Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Peinado multiplica los frentes del ‘caso Begoña’ sin lograr avances significativos
El miedo “sobrenatural” a que el cáncer vuelva: “Sientes que no consigues atraparlo”
OPINIÓN | 'En el límite', por Antón Losada

Morre Darío Xohán Cabana, tradutor da 'Divina Comedia' ao galego e escritor

O escritor Darío Xohán Cabana intervén nun acto da Real Academia Galega durante o Día das Letras dedicado á poeta María Mariño en 2007

Daniel Salgado

17 de noviembre de 2021 13:27 h

0

Ao seu exquisito, profundo coñecemento da lingua en todos os seus rexistros débelle a literatura galega algunhas das páxinas máis brillantes do último cuarto do século XX. A súa ficción histórica pero de proxección política e a súa poesía escrupulosamente labrada así o amosan. Tamén o seu fundamental labor de tradución, cuxo cimo se chama Divina Comedia. Darío Xohán Cabana, poeta, novelista, tradutor e académico, morreu este 17 de novembro aos 69 anos de idade.

Cabana nacera en Roás (Cospeito), na comarca da Terra Cha, a non moitos quilómetros da aldea doutro poeta inevitábel do século XX, Manuel María (1929-2004). Foi precisamente grazas ao seu exemplo, a súa axuda editorial -en Xistral, editora de Manuel María, publicou Cabana Home e terra (1970), o seu primeiro libro- e, posteriormente, amizade que Darío Xohán Cabana se iniciou na poesía. A súa obra primeira -apenas tiña 21 anos- acabou incluída en Os novísimos d poesía galega (1973), polémica antoloxía a cargo de María Vitoria Morena que reuniu ás principais voces do chamado socialrealismo cando este xa era en realidade declinante.

Non tardou en apartarse Cabana dese camiño. Aínda que a súa poesía nunca perdeu o pulso político que tamén marcaba a súa vida -comezou a súa militancia na esquerda nacionalista na clandestinidade e mantívoa, xa como independentista, ata o final-, a súa preocupación formal e a súa investigación da métrica conducírono a outras paraxes en libros como A fraga amurallada (1983), Amor e tempo liso (1987), Patria do mar (1989), Canta de preto a morte (1994) ou Cabalgada na brétema (2006), o seu último libro de poemas. Nunha das súas máis recentes intervencións públicas sobre poesía, o prólogo a Calado testamento (2010) de Xavier Rodríguez Barrio, definía unha concepción do galego que, talvez, tamén falaba da súa propia: “Un galego baril que soa con música de órgano litúrxico, co andar pausado e maxestoso que lle acae á seriedade e á nobreza da materia. Estou falando case como Dante; pero é que hai días que un se pon antigo sen remedio”.

É precisamente a Dante a quen se entregou nun traballo de décadas para verter ao galego a súa obra maior, a Divina Comedia. O resultado, que coñeceu dúas versións públicas con substanciosos cambios entre elas -una en 1990 e outra en 2014-, recibiu a medalla de ouro do Concello de Florencia e numerosos premios en Galicia. Non foi a súa única incursión en Dante, de quen ademais traduciu Vida nova. O Cancioneiro de Petrarca, os trobadores occitanos ou Xácome o fatalista de Diderot -acabado de saír de imprenta- tamén coñecen o seu galego preciosista e elaboradísimo. Foi ese mesmo idioma o que, en paralelo, lle permitiu ir construíndo unha singular obra narrativa, na que imaxinou unha Galicia independente nun futuro inmediato e posapocalíptico -O cervo na torre (1994)-, novelou o Reino de Galicia baixo mando de don García -Morte de rei (1996)- ou se introduciu na Materia de Bretaña con certo aire a Cunqueiro -Galván en Saor (1989), un dos romances máis vendidos da literatura galega recente.

A Real Academia Galega, na que ingresou en 2006 cun discurso titulado De Manuel María a Ferrín: a grande xeración, destacou nun comunicado “o seu profundo compromiso coa lingua e a identidade política galega”. A súa sabedoría, xenerosidade e proverbial bonhomía quedaron de novo ao descuberto cando a noticia da súa morte se espallou polas redes sociais. Unha carta de Diderot, a quen dedicou os seus últimos esforzos como tradutor, dirixida a Sophie Volland e datada o 26 de setembro de 1762, talvez se axustae ao que tentou na súa vida de escritor: “Esta obra producirá certamente co tempo unha revolución nos espíritos, e espero que os tiranos, os opresores, os fanáticos e os intolerantes non gañarán con ela; nós teremos servido a humanidade; pero haberá moito tempo que estaremos reducidos a un po frío e insensible cando nolo agradezan un pouco”.

Etiquetas
stats