Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Trump e Lenin. No Kings e a UE

Participantes en una protesta "No Kings" contra el presidente estadounidense, Donald Trump, y las políticas de su administración, en Austin, Texas.

1

Trump non goza de tanto predicamento. Segundo o consenso das diferentes enquisas, existe máis xente nos Estados Unidos que o xulga desfavorablemente que xente que aproba a súa xestión. O promedio da diferenza está en máis de dez puntos porcentuais. Iso non significa que a súa política corra perigo. Porque o dato máis relevante naquel país ten que ver non co apoio ás políticas de Trump, que é baixo aínda que firme, en torno ao 40%, senón co enorme descrédito do Partido Demócrata, que vive a maior crise de identidade dende os tempos do New Deal, hai oitenta anos. Está polo chan, literalmente.

Nas últimas décadas, o Partido Demócrata perdeu o apoio da clase obreira como consecuencia da asunción das políticas económicas neoliberais. Os demócratas son, na percepción xeral, o partido da guerra e das elites plutócratas. Esa perda de identidade social, moi marcada dende a era de Clinton –e a de Blair en Gran Bretaña e Felipe González en España- é a que está na base do declive demócrata. A pertenza de Hilary Clinton á dirección de Wal-Mart, a cadea de baixos salarios por antonomasia, foi todo un símbolo. Bannon e Trump puideron deseñar o asalto ao electorado obreiro por parte do universo MAGA sobre esa base.

A política é identidade

A política é identidade. Unha ou outra. A constelación que a dereita conxela no despectivo adxectivo 'woke', é o principal criterio de demarcación de democrátas e republicanos nas últimas décadas. Non foi, por certo, debido a un capricho das elites do Partido Demócrata esa definición “progre”, senón a consecuencia ineludible do combate polas políticas do recoñecemento, con raíces na década dos sesenta, e que puxeron o feminismo, os dereitos civís de negros e latinos, e a cuestión LGTBI no centro da axenda. Se o Partido Demócrata non fora 'woke', non sería nada. Agora ben, se non se produce unha reorientación dos demócratas para poñelos en liña cos traballadores, a erosión seguirá o seu camiño talvez ata poñer en cuestión a existencia mesma do partido. É cuestión de volver aceptar o papel do Estado nas cuestións sociais como nos trinta anos dourados (1945-1975).

Ao mesmo tempo, aprecíase a emerxencia dunha nova esquerda a unha beira e outra do Atlántico. En Estados Unidos, Bernie Sanders, Zohran Mandani e Alexandria Ocasio-Cortez, a corrente de esquerda do PD. O descrédito abismal de Starmer pode darlle unha oportunidade á esquerda dos laboristas na Gran Bretaña. O anuncio do novo partido de Corbyn/Sultana xerou grandes expectativas. A división entre os seus líderes ameaza con frustrar o intento. En Francia, o afundimento do PSF abriulle espazo a La France Insoumise. De Sumar/Podemos mellor non falemos. Se non fan unha candidatura unitaria o máis probable é que abran paso á coalición PP/VOX. Sábeno: non poden non sabelo. En todo caso, é obvio que están aparecendo novas liñas de fuga no horizonte.

Volven os sesenta

Veremos tamén o impacto da campaña 'No Kings', con manifestacións todo ao longo dos Estados Unidos. 'No Kings' mobiliza o imaxinario fundacional da república americana: renova a idea liberal que ve na concentración de poder o símbolo da opresión. É o signo de oposición máis firme nun país no que o Partido Demócrata apenas si comparece para contestar a Trump, como narra, con desencanto, Adam Przeworski. As organizacións polos dereitos civís, como nos anos sesenta, condensan a resistencia ao xiro autocrático. Nalgún sentido, se o progresismo esperta, volverán os sesenta co seu arco da vella de pulsións de paz e progreso.

Trump e Lenin

Trump: Branko Milanovic suxería que había que ler a acción de Trump á luz de O Estado e a revolución, o texto de Lenin. Como pode a nova ultradereita facerse co control do Estado? Esa é a pregunta. Despedir funcionarios e infiltrar a administración con persoal afecto, cambiar a lóxica e os códigos de funcionamento do Estado, facer un traballo de subversión para modificar o carácter da política estatal dende dentro sería o obxectivo. O ICE norteamericano opera como unha sorte de destacamento armado trumpista. Obsérvese que esa foi a pauta que seguiron, con éxito, tanto Mussolini como, despois, Hitler. Os estrategas de Trump buscan maneiras de que poida optar a unha terceira reelección e cambiar definitivamente o rostro dos Estados Unidos.

Europa non é un caso moi distinto. Tamén aquí pode pasar.

De feito, non se sabe moi ben cal é o horizonte da UE. Os seus fundamentos éticos e políticos están en causa despois do dobre raseiro na Ucraína e en Gaza e do infausto cumio da OTAN no que Trump solicitou o imposto imperial. O informe Draghi sinala unhas liñas plausibles para a Unión Europea, pero de momento non parece ter consecuencias prácticas. O papel de von der Leyen dista de ser glorioso: non está á altura do momento nin dos desafíos. Non é imposible a disolución da Unión Europea. Europa ten que atopar o seu lugar se non quere implosionar.

Está claro que o obxectivo de Trump é desmontar o modelo social europeo e mostrar ao mundo unha vasalaxe explícita dos seus líderes. Necesita escenificar o poder do imperio: cos aranceis e a compra de armas norteamericanas por parte dos seus socios quere rebaixar a enorme débeda pública dos Estados Unidos. Hoxe en día, para ben e para mal, todo se ve: a carta de Rutte peloteando a Trump ou o momento no que lle dixo a Donald Trump que era “o papá de Europa” marcou o descenso ao nivel máis ínfimo e un indicio do modo estúpido en que as elites europeas pretenden lidiar co presidente americano. Sánchez, presidente dunha potencia media, determinado polos seus apoios parlamentarios, ensaia unha liña singular, máis digna.

Cambio de época

É evidente que estamos nun cambio de época. A implosión do bloque soviético fixo do comunismo unha reliquia sen apenas fieis. Non forma parte das posibilidades obxectivas da nosa época. A redución ata a mínima expresión do estado do benestar en Europa, no entanto, si que está no programa. E o ascenso da extrema dereita. A crise de 2008 marcou un punto de inflexión. Na escea internacional, os Estados Unidos están deixando de ser unha referencia cultural e unha promesa. O seu declive relativo convive co ascenso de China, India, Brasil e outros países do Sur global. Queren ter voz no deseño do mundo que vén. Vana ter, e veremos que consecuencias ten para a UE. As tensións xeopolíticas dominan o escenario e a guerra na Ucraína é o punto de fricción no que se condensan. Todo apunta a que perdurará anos. Ninguén pode gañala. Nin perdela. Cabe que os escenarios de guerra aumenten.

O pasado xa non interpela, nin serve de guía ou criterio. Cantas películas hai sobre a Segunda Guerra Mundial? Cantas sobre o Holocausto? Miles. Pero unha pátina de pó as recobre. Xa non somos coetáneos deses sucesos. A ninguén en Hollywood se lle ocorrerá unha nova película nesa liña. O mundo acelerouse na útima década. Estamos noutro momento histórico. O mundo é outro e outras as coordenadas. “Despois de Gaza” é, probablemente, o punto de inflexión simbólica dun cambio de era no que diversos conflictos mostran, de modo descarnado, sen escrúpulos, como a lei do máis forte se transforma en dereito.

Tamén en Europa a extrema dereita se infiltra nos gobernos e busca cambiar o código fonte dos estados. Se houbera que buscar unha analoxía no pasado, a República de Weimar tal vez valería: crise, confusión, ameazas indescriptibles. O racismo como eixo base. Hoxe é de temer que a posibilidade obxectiva da nosa época consista en que Europa faga tabula rasa do seu pasado inmediato. O que pasa en Estados Unidos é un aviso do que pode suceder no continente. Sucumbirán as democracias á subversión da nova extrema dereita? Ou é posible un optimismo esperanzado?

Un novo compromiso histórico?

Talvez sería o momento doutra modalidade de “compromiso histórico”. A película A grande ambición ilustra o momento, a mediados dos setenta do século pasado, en que se frustrou a posibilidade do “compromesso stórico” entre o PCI liderado por Enrico Berlinguer e a Democracia Cristiana. O asasinato de Aldo Moro, o dirixente demócrata cristián, logrou o seu obxetivo, que era impedir esa entente e, con ela, evitar a disolución da lóxica da Guerra Fría en Europa a través da transformación das ideas. As forzas escuras sempre comparecen á súa hora.

Pero unha alianza entre as forzas de esquerda e os partidos centristas talvez sería conveniente como muro ante a simbiose cada vez maior entre a dereita e a extrema dereita que queren importar a Europa o modelo trumpiano, converténdose, de feito, nunha extensión sen matices dos intereses estadounidenses. Como en Estados Unidos, trátase de reivindicar o papel do Estado nas cuestións sociais. Non só á defensiva: aumentando o seu perímetro en todo o que signifique defender dereitos e liberdades. Impulsando unha nova imaxinación política. 'Tax the rich'. Leis antimonopolio contra as grandes tecnolóxicas. Desacoplar a cultura dos imperios mediáticos e das aplicacións Tiktok. Que floreza o local e singular comunicativo, máis alo da información como mercadoría en mans de grandes empresarios. Vastos programas de vivenda publica.

En maio pasado, o chamado de Coimbra, discurso de Mario Draghi ante varios xefes de Estado europeos, buscaba vías para evitar o que Mattarella, presidente italiano, de raíz demócrata cristiá, chama a “vasalización feliz” de Europa polos Estados Unidos. Ao mesmo tempo, León XIV, na estela de Francisco, parece intentar un muro de contención da crueldade e do racismo como fórmulas políticas. O Vaticano e o Imperio non están na mesma onda. A Igrexa non está pola criminalización dos migrantes nin en Estados Unidos nin en Europa. O “amor polos probes” e a denuncia das estruturas da desigualdade sona case comunista nun mundo que foi tanto á dereita e mitificou tanto as forzas do mercado. A Igrexa resiste á conversión dos migrantes no chivo expiatorio. Pasou desapercibida esta apreciación de Federico Trillo, membro notorio do Opus Dei: “El PP nunca ha sido democristiano y a mi juicio no lo debe ser”. Está claro que a dereita extrema quere distanciarse da Igrexa. Está claro que están nacendo novas liñas de fuga no horizonte.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats