Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
A era Trump
É necesario denominar era Trump a época que se abre agora coa chegada do republicano ao goberno dos USA? Probabelmente si, porque van quedar de manifesto, van ser visíbeis, as novas regras de xogo mundiais entre USA e o resto do mundo. Mais unha cousa é especular en termos políticos sobre as estratexias e tácticas do novo presidente e outra —un pouco distinta— é razoar, como economista, dos límites que as relacións económicas actuais impoñen ás posíbeis tolerías ou accións inopinadas dun errático e temerario personaxe. Personaxe cun impacto mediático cuxa influencia vai moito máis alá do que sería racional esperar. Mesmo hai algúns non avisados que denominan nacionalista a súa maneira de se dirixir aos votantes con intención de ser escoitado en todo o mundo.
En realidade, non é máis que a cara esperpéntica do que foi a política exterior norteamericana —expresión pura e dura da cabeza do imperio— desde a segunda guerra mundial a hoxe. O camiño emprendido por outro republicano en 1971, dando o estoque inicial ao Sistema Monetario internacional creado segundo os intereses norteamericanos, viuse continuado coa ruptura das regras da OMC (Organización Mundial de Comercio, WTO), da retirada de fondos da Unesco, agora por Trump da OMS e só resta a OTAN, mais esta ten o contido de representación e financiamento dun dos maiores negocios actuais: a guerra. Trump non desfará a OTAN, mesmo conseguirá afortalala. Hoxe, a cabeza visíbel do imperio ianqui está achegando ao esborrallo total e faise evidente a necesidade de representar un cuadro de poderío na escena mundial.
Nunca, desde a Segunda Guerra e rematada a guerra fría coa conseguinte desaparición da URSS, creron nos EEUU que o poder económico chinés ía ser quen de lles disputar algún elo da primacía mundial. E xusto aí é onde se atopan economicamente: fóra do primeiro lugar por produción, por capital potencial, mesmo internacional (detentan unha parte da débeda exterior estadounidense), por influencia real nos cinco continentes e cuns socios europeos con moitas máis debilidades do que sería conveniente.
Continúa posuíndo dúas primacías: a do dólar e a das armas. E seguen capitaneando as relacións financeiras mundiais nun ámbito no que a definición actual do capitalismo é o feito de posuír capital financeiro, así como financiarizar todas as relacións económicas. Do resto quedan en evidencia: cada vez que hai un problema social interno con raíces de disparate capitalista (referímonos á ausencia de planificación e regulamentación), sen servizos públicos, padecen uns efeitos inexplicábeis.
Tanto no Katrina (2005) como nos incendios de California (2025) non se fixo visíbel o poderío do goberno federal nen a capacidade dos estados federados para liquidar problemas. América primeiro consegue dous efeitos contraditorios: un, que os seus votantes o apoien masivamente (niso reside a súa consideración de nación: é a súa masa de votantes) e dous, que unha parte do mundo que viveu máis ou menos harmoniosamente (?) baixo as ás da aguia ianqui teman o cambio de relacións entre amigos. Na economía actual, e para falar dos aranceis, o significado da mundialización/globalización das relacións económicas sobarda con moito a análise dos intercambios comerciais de mercadorías, os movementos de persoas e de capitais.
En realidade, denominamos globalización á mundialización do capitalismo actual que é de natureza financeira, e esta non está afectada polos aranceis nen por nengunha regulamentación. Os aranceis, como armas ou trabas ao comercio de mercadorías entre iguais, semellan as regras do xogo entre combatentes de florete de salón: non nos imos mancar. Porque a interconexión económica entre intervenientes no comercio do tipo USA/China ten unha natureza distinta ao intercambio de mercadorías completas que caracterizou o comercio pre-revolución tecnolóxica. En realidade, son tráfico intra-industria ou intra-empresa con factorías nos países que intercambian, con investimentos directos de capital e con tecnoloxía compartida, e non se ven afectados polos aranceis.
Musk pode ornear e bailar nos mitins mais os seus Tesla son fabricados en China e a clase media-baixa norteamericana que pode pagar un coche chinés, coreano ou xaponés de baixo prezo e consumo, non vai pasar a comprar os fabricados en USA hoxe desfasados. E a clase media máis alta que tivo a ben chufarse de coche europeo de luxo non vai adquirir o que non lle gosta ianqui, que non ten signos de distinción. Máis alá de tratar dos intercambios, é preciso se fixar na produción de mercadorías, de materias primas, na orixe dos capitais en busca de maior rendemento -o capital financeiro rende até sete veces máis que o industrial-, nas persoas en movemento cara países máis ricos...
Unha vez que respondamos onde se produce e a procedencia dos diversos componentes da mercadoría acabada, poderemos valorar o que dan de si as medidas proteccionistas que formaron parte da propaganda republicana, e das que non cremos que se cheguen a implementar, máis que cos inferiores (en poder económico, enténdese). Na industria clásica ou tradicional e tamén na de elevada composición tecnolóxica, prodúcense bens cuxos inputs proceden de calquer parte do mundo e son destinados a calquer outra.
A interconexión/interpenetración entre os capitais é tamén unha característica, de modo e maneira na que os grandes monopolios —antes— ianquis están entreverados de intereses cruzados en China, en Europa, nalgún país africano con metais desexados ou en calquer outro de Latinoamérica. Todas e cada unha das medidas que vaia tomar Trump teñen como obxectivo facer o que faga falta para que os USA logren manter o seu papel no mundo e se iso inclúe botar abaixo acordos mundiais —de progreso, asinados con anterioridade no camiño do control de condutas depredadoras— para mellorar vidas e medio ambiente, pois desfanse, e non hai problema.
O primeiro arancel xa foi o asinado na noite da toma de posesión: peche de fronteiras con México e a partir de aí veremos outras medidas anti-economía mexicana adoptadas con total arroallo. Con certeza non vai haber medidas en contra de Tesla e os seus intereses en China, nen contra KFC nen Apple, Nike, Starbucks, Procter and Gamble, Walmart, Coca-Cola, Boeing... até os emblemáticos Levi’s e Ray Ban son fabricados en China. De verdade vaille dar un tiro no pe ás “súas multinacionais”? Máis ben á contra, o que até agora coñecemos das actuacións exteriores dos gobernos federais dos Estados Unidos é seguir o lema de que o que é bon para os negocios dos cidadáns estadounidenses é bon para América (aquí América quer dicer EEUU, pero a grandeur ianqui tamén existe).
E das máis de 8000 empresas norteamericanas que están en China, só perigarán as prescindíbeis que producen bens intercambiábeis, mais non desaparecerá nen o investimento, nen as relacións nen a presenza. É un fenómeno consolidado e estrutural, non vai depender da ‘chulería’ dun presidente. Non hai novidade na relación EEUU/China comezada nos anos 90, vinte anos despois de que Nixon, outro republicano de mala fama, abrira as portas, alá en 1972, coa súa visita á China de Mao, á unha nova etapa.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0