Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Que saben Netflix, X e TikTok que nós non sabemos?

Fotograma do 'Nosferatu' de Robert Eggers (2024), rodada un século despois da orixinal

0

Que sabe o cine que nós non sabemos? Esta é a pregunta que se fai De Caligari a Hitler, documental baseado na obra clásica de Siegfried Kracacuer que leva por subtítulo “unha historia psicolóxica do cine alemán” (Paidós, 1995). Entre 1919, ano da aparición de O gabinete do Doctor Caligari e 1933, ano da suba de Hitler ao poder, Kracauer analiza os antecedentes fílmicos do ascenso da nazismo, os “mecanismos da alma colectiva paralizada”.

A pregunta merece ser replicada. Que saben as plataformas de streaming –Netflix, Prime, Disney, HBO, etcétera– que nós non sabemos? E TikTok ? E Instagram, X e Whatsapp? Que matices da alma colectiva son tan obvios que nos pasan desapercibidos? Que tormentas se están formando que descargarán sen avisar?

Nos anos sesenta, o influxo da semiótica e o estruturalismo deu lugar á aparición dun bo feixe de estudos do sentido e alcance da comunicación de masas. Dende Apocalípticos e integrados de Umberto Eco a Para leer el Pato Donald, de Armand Mattelart, os superheroes de comics e filmes e as fotonovelas e melodramas foron analizados con bisturí.

Roland Barthes en Mitoloxías revisaba os principais argumentos do imaxinario colectivo tal e como circulaba socialmente. Noutro rexistro, Lluís Carandell cachondeábase da cursileria e ridiculez española –da visión carpetovetónica do momento– no seu impagable Celtiberia Show.

As distopías, as innumerables series sobre serial killers e psicópatas asasinos, os millóns de horas de audiovisuais de xénero negro que nos dín sobre os nosos medos e temores? Que nos din sobre a nosa necesidade de focalizar o mal en individuos sen dedicarlle un minuto ás condicións sociais sobre as que florece o crime? Que nos din sobre a facilidade coa que adoptamos o moralismo de fondo teolóxico da visión do mundo norteamericana, esa irracional idea de que cadaquén se condea ou se salva a si mesmo sen referencia algunha á estrutura social? Que nos din as múltiples series que adoptan o punto de vista policial? Que nos di a produción en serie de medo? Anuncian un sentido da orde? O recurso á autoridade, aplanando o camiño da ditadura?

Que nos di a moda, as formas de vestir sobre as correntes profundas da época? Que mensaxe nos transmiten? Está claro que a forma de presentación social de cadaquén emite unha mensaxe, intencionada ou non. A sintaxe e a retórica da vestimenta, que códigos intentan establecer, que toleran e que prohiben? Que censuras establecen? Que corte entre o admitido e o desaconsellable? Que ostracismos xeneran? Está claro que a moda volve a ser convencional e normativa. Ese é o correlato dunha sociedade cada vez máis encastelada na propia burbulla social?

As mensaxes que circulan polas redes son curtas, emocionais e carentes de contexto: a abstracción intelectual non prospera nese medio ambiente. Implican esas mensaxes un descenso da intelixencia colectiva? Un sometemento voluntario aos Amos do Algoritmo? Ese absorberse na pantalla coma nunha éxtase erótica non é un dos mecanismos da alma colectiva paralizada? Non nos incapacita para encadear un discurso distante, polo tanto lóxico e racional ?

O noso mundo, a nosa època, está moito máis decidida polo mundo de signos no que todos os humanos vivimos e interactuamos, que unhas décadas atrás. A expansión cósmica, a multiplicación canceríxena do significado ameaza con facer quebrar os equilibrios básicos da mente humana. Orientarse na nova selva de signos, no universo virtual creado polas grandes empresas tecnolóxicas –elas son as verdadeiras confesións relixiosas do noso tempo, as que proveen aos miserables humanos de sentido e significado– é tan díficil que pode facer estoupar ou colapsar a mente.

Sen dúbida, a alma colectiva está fatigada e paralizada polo volcado inxente no cerebro de datos, informacións, emocións, imposibles de pensar. Tanto, que se perde a distinción entre realidade física e virtual. Tanto que a xente acaba imaxinando que o corpo e a vida social son meros avatares dun hiperespazo. Esa disminución do valor da vida corrente, off line, esa desrealización, que efectos ten? Poderemos sobrevivir a unha época falsa?

Seguramente Europa está nun momento Weimar e é posible que todo isto acabe no irresistible ascenso de poderes autoritarios, dun novo Arturo Ui. Un xenocida propón ao seu proveedor de armas para o Premio Nobel. Que dramaturgo podería imaxinar un argumento así? É cómico? É ridículo? En que clase de epoca, salvaxe e terrible, vivimos? Pero ninguén se rasga as vestiduras: parece normal. Que Shakespeare será capaz de escribir o Macbeth de hoxe?

Rastrear o que a época sabe, e nós non sabemos, tal vez sería inquietante. Hai cen anos eran películas como Doctor Mabuse, M, o vampiro de Dusseldorf, Caligari, Nosferatu, as que compoñian unha intrahistoria psicolóxica alemá. Que signos, que imaxinarios colectivos, que fantasías, que medos, que ira e frustración, que resentimento son os que hai que saber interpretar hoxe?

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats