Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
El PSOE convierte su Comité Federal en un acto de aclamación a Pedro Sánchez
Las generaciones sin 'colchón' inmobiliario ni ahorros
Opinión - El extraño regreso de unas manos muy sucias. Por Pere Rusiñol
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Smart City, cando a cidade é máis intelixente ca ti

Atasco de tráfico en la salida de Santiago de Compostela dirección sur (Pontevedra y Vigo), el 30 de octubre de 2020.

1

Hai xente que ten debilidade polas novas tecnoloxías: cada trebello de nova xeración que sae ao mercado é un reclamo inmediato, e teñen que comprar o móbil de catro cámaras aínda que xa teñan o de tres e só o usen para sacarlle a ocasional foto ao cocido dos domingos ou aos progresos do fillo coa aritmética.

Do mesmo xeito, hai alcaldes que se senten irremediabelmente atraídos polos trebellos novos, e non dubidan en poñer medios e cartos públicos á disposición de calquera tecnolóxica privada que lles prometa deixarlles xogar con eles. Chámanlle a iso “colaboración público-privada”, unha fórmula na que públicos son os recursos e privados os beneficios.

O último en caer na moda da tecnoloxía de nova xeración foi Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, que sempre lle tivo un aquel á obra pública hiperbólica e aos teleféricos. Vén de anunciar un desembolso de 1,4 millóns de euros para que unha tecnolóxica privada chamada Kapsch TrafficCom instale medio cento de cámaras en puntos clave da cidade co fin de solucionar os problemas de tráfico, segundo din. É difícil saber para que van servir exactamente esas flamantes cámaras e pantallas que están a ser instaladas por toda a cidade porque, cando un feirante quere vender fume, adoita empregar un vocabulario vago, que se disolve no aire segundo se le. Do mesmo xeito, a empresa responsábel destas cámaras anuncia unha “xestión proactiva” para “dimensionar os recursos” desde unha “perspectiva holística”, por iso é francamente difícil saber se as novas cámaras van servir para ordenar o tráfico, contar peregrinos ou pedir unha pizza catro estacións. A diferenza dos feirantes que vendían aceite de cobra para sandar todos os males de corpo e cabeza desde unha perspectiva holística, estes novos falabaratos non poñen o ollo nunha incauta vítima particular, senón nunhas administracións públicas ás que lles falta o tempo para lles ofreceren cartos, medios, persoal e fontes de datos a cambio do seu fume, o que socializa as vítimas do timo.

O outro problema desta febre tecnolóxica é a xestión deses datos. A empresa anuncia que empregará fontes de datos internas (as cámaras e sensores que están a instalar) e externas (fornecidas polo Concello, o INE, a Xunta e a DGT, entre outros), a fin de detectar a matrícula dos vehículos, a súa marca, modelo e cor, e mesmo a caracterización de peóns. En cidades como Toronto e New York a implantación dun modelo semellante de smart city chocou co rexeitamento frontal da veciñanza, que xa viron demasiadas veces como a tecnoloxía de recoñecemento facial é, no mellor dos casos, moi imprecisa, e no peor está programada cun nesgo racista e aporofóbico. A esta preocupación únese o efecto que unha cidade hipervixiada terá sobre a liberdade de asociación, expresión e movemento. Hoxe en día temos exemplos abondo do uso cuestionábel das cámaras de video-vixilancia por parte das forzas de seguridade para identificar participantes en manifestacións legais, deixar esas mesmas imaxes en mans dunha empresa privada achéganos un pasiño máis ao precipicio de control social que até hai ben pouco era terreo exclusivo da ciencia ficción distópica.

O que hai detrás de todo este fume, porén, é un problema real que comparten moitas cidades galegas; non é necesario empregar modernos modelos preditivos para controlar o tráfico, porque se algo ten o tráfico en Santiago é o preditivo que resulta. O que precisamos son actuacións valentes encamiñadas a reducir o transporte privado e incentivar o público: se cadra eses millóns de cartos investidos en facer a cidade máis intelixente estarían mellor empregados nun novo convenio cunha empresa de transporte urbano que reforzase liñas e respectase horarios, en peonalizar o centro, arranxar a desfeita da Praza de Galiza (o que xa conta cun proxecto gañador cumpridamente pagado e gardado nalgún caixón de Raxoi) ou en poñer en marcha un modelo que se asemelle ao de Pontevedra pero sen descoidar o transporte público, no canto de baleirar os petos (da cidadanía) nada máis escoitar a chamada do feirante de sempre.

O único “listo” que hai neste modelo de smart city proposto por Bugallo é o CEO da empresa que vai levar os cartos e os datos pola cara mentres nós apoquinamos. A tecnoloxía en si mesma non é unha solución máxica aos problemas creados por unha planificación urbanística deficiente cando non nula agravados por anos de exaltación do coche particular e teatralización do casco histórico, e ningún Deus ex Alexa vai sacar a Santiago do seu progresivo esmorecemento se non se reverten esas condicións. A tecnoloxía só axuda cando se pon ao servizo das persoas, non das empresas que van petando nas portas dos alcaldes a ver quen é o próximo pailán que lles compra unha xerra enteira de aceite de cobra con cargo aos contribuíntes.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats