Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Presencialidade
Hai pouco lin nas redes sociais a denuncia dunha muller embarazada que contaba que todas as citas que lle poñen coa matrona son telefónicas. Para controlar o peso e a tensión, que á algo fundamental que as matronas fan durante todo o embarazo, recoméndanlle que vaia a unha farmacia e faga uso dunha máquina de pago. Supoño que o noso conselleiro de saúde dá por feito que todas as embarazadas poden dispoñer duns euros soltos para meter na máquina, do mesmo xeito que aquel conselleiro de Cospedal daba por feito que todos os pensionistas tiñan oito euros para gastar en cafés. Alén das desigualdades inherentes a este novo co-pago de facto, a atención presencial debera estar garantida durante a maioría das consultas do embarazo. As matronas son profesionais cualificadas que non só toman constantes e pesan, tamén aclaran dúbidas, dan recomendacións sanitarias e de dieta, valoran riscos, e sobre todo observan a evolución das mulleres que acoden á consulta e detectan cambios de fisionomía, actitude e estado de ánimo, que poden influír nun embarazo e que dificilmente se perciben nunha conversa telefónica dun par de minutos.
Poderiamos pensar que o goberno da Xunta optou polo utilitarismo de Bentham e que relegar os embarazos á atención telefónica é un risco calculado para nos protexer dun mal maior, neste caso o coronavirus, pero moito antes de que aparecese este virus as consultas presenciais, e particularmente a prevención da saúde das mulleres, xa se viran afectadas por outras medidas semellantes: hai dez anos o Segas decidiu, contra o criterio do grupo de traballo que redactara a súa propia Guía de prevención do cancro xinecolóxico, suspender as revisións xinecolóxicas completas que se viñan realizando cada ano e substituílas por unha citoloxía cada tres anos nos centros de saúde. As axendas das distintas especialidades foron retrasando citas mentres o Sergas derivaba pacientes a hospitais privados para, dicían, non aumentar as listas de espera. Agora é a quenda da atención primaria e, con todas as medidas anti-COVID relaxándose noutros ámbitos, as consultas presenciais resístense a volver: o conselleiro García Comesaña falou esta semana de incentivar os médicos para recuperar un 60% desas consultas, como se os médicos non levasen xa tempo pedindo máis medios e persoal para recuperar a presencialidade. O conselleiro dixo un 60% como ben podía ter dito un 90% ou un 15%, quen debe valorar cando é necesario ver un doente na consulta e cando a atención telefónica abonda son os e as profesionais da saúde, non unha porcentaxe establecida por decreto.
Con todo, o que é malo para a saúde semella non selo para a educación e, na mesma semana na que o conselleiro García Comesaña auguraba que nos centros de saúde nunca se volvería dar o nivel de atención presencial previo á COVID, o goberno central propuña ás comunidades autónomas unha volta ás aulas presencial en todos os niveis educativos para o curso que vén. É sen dúbida unha boa nova, os membros da comunidade educativa levamos case un ano pelexando para que se poidan dar clases presenciais de forma segura. Na súa proposta a ministra Celaá fala dunha volta presencial mantendo as principais medidas de prevención contra a pandemia: o uso de máscaras, a limpeza dos centros, os “grupos burbulla” e aquela separación entre pupitres que xa fora minguando desde os dous metros das primeiras recomendacións de hai agora un ano até o metro e medio de comezos de curso. Significa iso que a ministra por fin escoitou o clamor para reforzar os cadros de persoal docente e non docente e baixar as ratios de alumnado por aula? Acordar iso coas autonomías non só favorecería as medidas anti-COVID senón tamén a atención individualizada e á diversidade que propugna a súa flamante lei de educación. Por desgraza, só hai que pasar do titular da noticia para atopar a resposta a iso: o goberno propón volver á clase de forma presencial respectando as medidas de prevención porque propón reducir esas medidas de prevención: minguar a distancia de seguridade entre pupitres até practicamente a distancia habitual anterior á pandemia e ampliar os chamados grupos burbulla até vinte e cinco estudantes, é dicir, o de antes da pandemia. Chámalle parvo ao can.
O certo é que a redución de presencialidade na atención primaria e o aumento de presencialidade (e de ratio) nas aulas públicas teñen pouco que ver coa pandemia ou coa saída desta. Unhas e outras medidas xa estaban en marcha antes de que o virus botase a andar polo mundo, sempre tiveron como obxectivo e principal xustificación a austeridade, e foron pouco contestadas por un pobo educado para confundir investimento con gasto cando falamos de servizos públicos.
Cando chegou o coronavirus o medo apremounos a facer un exame de conciencia máis ben superficial, e prometémonos a nós mesmas (e a todo aquel que puidese ler as nosas mensaxes de cores en xanelas e balcóns) que iamos saír mellores de todo isto e que todo ía cambiar. Un ano despois de todas aquelas promesas, quen nos goberna ten aínda máis présa ca nós por volver ao status quo anterior á pandemia: recortes públicos e pouca contestación social, e aquí estamos nós, escandalizándonos por unha foto de quince imbéciles de festa sen máscara, mentres nos preguntamos se no centro de saúde nos van facer a citoloxía hoxe, o mes que vén ou dentro de tres anos.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0