Galicia Blogs y opinión

La portada de mañana
Acceder
España puede vacunar a todos los mayores de 60 en mayo si llegan las dosis
Entrevista - Illa: "Lo normal sería que Aragonès diese un paso al lado"
Opinión - El enemigo entra por la pantalla, por Rosa María Artal

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de eldiario.es en Galicia.

A vacina vén en AVE. Ou por que non dá chegado

Dosis de la vacuna de AstraZeneca contra la COVID-19

0

Na Galiza, ás veces, semella que gozamos se nos toman por lelos. De non ser así, non pasarían polo filtro a cantidade de simplezas que a diario cobren páxinas e páxinas de xornais de todo tipo (escritos, orais, dixitais, televisados...) para relatar unha especie de conto -neste caso verdadeiramente chino- de como van as cousas no referente á xestión da pandemia nas súas diferentes facetas: a sanitaria, a preventiva, a económica, a política... Ou podemos pensar, tamén, que os xornais publican contos ou relatos curtos, segundo conveña, no seu rol de emisores da literatura de ficción, no que á interpretación da realidade se refere. Comezando polo final, podemos asegurar con total acerto que nos gusta, prodúcenos pracer, que nos tomen por lelos porque de non ser así non tería sucedido un acontecemento como a espera do tren (este último é o chamado de Alta Velocidade Española, AVE). Levamos, mal que ben, máis dun século agardando polo tren, e, nesta última fase agardamos por un tren, que debido á velocidade de circulación, facía pensar que chegaría rápido. E seguiremos esperando.

A primeira liña de ferrocarril en Galiza foi o tramo Santiago de Compostela-Carril en 1873. Nas décadas anteriores había unha cantidade de prensa escrita verdadeiramente significativa para unha época de elevado porcentaxe de analfabetismo (uns anos só 6 e outros até 32 publicacións periódicas). Falamos de órganos de expresión da opinión pública que, naquel intre, eran as únicas posibilidades de comunicación social de masas. O clamor pola necesidade do ferrocarril foi unha constante diaria naqueles medios e permaneceu no tempo, xa que a secuencia de novas construcións e a cativeza do investimento público (cando non ausencia total) constituíron de forma permanente o leitmotiv do cadro formativo/reivindicativo.

E así seguimos como tónica xeral até os nosos días. Sería ben tedioso reproducir a cantidade de supostos "retrasos" do AVE unidos ás declaracións propagandísticas recollidas na prensa. O PP e o PSOE, gobernantes no Estado de forma alternativa desde 1978 a 2020, foron tamén alternándose nas irresponsabilidades para tapar a ausencia de planificación e dotación investidora destinadas ao tren en Galiza. Máis ben o que levamos padecido é supresión de servizos, paralización de investimentos, ausencia de execución de orzamentos aprobados e novos prazos con novas excusas. E todo isto observado por quen, como cidadá e economista, considera un disparate o proxecto do AVE para Galiza: seguimos sen comunicacións interiores e a présa por chegar a Madrid só é sentida por quen non quería celebrar reunións telemáticas (como agora en pandemia tivo que realizar). Que chegue o AVE, cando teñan a ben acabar a construción faraónica, que logo o problema a resolver será manter o seu funcionamento con subvencións, xa que non hai demanda dabonda para achegarse nin remotamente a súa rendibilidade económica.

Virá o momento de seguir procurando financiamento para o mantemento dunha liña que cando comece a funcionar xa terá desgaste polo simple paso do tempo e comenzarase a pescudar un uso alternativo para unha infraestrutura hiperdimensionada para a súa función. E, dados estes problemas, uns derivados da simple falta de vontade política, outros da comenencia do negocio asociado e máis outros da mesma natureza do AVE como o feito de ser transporte de pasaxeiros e non de mercadorías, é absolutamente lóxico e esperábel que as vacinas necesarias para os galegos non dean chegado. Non só non chegan senón que como dixo alguén é metafisicamente(!!) imposíbel. O conto das vacinas parécese bastante aos contos de desexo e esperanza. En situacións de guerra a propaganda de combate, as arengas, a difusión de esperanzas no remate da situación bélica xogan un rol necesario para manter a cohesión social en momentos moi difíciles.

É probábel que a criación dunha espera/esperanza na vacina anti covid-19 e nos seus efectos sobre a totalidade da poboación teña sido non só necesaria, senón o único elemento de futuro útil para saír da pandemia. O que si semella moi mellorábel é a xestión política de aprovisionamento, de acceso, de compra efectiva, de garantía de suministro (unha vez feita a merca) e finalmente de reparto para ser inoculada. De tal xeito que hoxe, tres meses despois do anuncio a bombo e fanfarria (máis algunha traca pre-Semana Santa) da chegada de millóns de doses ao Estado español (e as que lle corresponderan a Galiza) non hai nen o 6% de vacinados en todo o Estado. En Galiza hai só 144.511 persoas co tratamento completado. Son algúns maiores, persoal sanitario, coidadores,...Os maiores de 80 anos son (1-01-2021,IGE) 234.302, polo que ao ritmo até agora despregado, non é esperábel que nen sequera a poboación denominada de maior risco remate vacinada enteiramente antes do verán.

Dado que a vacinación depende en primeiro lugar do acceso e logo da disponibilidade material dos viais de vacina é aí onde reside o núcleo do problema. Considerouse un éxito -e para algún gobernante, un alivio- que a UE realizase a xestión en nome dos 27 Estados post-Brexit. Hoxe o tamaño da decepción na xestión so é comparábel ao fracaso de aprovisionamento. A visibilización de loitas fraticidas entre farmaceúticas, as dubidas nas capacidades mesmo dos órganos reguladores da UE en tema de medicamentos, a constatación da estrutura paquidérmica das institucións comunitarias e finalmente, pero non de menor importancia, a evidencia de accións de desbandada comunitaria da forma "sálvese quen poida" en plena pandemia, son as novas diarias, máis que o número de vacinados.

Hai dous meses só se albiscaba que Hungría tiña decidido se aprovisionar con vacina rusa. Hoxe sabemos con seguridade que Reino Unido tivo a ben xestionar autonomamente con AstraZeneca o suministro garantido das doses necesarias e ten vacinado 8 veces máis que Europa continental. Sabemos que hai 4 Estados máis -grandes Estados- que negocian con Rusia e probabelmente compraran Sputnik, xa que teñen acordado producila nos seus territorios. Hai outros que se sabe están en negociación coas farmaceúticas chinesas para chegar á compra de Sinovac, Sinopharm ou aquela que antes esté disponíbel,... É dicer: a constatación de caída en vertical do prestixio comercial da Unión Europea é so de menor importancia se a comparamos co feito material da espera con pouca esperanza pola vacinación masiva. Realmente a pandemia está sendo devastadora.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de eldiario.es en Galicia.

    Autores

Etiquetas
Publicado el
4 de abril de 2021 - 06:00 h

Descubre nuestras apps

stats