Galicia Blogs y opinión

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de eldiario.es en Galicia.

Se unha bolboreta bate as súas ás en Mallorca…

Estudiantes se suben al autocar a las puertas del hotel Bellver de Palma de Mallorca.

0

"Unha bolboreta bate as súas ás en Sri Lanka e provoca unha tempestade en California". Igual o slogan de presentación do concepto máis popular da teoría do caos se pasa de peliculeiro, mesmo para os que levamos un tempo vivindo nunha distopía. Probemos con outra cousa: "un grupo de rapaces participan nun macrobotellón en Mallorca e provocan o peche do ocio nocturno en Pontevedra". Bingo.

Hai tempo que ningunha pantasma percorre Europa (as xiras dos grandes grupos de pop canceláronse pola covid) e con tanto campo de golf e tanto chalé acaroado pre-Lehman Brothers xa non hai posibilidade de que un esquío cruce a Península choutando de árbore en árbore; pero o coronavirus aínda pode atravesar milleiros de quilómetros saltando de imprudente en imprudente. Levamos tanto tempo culpando os máis novos de todo canto gromo aparecía que, por unha cuestión estatística, algún día tiñamos que acertar. E foi no desconto…

A reapertura do ocio nocturno deixou imaxes que non crería nin Roy Batty: colas dun cento de persoas ante a discoteca Ruta… de día. Se os columnistas cipotudos de Madrid poden falarnos dos antros que frecuentan, como se nós tamén fósemos clientela habitual, deixádeme que evite replicar a escala ese centralismo. Para iso chegan un par de datos sobre ese templo da madrugada picheleira, que aquí nos serve sobre todo como metáfora.

O Ruta (que perdeu o 66 polo camiño) era dende hai décadas o sitio de acabar para aqueles aos que se lles facía moi costa arriba chegar ata o after pero non querían retirarse despois do Maycar. As colas á súa porta son lendarias, pero a única posibilidade de pillar alí un raio de lourenzo esixían agardar a que rematase a música e se apagasen as luces. E, se iso acontecía, conviña non esquecer as gafas de sol a risco de que che pasase coma o vampiro do anuncio aquel de Ray-Ban.

Pero iso era antes, claro. Desta vez aínda era de día, faltaba unha hora para abrir e había un cento de persoas agardando. Foi entón cando o comportamento dun grupo de exaltados provocou que o aguerrido persoal do Ruta decidise tirar pola rúa do medio e manter o local pechado como un búnker. Coa de cousas que terán visto sen se inmutaren na vella normalidade -a esas horas en que a xente respectable apura a recta final do seu sono- e un simple rebumbio na fila chega para convertelos en Gandalf ante o Balrog: "Non-Podedes-Pasar!". Queda claro que o virus aínda asusta máis que unha panda de borrachos alporizados. E iso é bo. Por xuntar dous clásicos, un gran poder conleva unha grande responsabilidade e non todos os heroes levan capa. Tampouco Spiderman.

Con todo, a situación cambiou, e moito. Os máis de dous mil contaxiados galegos non teñen un reflexo na mortaldade comparable co das vagas anteriores. Entre luns e venres, o Sergas confirmou dous falecementos en Galicia; o último, por certo, coa pauta da vacina completa e a sospeita dun contaxio antes de que a inmunización fixese efecto. Isto non ten nada que ver coas vagas anteriores nas que as residencias de maiores eran auténticas pasaxes do terror.

Se prospera a iniciativa dos compañeiros de Praza, esa que DomusVI tenta parar nos tribunais, poderemos coñecer o mapa real daquela catástrofe; e, de paso, a relación entre o modelo e as súas consecuencias. A Xunta, que tanto enredou, debería ser a primeira interesada en que se coñezan as cifras de mortos por centro. Polo menos, se a súa promesa de reformular o sistema de coidados vai en serio e non é un discurso baleiro como aquel que nos falaba da necesidade de refundar o capitalismo tras a crise de 2008...

Pero, mentres, vaiamos ao doado. Por exemplo: o botellón. Si, de novo. É como a enésima secuela dunha desas pelis palomiteras nas que o vilán resucita unha e outra e outra vez. Pero, nesta ocasión, a publicidade diríanos que retorna "máis poderoso ca nunca". E terían razón, porque aos problemas tradicionais desa forma de ocio (o ruído, o deixar o escenario coma a paisaxe despois dunha batalla, o consumo de alcohol sen beneficio para a hostalaría, ese xeito fluído e improvisado de relación que preocupa ás persoas de ben…) súmase o risco de transmisión do virus no único segmento da poboación aínda sen vacinar.

E conste que non é que sexan menos prudentes -demostrárono de sobra durante este último ano e pico-, é que son, simplemente, os últimos da lista. E aí os temos, como o esquío que mediu o vento antes de saltar á seguinte árbore, sen ter en conta que unha bolboreta acababa de bater as súas ás en Mallorca.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de eldiario.es en Galicia.

    Autores

Etiquetas
Publicado el
4 de julio de 2021 - 06:00 h

Descubre nuestras apps