Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Ambulancias na Galiza: servizo público?

Una ambulancia del 061 desplazada a una intervención en Boiro (A Coruña)

2

Moitas cousas se ouven como rexoubes: unhas veces penosas, outras asombrosas, outras cómicas. Mais todas teñen en común a característica de falar dun servizo moi pouco eficiente. Desde o amigo médico que ao saber que un familiar ten síntomas de ictus, di: vide no coche ao hospital e non esperedes pola ambulancia. Pasando polo coñecido que tardou 6 horas e media en ser “levado” desde o CHUS ao Hospital de Conxo (distancia en coche privado, sen atascos, 4 minutos), ou os 28 minutos que tardou en acudir unha ambulancia (sería medicalizada?) ao centro de Lugo cando a finada alcaldesa caiu sen sentido... ou a ambulancia que leva doentes das aldeas a curas varias, ou aos centros de día ou a visitas postoperatorias... O número e a natureza tan diversa de casos dan para analisar a adecuación do servizo deseñado pola administración pública responsábel, a dotación orzamentaria e as condicións de desempeño.

É unha característica desta sociedade capitalista a existencia de desigualdade tanto como a de crecemento económico imparábel: médrase sempre; malo se hai paradas, e sempre que hai crecemento tamén son xeradas máis mercadorías, máis servizos e novos focos de desigualdade. Con este comezo podemos pensar lexitimamente que xa non podemos ir máis alá da linguaxe abstracta e evidente por si mesma. Mais a modo de anécdota de advertencia sen máis pretensións, podemos pasar a observar algúns feitos relativos ao funcionamento do servizo de ambulancias na Galiza como parte dun servizo público de sanidade, do que é, en todo caso, un elemento auxiliar.

A denominación de auxiliar non resta en absoluto valor ao seu rol decisivo na atención, xa que despois de ter logrado nalgúns servizos sanitarios unha excelencia recoñecida en toda a parte, o seu papel pode ficar no fracaso por unha ausencia no traslado ou na atención inmediata, en caso de vida ou morte. Diríamos que de auxiliar pódese converter en ponto crítico da calidade de asistencia. Para comezar, é un servizo público desempeñado por empresas privadas que subscreben un contrato co Sergas para o desempeño dese servizo. Pode ser o Sergas directamente ou a través da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias 061.

A cobertura dos servizos de calquer tipo de ambulancias realizase por empresas privadas que acoden aos concursos convocados, valorados segundo criterio público estabelecido. A lóxica de quen concursa para cobrir o servizo é de negocio privado, é necesariamente de obter beneficios. Certo: non se coñece unha empresa privada que preste servizos, ao mundo ou ao Sergas, a perda. Os beneficios han ser calculados desde o cumprimento das condicións do contrato de servizos públicos con dúas condicións: cumprilo e xestionar os fondos de disposición polo pagamento, como se poida.

Os fondos de disposición pública por lei han ser os máis económicos posíbeis: mesmo houbo concesións incríbeis, é dicer, de non dar creto polos contendentes non gañadores (estas teñen desaparecido, denominábanse á baixa temeraria: até 18% inferior á media). Unha vez contratada, a empresa adxudicataria actúa segundo pode e sabe, para cumprir as condicións do contrato. Mais ten que traballar moi, moi axustadamente, para aforrar custos en todos os capítulos, e os pequenos empresarios só saben aforrar en persoal: na organización non lle veu a luz dos entendidos, en custos de subministros tampouco hai moita posibilidade de compras negociadas..., así que semella que o aforro en man de obra é un elemento chave da esperada boa xestión de traballar no límite.

Os contratos coa administración aínda poden dar máis de si: á parte do ‘cutrerío’ do contrato, sábese cando remata e aínda que a lei obriga a unha anovación en prazo (que ten que ditaminar a Administración), non saen a concurso obrigando ás empresas concesionarias a unha prórroga ao mesmo prezo e en condicións economicamente non asumíbeis, por tempo superior á duración estipulada. En fin, que dun servizo inicialmente creado para cobrir as necesidades de transporte e asistencia urxente de enfermos, nunha poboación que foi mudando de hábitat, de idade e de servizos sanitarios, tense convertido en prestación de servizos múltiples, algúns moi alonxados das necesidades de asistencia sanitaria en transporte especializado e noutros casos, realmente urxentes, no sentido vital do termo, incapaces de acudir por falta manifesta de medios disponíbeis.

Tres servizos distintos podemos contemplar. O requirido de ambulancia medicalizada: hai 12 na Galiza. Non sei se chegan, se fan falta máis; o caso é que hai moitas posibilidades de que habendo dúas urxencias da mesma natureza en comarcas moi amplas, unha quede sen asistencia. Por exemplo, a área sanitaria de Santiago abranxe unha comarca —ampla e moi poboada— que vai desde Mazaricos a Rodeiro ou desde Ribeira a Mesía. É fisicamente imposíbel que se poida cobrir cunha soa ambulancia daquel tipo máis dun servizo á vez. E xa non consideramos o aumento de poboación flotante que se produce en épocas de turismo, nomeadamente nos concellos da costa.

Mais hai outros servizos, os urxentes e os non urxentes. Algúns destes últimos acaban sendo servizos de traslados de persoas válidas mais necesitadas dun apoio físico para se desprazaren ao centro médico/asistencial ou mesmo noutros casos aos centros de día. O feito de destinar unha ambulancia como medio de transporte de persoas que poderían utilizar outro medio, converte o custo deste servizo concebido só como sanitario e urxente en substituto dun transporte de persoas do domicilio ao centro sanitario ou entre centros sanitarios sen ter necesidade nengunha de persoal de asistencia sanitaria. E é nestes casos de sobre-utilización dun transporte especializado en labores de taxis o que converte en máis ineficiente un servizo que debería cobrir só asistencia sanitaria (así pasa no caso do regreso co médico/a ao PAC de procedencia desde o centro hospitalario). Non é igual auxiliar a unha persoa dependente a se trasladar ao centro de día que a un enfermo cunha perna rota que vai ser intervido cirurxicamente, que a un accidentado laboral con abundante perda de sangue, que trasladar a un válido ao hospital a un postoperatorio.

A responsabilidade no deseño, na planificación, na distribución e na valoración dos servizos para cobrir as necesidades sanitarias mediante transporte de enfermos é responsabilidade pública, neste caso do Sergas. Así mesmo, correspóndelle ser quen de discriminar moi polo miúdo a adecuación do uso de ambulancias ás necesidades sanitarias dos doentes. E na cima das decisións ben tomadas en favor do benestar colectivo, asumir como servizo público directo o urxente e imprescindíbel e dotar no caso traslado de persoas entre centros e entre centros e domicilios, o resto. Mesmo sería máis económico e funcional que en lugar de ambulancias se denominase este último servizo público de asistencia á doentes. Moitos cidadáns—entre os que se atopa servidora—preferiría un co-pago e unha certa dilixencia na prestación de servizos complementarios, que contemplar os problemas que van aumentando coa crecemento da asistencia e calidade dos servizos sanitarios.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats