Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Anacrónico e atemporal

Luís Pardo

1

É incrible o importante que é o importante xusto ata que deixa de ser importante. Hai apenas un mes, todo pasaba polas eleccións. Todo. Tanto é así que eu cheguei a pedir, reclamar, solicitar, urxir, pregar… que se convocasen dunha vez para non facernos sufrir máis. O ambiente político era irrespirable e non había nada que non se lese xa unicamente en clave de precampaña.

Hoxe, a súa celebración non nos pode importar menos. O asunto xa é “anacrónico”, tal e como dixo este domingo na SER o conselleiro de Economía. Gústame o termo. Eu tiven un xefe que me pedía que escribise as noticias “de xeito anacrónico, que vallan para calquera día”. Sempre pensei que quería dicir “atemporal”, pero a RAG pon como exemplo de atemporal a Shakespeare e a min pareceríame esaxerado que me pedisen algo comparable cando só estaba contratado a media xornada. Que logo currase oito ou dez horas cada día supoño que tamén ía no carácter atemporal do asunto…

Sen fútbol do que falar nos bares e sen bares nos que falar de política, o mundo semella ter entrado en fase de hibernación. Non sabemos se, cando espertemos, o dinosauro seguirá aí. Por dinosauro, claro, queremos dicir o Emérito. Despois de que o seu fillo renunciase á parte da herdanza que non inclúe a xefatura do Estado, houbo columnistas que lle recomendaron ao artista anteriormente coñecido como El Campechano marchar de España. Se pechan Galicia, tal e como pediu Ana Pontón, podería matar dous elef… dous paxaros dun tiro.

Contan que don Juan Carlos leva xa un tempo asentado en Sanxenxo, polo que non se lle pode culpar de ser un dos fodechinchos que levaron o terror ás zonas costeiras, mesmo obrigando a clausurar as praias como se en lugar dunha presada de inconscientes fosen tabeiróns de Spielberg. Se non se chega a declarar o estado de alarma e o confinamento masivo, iamos acabar precisando un barco meirande para trasladar tanto contaxiado.

Este escenario distópico semella moi adecuado para un cambio de réxime, agora que a posibilidade de cambio de goberno se apraza sine die por prescrición facultativa. Os mitins da campaña que debía comezar na medianoite do xoves ao venres foron substituídos por comparecencias diarias do presidente da Xunta. En castelán, supoñemos que para que o entendan tanto o Emérito como o resto de persoas procedentes da Meseta ás que lle pareceu fantástico vir pasar aquí a corentena. Se isto se dilata e conseguimos censalos, adeus problema demográfico.

Na súa rolda de prensa do domingo (foi o domingo? é incrible como se parecen ultimamente entre si os días… ), Feijóo pediu que non se “estigmaticen” e esa frase encheu titulares. Pero no peche da súa comparecencia, deixou estoutra reflexión: “O pico de contaxio vai seguir subindo porque o número de persoas que se moveu fai que practicamente todos teñamos a mesma vulnerabilidade. Había territorios con menor vulnerabilidade e, agora, cos movementos dos últimos tres días, non puidemos corrixilo. Agardo que o confinamento nas casas diminúa os riscos de contaxio”. Xa o dicía a DXT hai unha pila de anos: as imprudencias, páganse. O que non aclaraba era a quen lle ía tocar facelo…

O anuncio da DXT ao que me refiro, millennials, é do ano… hostia: 1992. Como a Expo, os Xogos Olímpicos de Barcelona, o Cobi (o Covid, non… o Co-bi!). Xa sei o que pensades: que é anacrónico. Pode ser, pero tamén e anacrónica a Monarquía e aquí seguimos, facendo todo o posible por convertela en atemporal.

Que agarden a que espertemos. Da hibernación, claro. Que podía ser senón…?

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats