Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Xestión pública e economía: política económica ou política?
Temos dedicado algunhas colaboracións neste mesmo medio á análise de actividades públicas que teñen a ver con servizos públicos. Uns prestados de forma directa por órgaos estatais (no seu amplo espectro) e outros por entidades privadas que teñen recebido a encomenda de realizar eses servizos. Realmente, estaríamos falando do papel do Estado na economía, das súas funcións. Un problema medular -desa natureza- é o papel do poder político na economía. Na declaración do proxecto de Altri de interese xeral outórgase por esa vía acceso á terra necesaria (mediante expropriacións) para instalar unha hipotética fábrica.
A pergunta interesante é por que ten poder o Consello da Xunta para declarar de interese xeral, cunha lei aprobada á medida, proxectos sen máis requisitos que a vontade política do gobernante. Son declaracións cun bafo penetrante a intereses particulares e non por certo a un xeral. Temos unha forma de goberno que permite exercer o monopolio do poder de propriedade sobre o territorio de forma absolutamente discrecional, cando non arbitraria. Ou dito doutra forma, temos unha forma de goberno que permite patrimonializar o do común, exercer o poder dun xeito absoluto, tal e como se os gobernantes mudasen en proprietarios do público.
No máis recente referímonos ao funcionamento e problemas do servizo de ambulancias na Galiza, e anteriormente temos tratado os problemas dunha entidade como Muface (estatal), os privilexios que posúe unha banca amiga (na Galiza tamén) e as solucións do problema da vivenda. Muface saltou aos medios de comunicación moi posteriormente aos nosos artigos, quedando en evidencia a natureza obsoleta dun organismo franquista que sobrevive igual -parece como se sobrevoara os tempos- que o trato de privilexio dado polo estado español á Igrexa Católica. E dáse o caso de que os problemas observados non son derivados da complicación na xestión económica, senón que se orixinan na vontade política, no exercicio político do goberno, é dicer, na forma concreta que adquiriu no estado español ese desempeño.
Ese rol semella que é o conxunto complexo de funcións, institucións e medios específicos do Estado que foron estabelecidos a medida que se foi dando o crecemento económico español, con todas as súas características: dependencia do capital exterior, do turismo, e noutras épocas da emigración, e tamén a configuración consensuada dos poderes internos dun estado plurinacional. Non é posíbel tratar da economía española sen analisar a forma do Estado, o seu funcionamento, e, por tanto, o papel xogado no pasado próximo e no presente na marcha xeral da economía. E unha das maneiras das que os Estados se dotan de forma é a composición das normas e as relacións políticas das institucións do Estado, unhas cara aos cidadáns e outras do proprio funcionamento institucional.
No seo deste conxunto de elementos de análise entra o que vulgarmente se denomina política e que corresponde ao noso entender só á parte formal das relacións nas institucións constitucionais do poder do Estado (vulgo tamén: partidos políticos), xa que “política” abranxe o total das funcións: de investimento directo (infraestruturas), regulamentadoras, redistribuidoras, policiais e militares, de relacións exteriores e os conflitos entre os titulares do capital e traballo. Certamente, o nível de eficacia e eficiencia xestora do Estado así como o desempeño dos controis públicos fronte ás malas políticas, malas xestións ou disfuncións, está en correspondencia directa co desenvolvemento económico, político e social do Estado e das proprias necesidades sistémicas. É dicer, o degrau de limpeza de acción esixíbel na España no funcionamento estatal, non é igual que en Francia, en Alemania ou nos EUA, porque non foi igual a historia e a conformación interior dos distintos poderes.
Si podemos, non obstante, observar as disfuncións presentes, os lastres do pasado e o rol das forzas políticas retardatarias que en realidade camiñan cara ao pasado e son afuncionais para o desenvolvemento económico actual. Podemos aseverar que dunha mala política nace mala xestión e, pola contra, dunha boa xestión non sempre é esperábel unha boa política. Hai varias formas de definir mala e boa política, mais no presente nós usaremos só un indicador análogo ao cui prodest de investigación criminal. Mala xestión: aprobar a construción e dotación en Santiago de Compostela dun hospital Materno-Infantil e logo de construído e pagado con fondos públicos, abortar o seu funcionamento. Mala xestión é autorizar o 31 de decembro pola tarde a construción do “Garañón” en Lugo, porque ao empezar o ano a súa aprobación sería ilegal (xa sabemos como acabou, pero aínda pode costar cartos ao concello de Lugo). Mala xestión é ter débeda pública galega coa banca privada en lugar de tela co Estado e estar pagando xuros inúteis (agás para a banca receptora)...
Cando, en 1989, se tomou a decisión de crear na Galiza tres universidades, en lugar dunha só con varios campus, un dos argumentos esgrimidos polos defensores de tal medida localista para apoiar a división foi argumentar a dificuldade administrativa de xestionar un ente con miles de usuarios. Os economistas argüímos que máis usuarios tiña a Telefónica (única naquel momento) e non por iso pensaba en provincializar a compañía.
Non hai na nosa lexislación obriga de avaliar en cada proxecto con autorización o balance de riqueza creada/destruída e o potencial perdido. Ou, se cadra, haina, pero non se adoita facer malia ser un cálculo perfeitamente realizábel cos métodos de análise económica ao uso. Os argumentos de comenencia para levar a cabo as accións de política económica que conveñen/interesan a quen exerce o poder en cada caso, son exactamente iso: pura comenencia, que traducido ás relacións de poder significa actuar en función só dos intereses grupais dun segmento social, o do capital. Agora ben, isto pasa aquí porque pode pasar; noutros Estados sería inasumíbel ou directamente perseguíbel por ser penalizábel.
Mala xestión é regular, lexislar e subvencionar a un só actor, un só beneficiario (empresa ou persoa) por moito que se vista de postos de traballo. Alúmina Aluminio foi criada con capital local (caixas de aforro), capital público (estatal) en territorio galego, cun porto estatal regalado e facticamente de uso exclusivo por Alcoa (Ferrol-San Cibrao; o nome de Ferrol figura primeiro pero está a 58,6 millas mariñas de San Ciprián), cun subministro eléctrico (As Pontes) de privilexio. Agora contemplamos o regalo engadido dunha balsa de decantación de lodos que pode ser un inferno, se ten un accidente. E ao remate, unha vez que o capital privado acorde marchar, quédanos a nostalxia dos salarios percibidos, a cuantía elevadísima das subvencións entreguadas ao capital privado (só nos dous últimos exercicios 900 millóns de euros) e os problemas medioambientais a resolver. Era imprescindíbel ese investimento? Cal é o balance final? A empresa actual proprietaria non ten dúbidas; nós unha só pregunta: podíamos ter pasado sen ese “investimento”? Si, e o gaño final non sería futuro temeroso.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0