ademais de en Galaxia, que caída a ditadura transformaríase nun emblema da cultura autonómica, ao mandato de Del Riego na Real Academia atribúese a modernización da institución. Ingresara en 1960 cunha disertación titulada Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores e presidiuna entre 1997 e 2001. “Apareceu como persoa de consenso logo das convulsións da etapa de García-Sabell [filósofo e médico, tamén do grupo Galaxia, que compatibilizou a presidencia da Academia co posto de delegado do Goberno en Galicia]”, recorda Ramón Nicolás, “e púxoa ao día”. Tamén se encargou de erixir a Fundación Penzol, constituída a partir do legado bibliófilo dun rexistrador da propiedade, nun lugar inevitábel para estudos e investigadores. A súa idea de cultura, clasicista, dalgunha maneira consensual, xerarquizada -o informe do comunista De Valenzuela achacáballe entón elitismo-, non distaba, ao cabo, da que se adoptou como oficial na democracia posfranquista.

Francisco Fernández del Riego morreu en Vigo en 2010. Tiña 97 anos. Aínda en 2005 publicaba Por terras portuguesas (Caixanova), libro de viaxes, xénero ao que foi adepto. “Falan del como un obreiro da cultura”, asegura Liz de Cea, en referencia á monografía de Ramón Nicolás, “nunca desfaleceu, foi constante. Se queremos, todos somos herdeiros do seu legado e do seu exemplo”. O propio Nicolás vén coincidir. “É difícil atopar figuras así. Os tempos son distintos. O seu labor foi incansábel. Pero deixou certo herdo. Nunca sentín falar mal del”, resume. Estrañamente respectado por todas as familias do galeguismo -dun comunista e independentista como Méndez Ferrín a persoas arrimadas ao conservadurismo-, nexo entre xeracións, con Díaz Pardo o último dos elos coa República e o seu formidábel impulso político e cultural, o infatigábel Del Riego é, finalmente, protagonista da xornada que el mesmo inventara en 1963, o Día das Letras Galegas.

Etiquetas
stats