Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Pequenos franquistas sen importancia
Aconteceu hai cousa dun mes. En Madrid. Despois de pasear por unha verbena de barrio cunha amiga, baixo á estación de metro e agardo na calor sufocante da plataforma. Non deixa de sorprenderme o xeito en que o verán máis insoportable está devorando as demais estacións sen que poidamos facer nada. O tren chega e vomita de súpeto unha pequena horda. Baixan amoreándose. Son vinte rapaces —se cadra máis— co brazo en alto mentres berran “¡Pedro Sánchez, hijo de puta!”. Unha e outra vez. Pasan diante de min coa mesma forza coa que o tren saíu do túnel. Quedo calado e subo ao vagón. Dentro, o chan está pegañento polo alcohol e hai algúns cristais rotos. Son os restos do fervor, o cuspe das lesmas pola noite. Recoñezo ese rastro como propio; outros días, noutras circunstancias. O clamor da turba aínda resoa ao lonxe. No tren, un rapaz queda berrando: “¡Pero si yo soy de los vuestros, que soy de falange!”. E escacha a rir mentres se pechan as portas. Despois, senta preto de onde estou e moumea: “Hay que ser subnormales...”. Parece resignado e tamén algo borracho. A medida que o tren avanza, vaise instalando en min un malestar. Acumúlanseme os máis de vinte mozos maiores de idade facendo o saúdo romano. A ducia de testemuñas silenciosas que axiña pasaremos a pensar noutra cousa. As cámaras de seguridade. A idea de que todo aconteza nun espazo público perfectamente controlado. Non haberá ningunha consecuencia. A situación repítese en todas partes, seino. A tolerancia acabará por nos matar.
A semana pasada, o CIS facía público que máis do 17% dos mozos de entre 18 e 24 anos cre que o tempo da ditadura franquista foi mellor que o da actual democracia. Leo a nova a través das redes sociais. Compártena sobre todo docentes. Xente nova coa que estudei na facultade e que leva só uns poucos cursos dando clase. O primeiro que penso é que un 17% segue sendo unha minoría fácil de manexar. O segundo, que ninguén a manexa, que absolutamente ninguén a couta. Todo ese profesorado está preocupado porque sabe que non sempre é posible reverter a situación dende as aulas. A educación é unha ferramenta fundamental, pero debe haber outras.
Ante o desencanto cun mundo que acumula crises e un sistema económico que o goberna moi por enriba da marxe política das administracións públicas, un mundo onde se impón o illamento a base de metas inalcanzables, parece lóxico que para parte da poboación a nostalxia sexa unha resposta natural, unha ficción con base pseudocientífica. Porén, nin así seriamos capaces de organizarnos en torno a un inimigo concreto. O fascismo infiltra a linguaxe, non precisa estes días vestir uniforme nin consignas perfectamente recoñecibles, campa polas redes sociais e chega aos patios de instituto. E quizais aí, si, o poidamos deter durante un par de horas, uns meses, se cadra uns cantos anos: deste lado dos muros dos centros educativos intentamos que así sexa. Pero de que serve se despois o atopamos con total impunidade nunha parada de metro, nunha praza fronte a fronte con outros manifestantes, en calquera espazo público?
O fascismo de baixa intensidade, que a miúdo se relaciona de maneira estreita co pasado franquista, semella sempre inofensivo, case invisible ata que emerxe e, mesmo neses casos, algo minoritario: caprichos de xuventude ou senectude e cousa duns poucos. O risco desta capacidade de transixencia que desenvolvemos especialmente nos últimos anos e que nos acompaña desde a Transición é a de non comprender que estamos incorporando eses xestos ao clima da vida pública. Algo que debera parecer imposible, prohibitivo nun país coma o noso. É tentador pensar que nos últimos tempos —véxase o caso de Torre Pacheco— quizais é máis fácil estar orgulloso de ser franquista ca nun pasado. Que facer ante esta violencia que non obtén resposta? Acaso deberiamos agardar a que chegue de novo o tempo de ETA ou das GRAPO? A que estale a violencia a grande escala? Carece o Estado de ferramentas para borrar a Franco da vía pública 50 anos despois?
Cada sábado imaxino que o metro de Madrid descarga un grupo de pequenos franquistas sen importancia neste ou naquela estación. Teñen dezaoito, vinte, vinte e dous anos. Recibiron xa, nesa altura —estou seguro—, algún tipo de resposta moral e pedagóxica. Cruzáronse no camiño con persoas coas que mantiveron conversas civilizadas e informadas sobre o asunto. Recibiron respostas difíciles de rebater. E aínda así, non foi abondo. E agora que? Agora é o tempo da política e a comunidade, o tempo da cultura. Está nas nosas mans exixirlle ás autoridades que freen a escalada silandeira do fascismo nos espazos compartidos —públicos e privados— porque, mentres seguimos dando carta de naturalidade á conversa sobre quen tivo razón —se Franco ou as vítimas—, vainos devorando a nosa propia tolerancia, aumenta sufocante a calor do verán.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
1