Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A poeta e o alcalde

El alcade de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, y la premiada, Lorena Conde, durante una rueda de prensa tras darse a conocer el premio

0

A mediados do mes pasado entregouse o 36º Premio de Poesía Cidade de Ourense, que recolleu a escritora Lorena Conde nun acto na casa do concello, xunto co editor do libro e o alcalde da cidade en representación da entidade convocante. Había medios de comunicación presentes porque para estas cousas sempre se convocan medios, o mesmo que para os cortes de cintas e os descubrimentos de placas, porque un alcalde non espera que ninguén lle vaia chistar cando vai facer ostentación de cargo (e cartos) públicos nun acto tan civilizado. O que pasou foi que a escritora en cuestión ten unha mente de seu, e no canto de sorrir, asentir e tragar sapos, fixo unha defensa afervoada do seu traballo e o seu medio, na que, entre outras cousas, lle pregaba ao alcalde que reabrise o auditorio municipal, o único das cidades galegas que segue pechado “pola pandemia”. Dotado dun verbo algo menos elocuente (despois de todo el non estaba alí por levar ningún premio), o alcalde fixo o posíbel por ignorar a petición da escritora. Pero proeulle que esta o deixase en evidencia diante da prensa, coma se non se bastase el soíño para quedar en evidencia diante de quen quixese. Botando man do esprit de l’escalier, o alcalde decidiu remendar a desfeita unhas horas máis tarde nas súas redes sociais, onde os seus acólitos son maioría, e así escribiu unha diatriba contra as “culturetas”, tachándonos sen ningún pudor de “racistas que basan sus criterios en creencias supremacistas, al sostener que las personas que ejercen, gustan o divulgan ciertas artes escénicas, literarias, u otras..., son superiores en muchos aspectos a otras manifestaciones artísticas o intelectuales” (sic). Como era de esperar, de seguida chegaron os comentarios dun público entregado, que vía vagos subvencionados por toda a parte.

Teño que confesar que non poucas veces utilicei o de “culturetas” para (des)cualificar os meus amigos do Cineclube cando discutían sobre a pureza estilística das transicións de Ozu ou os planos fixos de Kaurismaki. É unha reacción defensiva natural revirarnos contra o que non comprendemos, e resulta moito máis divertido e menos introspectivo que dicir “non entendo”. O problema téñoo cando o alcalde opón certas artes (as que lle resultan supremacistas) a outras manifestacións artísticas (as que lle parecen ben), sobre todo porque non está só neste xogo das categorías: sexamos apocalípticos ou sexamos integrados, sempre que debatemos sobre cultura acabamos caendo na trampa da dicotomía entre a Cultura con maiúsculas, na que caben todo o snobismo e todos os monóculos do mundo, e a cultura popular, na que o alcalde sitúa as verbenas, as discotecas, e calquera outra manifestación que pense que o seu votante obxectivo vai apreciar. O que esquecemos a propósito é que as liñas divisorias entre ambos extremos son máis ben difusas: Pasolini era un namorado do fútbol, a poeta galardoada non perde unha verbena, e os meus amigos culturetas que falaban de Ozu facíano decote no Maycar arredor do décimo cubata.

Non vou falar aquí da cantidade de emprego que xera a cultura nin do seu valor de uso. Parafraseando un razoamento que lle escoitei unha vez a Berta Dávila, non podo medir a literatura en termos de utilidade, porque se eu podo explicar para que me serve a min a literatura, sempre pode haber unha persoa que me diga que a ela non lle serve para nada. De feito, coñezo a esa persoa, a moitas delas, falo con elas todas as semanas: dou clase nun instituto de secundaria no que boa parte do alumnado considera os libros cultura de monóculo e boa parte do profesorado considera os videoxogos o fin mesmo da civilización. Como me acontecía a min cos silencios interminábeis de Kaurismaki, a maioría de nós rexeitamos aceptar como útiles as manifestacións artísticas que non comprendemos, e así está servida a discusión.

No caso dos nosos políticos, porén, os reparos non son epistemolóxicos. Nomeadamente, a cultura que lle molesta ao alcalde de Ourense é aquela que ten voz propia. As que el cita nas redes como exemplos de manifestacións artísticas aceptábeis só teñen de particular que nelas os artistas non adoitan coller o micro para reclamar a apertura dun teatro, ou a non intervención nunha guerra. Como aquel Manuel Fraga que se negara a acoller os premios Max do teatro español á volta do desastre do Prestige porque “sólo los tontos pagan para que les insulten”, convencido de que os cartos públicos eran del e os artistas un fato de esquerdallos impertinentes, o alcalde de Ourense enfróntase á poeta, non porque a súa poesía feminista e obreira sexa pouco útil ou elitista, senón porque, desde os tempos do bufón da corte, o sector cultural adoita ser crítico co poder cada vez que lle poñen un altofalante diante.

Cando lle facemos o xogo aos políticos que claman contra a cultura “subvencionada”, esquecemos que todos os sectores produtivos teñen subvencións independentemente do útiles que nos parezan, e cando aceptamos, como os fans do alcalde, que “o que queira cultura que a pague do seu peto”, o que facemos é subtraer a posibilidade do acceso á cultura, que queda só para os de sempre, os que poden pagala. Eis o verdadeiro elitismo.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats