Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
TVG e Land Rober e Viceversa
Empecei a semana -a semana na que me convertín en casta- con María Patiño e péchoa con Roberto Vilar. E non creo que sexa casualidade. Como os acontecementos van tan a présa, igual a esta hora o de Patiño xa nin o lembrades, así que fago memoria rapidamente. O domingo pola tarde transcendeu que o alumnado de Xornalismo decidira, por votación, elixila como madriña desta promoción, iso que Mario Vaquerizo estivo a piques de conseguir nun par de ocasións. Eu escribín un tuit propoñendo que, para iso, mellor pechar a facultade e aproveitar o edificio de Siza para poñer un Burger King. Só con iso chegou para alentar unha das nosas encantadoras treboadas nun vaso de auga, e para situarme no bando dos puristas que defenden os sacrosantos principios da profesión… What a time to be alive!
Teño que dicir que -ademais de moitas risas, algúns enriquecedores debates co alumnado e unha fugaz conta de twitter para darme estopa- o máis satisfactorio foi que citasen o meu chío e o meu nome na Radio Galega. A vós pareceravos que non, pero ten moito mérito, porque cando fun pregoeiro das Festas do Apóstolo conseguiron facer toda unha hora de tele sobre o evento obviando a miña presenza. Fun o Trotski do balcón de Raxoi. O que non consiga a prensa do corazón, non o consegue ninguén…
Toñi Moreno pertence á mesma escola que María Patiño, non en van presentou durante un tempo o desaparecido (déixao ir…) Mujeres y Hombres y Viceversa. Hai uns días, El País, repasando a pegada audiovisual deixada polo espazo, lembraba que “durante os seus anos de emisión, entre xuño de 2008 e novembro de 2020, o Instituto da Muller contabilizou ata 33 queixas contra o programa polo trato vexatorio coas participantes”. O artigo destaca unha: “Cando Suso, ex concursante de Gran Hermano e tronista, validou unha posible agresión sexual e renegou do só si é si (”Eu son unha persoa que, se ti me dás a entender unha cousa e eu me acelero, logo non me digas 'Ata aquí, agora xa non, marcho', porque sinceramente, Emma, eu xa non razoo“). O mesmo programa defendeuno vía Twitter dicindo que que ”Suso tiña dereito a enfadarse“, mentres a afectada asegurou, entre bágoas, sentirse incómoda nesa cita sen cámaras” (fin da -longa- cita).
Ese dereito de Suso a enfadarse é, supoño, o mesmo “dereito a recuperar a súa namorada” que Roberto Vilar invocou para xustificar toda a trama que rematou nun absoluto bochorno para o programa estrela da TVG. Que Toñi Moreno estivese nese plató como coprotagonista do desastre supoño debeu de ser cousa dos deuses catódicos…
É certo que tanto Vilar como o resto do equipo decátanse -tarde- do que estaba pasando e tratan de reconducilo, e que el mesmo se desculpa ao día seguinte no seu programa da tarde. Xente coñecedora do proceso de produción do Land Rober conta que a hora de remate da gravación, case xusto para o comezo da emisión, facía imposible editar e eliminar esas partes. Imaxino que a propia utilización da historia como un río, lanzando cebos ao longo de toda a emisión, complicábao aínda máis (aparte de demostrar que o equipo fixera unha aposta decidida polo tema).
A mellor solución, unha vez feito o mal, sería non ter emitido nada. Seguro que en San Marcos aínda gardan eses recompilatorios de Land Rober (o propio Vilar ten ironizado nalgunha ocasión con que “na Galega non son nada de repetir…”) que, por certo, funcionaron en audiencia tan ben como os programas novos; ou, senón, sempre hai algunha película de vaqueiros acaída para encher ese oco…
Que algo como isto acabase pasando era cuestión de tempo. Eu confío en que sirva para que, en adiante, esas “alertas” que Vilar invocaba na súa desculpa pública se acendan a tempo, pero é que -como espectador casual que fuxía polo que os millennials chamarían cringe- estou seguro de que esas alertas antes non existían. O tratamento da figura da muller en Land Rober sacaría as cores ao José Luis Moreno de Escenas de matrimonio. Considerar que Eduardo Inda, o Pequeño Nicolás ou Paquirrín (case un colaborador fixo) son o tipo de invitados que necesita o prime time máis visto da televisión pública, non só define o programa: define o medio.
Porque este é, nin máis nin menos, o “humor” que se pode facer nesta TVG, aínda que agora a dirección prefira ollar cara a outro lado e, como Ana Mato, non entenda como chegou ese Jaguar ao garaxe. Con todos os ataques que vén recibindo, Land Rober non é máis que un síntoma. Igual que a elección de Patiño; unha elección que -non o negamos- é un dereito do alumnado.
Un dereito. Como o de Suso.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
2