Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Máis cansos, menos guapos

Un hombre con mascarilla camina por una calle de A Coruña.

0

Imaxino que o día dous de xaneiro os mostradores das tendas de Inditex debían estar ata os topes de vestidos brillantes sen estrear e traxes co ferro pasado. Algún mesmo recendería a perfume. Compoño o rebumbio de teas como unha especie de foto movida da noite de fin de ano que non foi. Amoreábanse alí decepcións, capa sobre capa, mentres as dependentas devolvían cartos ou empaquetaban agasallos de Reis. Toda esa roupa representaba o desgusto dos nenos grandes que, un ano máis, non puideron saír a divertise. Os nenos grandes, vaia por diante, somos nós, calquera de nós.

Fai dúas semanas, cando o goberno de Feijóo anunciou as súas medidas para paliar a vaga de contaxios derivada da cepa ómicron, moitos aceptámolas con resignación e certo enfado, coa deportividade de quen aínda non se acostumou a que o seu equipo perda pero vai camiño de afacerse. Aínda que isto non é nin moito menos unha rifa familiar entre un goberno paternal que nos protexe e unha poboación infantil que se rebela, a inclusión entre as medidas dun “toque de non queda” soaba cando menos a humor rancio da TVG, a pelexa de patio de colexio ou broma pesada. Moito deberon rir cando se lles ocorreu na reunión: “Veña, vai, facémolo! Apunta aí!”. Quen sería o xenio? Seguramente levase tirantes.

A estas alturas da película sabemos de sobra que a saúde pública é a prioridade. A Xunta fai como que o sabe, pero non. Aparenta. Porque aparentar é outra cousa que se lle dá moi ben á dereita deste país. Toman medidas para que non aumente a presión hospitalaria, culpan á socialización, á hostalería e ao ocio nocturno de todos os males dende as sete pragas e, mentres, a atención primaria segue afogando vítima de recortes, privatizacións e solucións dubidosas en forma de aplicación móbil. Nos confinamentos express de sete días e síntomas leves, os sanitarios máis sinceros repetían por teléfono: “é insostible”, “se estás moi mal, chama ao 061”. Alguén lles preguntou como se senten cando non poden atender correctamente a un doente?

Agora vimos de saber que o “toque de non queda” afecta só aos xoves, venres e sábados: castigados sen saír. Non é que me preocupe demasiado. Aceptamos retomar as máscaras pola rúa, aceptamos quedar sen festa a dous días da festa e non nos deixan sen móbil porque doutro xeito seríanos imposible comunicarlle aos servidores informáticos do Sergas os aumentos e descensos da nosa febre durante o confinamento. Se estás triste, fala cun ordenador.

O que quero dicir é que quizais si somos nenos enfadados aos que castigan. Ou que, se non o somos, temos dereito a sentirnos como tal no medio do caos, porque nese enfado hai algo que pode ser útil, algo que nos move. Nese enfado está contida a idea de que algo non é xusto. Só nos falta atinar, intentar non errar o tiro á hora de buscar responsables.

Penso no desgusto daqueles que mercaron roupa para saír en fin de ano e arrincaron inocentes as etiquetas antes de tempo. Nalgunhas casas colgan vestidos sen estrear agardando na escuridade dos armarios. Son o recordatorio do que non puido ser, pero tamén un aviso da mal chamada boa xestión. Quizais a ocasión para levar eses traxes sexa unha manifestación pola sanidade pública, o outfit perfecto para percorrer a cidade en busca dun test de antíxenos ou o conxunto elexido para facer colas de catro horas á espera dunha PCR gratuíta.

Estes días cheguei á conclusión de que a nova normalidade quérenos máis cansos e menos guapos. Fronte ao cansazo, agardo aínda que alguén, algún día, decida falar sobre que medidas pensa tomar o goberno (calquera goberno) para paliar a fatiga pandémica e prepandémica: o desgaste asociado ao teletraballo, a sensación de tempo roubado, a falta de expectativas e o aumento da ansiedade. En que momento nos liberarán dunha culpa que non temos e que se exerce silenciosa, manipuladora, a través de xestos pequenos.

Polo demais, créanme, nada nos fai parecer máis guapos ca iniciar unha revolución.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats