Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Metonimia

0

Na novela Pazo de Inverno, o escritor e ex concelleiro da Coruña Alberto Lema debullaba os catro anos de gobernos municipais “do cambio”, os seus obstáculos insalvábeis e os seus erros, encarnados nun roman à clef que describía, sen camuflalo demasiado, o equipo de goberno do que el fixo parte de 2015 a 2019, a Marea Atlántica da Coruña. Nun momento da novela, o coro dramático que contextualiza a situación nalgunhas pasaxes, di da chegada dos novos concelleiros e concelleiras ao Pazo de María Pita: “Parecían turistas coreanos na catedral de Compostela, unha catedral que de xeito inexplicable lles pertencía”.

O coro da novela, convertido en todas nós, reflicte unha das críticas máis habituais que se lles fixo a estes novos gobernos ás veces inexpertos: o medo que parecían ter a gobernar. Tamén é certo que ese tipo de análise chegaba, por máis das veces, desde a as propias filas, porque xa se sabe que non hai nada que máis lle guste á esquerda, vella ou nova, que unha boa autocrítica coa man aberta.

Quen nunca transmite esa sensación de medo é o PPdeG, que mesmo eses catro anos fóra dos gobernos das principais cidades falaban dos pazos de goberno non como turistas coreanos na catedral de Santiago senón como se fosen o mesmísimo deán. Mesmo a súa prensa repetía seguido aquela idea de que tiñamos okupas nas institucións, que sen dúbida algunha, e por forza do costume, eran de titularidade dos caciques locais e só estaban momentaneamente inaccesíbeis. Agora seguen a falar neses termos do goberno de Santiago ou da Deputación da Coruña, por exemplo. É tanto así, que o goberno da Xunta (outros artistas á hora de pasear por San Caetano como se o cargo fose vitalicio) botou os dous últimos anos atrancando a construción da residencia de maiores de Ribeira para impulsala a bocas cheas cinco días despois de lle quitar a alcaldía ao BNG cunha moción de censura. Poida que Fabiola García tivese o número do exalcalde marcado como spam, e agora que o prefixo é outro por fin se puido reunir coa flamante alcaldesa para acordar construír a residencia, que saberei eu.

O caso é que as institucións son eles e eles por volta son os Veciños (cando toca queixarse na prensa dos gobernos doutro signo), os Comerciantes (cando as medidas de segundo que concellos non lle conveñen á Xunta do PPdG) ou as Viúvas (no caso extremo, Deus non o queira, de que un cómico faga un chiste irreverente). En Noia, por exemplo, veñen de descubrir que os actos electorais e os actos do concello son a mesma cousa. Que mellor estratexia para asegurarse o éxito nas urnas que cargar as ceas con simpatizantes aos gastos do concello? Quen nunca se deixou seducir por aquilo de “pon outra volta, que paga o concello”? Será certo que o poder corrompe, pero hai quen xa ven co ánimo corruptíbel da casa.

Este recurso á metonimia ao que nos ten afeitas o PPdeG, azul corporativo incluído, élles moi útil cando, como en Noia, hai que usar cartos públicos para imprimir papeletas do partido, ou cando o goberno da Xunta decide con que concellos coopera e con cales non. E así, aos poucos, vaise instalando no imaxinario popular o imaxinario Popular, e cando nos descoidamos estamos a chamarlles a atención aos veciños por protestar no canto de baixar a cabeza, gardar silencio e aceptar a omnipotencia do PPdeG, talmente como turistas coreanos entrando na catedral de Santiago.