Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

A Deputación da Coruña reforza todos os programas sociais e impulsa a Rede de Concellos para o Benestar

Visita do presidente da Deputación ao centro de día da Asociación Coruñesa de Dano Cerebral (ADACECO).
15 de noviembre de 2021 14:36 h

A Deputación da Coruña fai do ámbito social un dos seus eixos fundamentais de actuación co novo Plan de Acción de Servizos Sociais, co que impulsará unha Rede de Concellos para o Benestar. O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, presentaron ante alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras de Servizos Sociais e representantes de entidades sociais da provincia da Coruña o que será a folla de ruta das políticas da institución provincial neste eido para os vindeiros anos.

O Plan de Acción de Servizos Sociais é froito dun proceso participativo nunca antes feito na Deputación, que ten como resultado 18 diagnósticos comarcais e un provincial que permiten coñecer en detalle a realidade na que se atopan os Servizos Sociais dos municipios da provincia co obxectivo de configurar actuacións para garantir unhas prestacións de calidade e con garantías.

“Coa implementación desta guía queremos adaptarnos a un contexto moi cambiante, evolucionando de acorde ás necesidades que se vaian presentando na nosa sociedade para non deixar a ninguén atrás nesta recuperación, sempre dialogando con todos os eixos implicados”, explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso. Este proxecto enmárcase dentro do compromiso provincial coa axenda social, que neste 2021 reforzou todos os programas do eido e fixo “a maior aposta social na historia desta institución, incrementando nun 137% a partida destinada a esta área con respecto ao exercicio anterior”. Segundo definiu a deputada provincial Ana Lamas, “esta Rede de Servizos Sociais comunitarios busca estar ao alcance de toda a nosa provincia, que o acceso sea universal e que non existan diferencias entre un cidadán de Carnota a outro que resida na Coruña. Porque ese apoio aos Concellos, en espacial aos máis pequenos, é a razón de ser da Deputación”.

Este proxecto permitirá configurar a Rede de Concellos para o Benestar. Un mecanismo a través do que a área de Benestar da Deputación lle prestará apoio, atendendo ás súas competencias, aos departamentos municipais deste sector, con especial atención aos concellos con menos de 20.000 habitantes. Esta colaboración trasladarase en financiamento de prestacións e na asistencia técnica e operativa a disposición dos equipos técnicos municipais. Destaca tamén a creación de equipos comarcais que se coordinarán cos locais á hora de ampliar o alcance e profundidade das accións a desenvolver no seo das políticas de benestar.

Así mesmo, tamén se iniciará un vieiro para a creación das Redes Comarcais de Entidades para o Benestar, que estarán compostas polos equipos técnicos comarcais da Deputación, polos concellos e polas entidades do TSAS que establecerán relacións multidireccionais para a detección e incidencia coordinada sobre diferentes problemáticas sociais de relevancia local. O plan será a base para a creación dun novo modelo de benestar na provincia.

A Deputación incrementou nun 137% o orzamento dedicado a área social con respecto ao exercicio anterior

Este novo plan súmase ao impulso que a Deputación realizou no ámbito social para enfrontar as consecuencias da pandemia. O presuposto dedicado a este eido pasou dos 12 millóns de euros do exercicio anterior aos 27,5 actuais, “situando as políticas sociais e de reactivación económica e apoio aos sectores máis afectados pola pandemia como maiores preocupacións. No corazón da acción política da Deputación”, sinalou González Formoso.

Por outra banda, o Plan Único, principal programa de investimentos da Deputación nos 93 municipios da provincia da Coruña, incorporou por primeira vez un Fondo Social de 14 millóns de euros para gasto social. “Un orzamento co que se ampliamos os Servizos de Axuda no Fogar, reforzamos a plantilla de persoal nas áreas sociais dos concellos, financiamos programas de respiro e conciliación familiar e laboral, facilitamos a adquisición de EPIs e axudas directas ás familias vulnerables, entre outros”, argumentou González Formoso.

Finalmente, a Deputación reforzou tamén o seu servizo de Teleasistencia, que experimentou durante a pandemia un importante incremento no número usuarios e usuarias, que supera xa as 2.700 persoas.

González Formoso demándalle á Xunta de Galicia maior implicación económica en servizos sociais estratéxicos como o SAF

Nos últimos anos, o goberno provincial de Valentín González  tamén incrementou progresivamente o orzamento do plan de apoio aos servizos sociais municipais, que pasou dos 4 millóns de euros en 2016 aos 8 millóns no 2021. “A nosa achega para financiar neste eixo o Servizo de Axuda no Fogar é un 20% superior ao da Xunta para o mesmo fin, a pesar de que é esta Administración a que ten as competencias na área social e conta con maior presuposto”, argumentou o presidente provincial.

“Desde a Deputación da Coruña estamos a asumir neste servizo un papel que realmente debería estar desempeñado pola Xunta. Unha nova mostra de que desde a institución provincial estamos a entender a forma de facer política dunha forma diferente, máis humana, máis social, desde a base, dialogando coa poboación e concentrándonos nas persoas”, indicou González Formoso. O presidente da Deputación tamén incidiu en que “a axenda social ocupa para nós un posto fundamental nas nosas estratexias. Neste contexto, demandámoslle ao Goberno autonómico unha maior colaboración económica en servizos sociais fudnamentais para a vida das persoas como a Axuda no Fogar”.

Etiquetas
stats