Baltar: a vitoria final dos birretes
Todo en orde. En Ourense segue todo en orde. A renuncia de Baltar á Presidencia da Deputación, como todo parece indicar, está pactada co Partido Popular, así que o curso natural dos acontecementos seguirá o seu camiño. Veremos o que pasa con Jácome, o atrabiliario e narcisista alcalde de Ourense, pero parece probable que o crebacabezas atope a súa solución. Cousa inédita, o PP local propón unha grande coalición PP-PSdeG-BNG (co seu líder Manuel Cabezas de alcalde) para rexer o concello. Noticia bomba! Grosse Koalition en Ourense!: veremos que nos depara o futuro nese lugar arcano en que parece terse convertido a cidade.
É o signo dos tempos a dimisión de Baltar fillo? Significa que o vello clientelismo, ese que non podía convivir na mesma habitación coa xustiza, é asunto do pasado en Galicia? Cabe que así sexa, dende logo. Dise que no seu tempo o alcalde popular de Ames deu por inevitable a perda da súa alcaldía ao medrar o concello e cambiar, por tanto, a socioloxía dos seus habitantes. Pode que o vello clientelismo só puidese manterse nas condicións dunha provincia rural, con moitos pequenos concellos e uns vínculos comunitarios estreitos, no mal sentido da palabra: a ditadura da aldea, que dicía Stendhal.
Eses vínculos comunitarios incluían aquel cálculo que falaba de 400 concelleiros do PP que traballaban ou tiñan familiares na deputación ourensana ou os 33 porteiros contratados para un centro cultural con dúas portas (quero crer que se trata dun subconxunto da primeira cifra). A lista de escándalos, ou de historias chuscas, ligadas aos Baltar é interminable. O amor pola vida veloz, que conculca a lei de tráfico, non é a que máis destaca nun currículo cheo de hit parades. Pecharse nun piso cinco deputados para presionar a Fraga foi hilarante e digno do camarote dos irmáns Marx . Entregar feixes de billetes á saída dos mitins sonaba aínda máis terceiromundista. Pero tiñan o poder. Os votos. Ou o control dos votos. Que parece o mesmo, pero non é a mesma cousa.
É a renuncia de Baltar a vitoria definitiva de Romay Beccaría, a súa particular conquista de Granada, con Baltar no papel de Boabdil? Dende logo, o PPdeG de hoxe é outra cousa. Todos e cada un dos líderes territoriais de antano –os Cacharro, Cuíña, etcétera- foron arrombados sen seren substituídos por seres similares. Dende logo, esa diferenza non é menor. Ninguén coñece hoxe os nomes dos conselleiros, nin teñen unha base social personal: o seu perfil é insípido. Que é, probablemente, o que se buscaba.
Ese novo PPdeG non naceu da nada. Todos e cada un dos principais líderes do moderno PPdeG naceron á calor de Romay, tan ligado ao franquismo como o propio Fraga –foi secretario xeral de Sanidade do 63 ao 66 e despois director do Instituto de Estudos da Administración Local, organismo ligado na altura ao Opus Dei- pero dunha orixe personal de máis alta alcurnia. Feijóo e Rueda, dende logo. Non se sabe que os así chamados birretes destacaran polas súas virtudes académicas pero é claro que colgarlles a etiqueta de boinas aos seus inimigos internos era practicamente alcumalos como paletos. Foi un frame, un marco mental, letal.
O paisanismo estaba condenado a desaparecer nun país no que ese tipo humano é cada vez máis un resto a desaparecer e no que a maioría da poboación está ocupada nese extraordinario caixón de xastre que é o sector servizos. A cultura urbana, signifique isto o que signifique, é, por suposto, amplamente maioritaria, aínda que tal vez o seu vector máis característico é o que atinxe ao enorme peso das novas periferias urbanas. Foi Romay o que tivo sensibilidade a esa transformación e decidiu darlle a batalla aos seus adversarios internos, apoiado, por suposto, no poder do PP central e dos seus recursos mediáticos.
Agora ben, e se esa vitoria pode, a medio prazo, resultar pírrica? E se resulta que os efectos colaterais se revelan ironicamente contraproducentes? Pode o PP substituír o estreitamento da súa base social, o adelgazamento derivado da desaparición do rural tradicional, por unha máis ampla influencia nas clases medias urbanas? As eleccións municipais demostran que o PPdeG ten unha enorme dificultade para lograr maiorías absolutas en vilas e cidades que combatan o duopolio PSdeG-BNG. Poderá seguir mantendo a medio prazo, nun escenario así, o seu ben máis prezado, o poder da Xunta?
A cuestión non é fácil de responder. A pregunta, en realidade, trata acerca de se o cambio na estrutura social, o grao de urbanización, a globalización e a influencia das redes sociais, a perda de peso da identidade galega tradicional, etcétera, consagrarán maiorías adheridas a ese novo PP, que antes amalgamaba clases medias altas e paisanos no mesmo partido.
Pero a interrogación afecta tamén, dado que forman parte da ecuación, a BNG e PSdeG. Saberán os dous partidos hoxe na oposición facer unha lectura apropiada dos cambios en curso? Estar á altura do que espera deles unha cidadanía que ten novas demandas e que tampouco está cautiva das culturas políticas dos dous grupos nin moitas veces se sinte interpelada polas súas propostas, nin se sente cómoda nas identidades que lle propoñen?
Galicia cambiou un mundo. Moito. Está nun período de transición. Moitos aspectos que no pasado parecían conferirlle idiosincrasia desapareceron, pero non resultan evidentes, xa, os novos trazos que definirán o seu rostro.
1