OBITUARIO

Xoaquín Álvarez Corbacho, un economista luminoso

O economista Xoaquín Álvarez Corbacho

0

No día de hoxe, 24 de xunio, no solsticio de verán, foi soterrado Xoaquín Álvarez Corbacho. Hai tal vez certa xustiza niso. Xoaquín Álvarez Corbacho era un home luminoso, do tipo de xente que estende a calma e, por que non dicilo tamén, a bondade en torno a el. No seu rostro comparecía sempre un sorriso, acompañado dunha expresión pícara. Afortunadamente, hai seres que, pese ao paso dos anos e dos inevitables golpes e avatares da vida, gardan sempre unha miga da inocencia da primavera da vida. Nalgunhas culturas existe a crenza de que as fotos rouban a alma. Se así fóra, as reservas de benevolencia, cortesía e fair play de Corbacho eran infinitas.

Xoaquín Álvarez Corbacho, morto con 79 anos, foi un economista comprometido. Catedrático de Economía Aplicada, experto en federalismo fiscal e en facenda pública, comentábame hai anos, con pesar, como no transcurso da súa actividade profesional vira como, pouco a pouco, os manuais desa materia que se ensinan nas facultades pasaron a ser na súa maioría de tendencia neoliberal, como se esa concepción e a ciencia económica estivesen abocadas a confundirse.

A vida puido levalo, pese a todo, por outro camiño. Foi xogador do Celta de 1960 a 1964, cando o fútbol non era aínda esa requintada ciencia na que hoxe se ten convertido. El mesmo declarou que estar na Segunda División do momento era unha experiencia durísima.

A súa xeración foi aquela educada no franquismo que pasou, tantas veces, como foi o seu caso, a militar no Partido Comunista. Levábaos a esa militancia a xenerosidade e a humanidade: tal vez ese difuso fondo católico que, como reza a famosa carta de San Pablo aos corintios, afirma: “Se non teño amor non son nada”. O egoísmo e o narcisismo non son a condición natural da especie, como afirman interesadamente os voceiros dos intereses dos de arriba. Nas súas conferencias explicaba, con abundancia de datos, como en España os ricos apenas si pagan impostos e o esforzo fiscal recae no lombo dos asalariados. Esa é a reforma fiscal necesaria: que quen máis ten, máis pague. E non ao revés, como pasa agora.

Por ese partido foi alcalde no Grove, localidade á que estaba entrañablemente unido e na que viviu os seus últimos anos. Alí loitou contra a especulación urbanística e estivo a tempo de impedir algunhas desfeitas na Illa da Toxa, ou no istmo da Lanzada, onde se pretendía facer unha macrourbanización. Entendía que gobernar, a calquera nivel, require un esforzo de racionalidade, coñecemento e análise social. Non o esforzo de ceder ante os poderosos, os falabaratos e os lugares comúns. Ata os seus últimos días intentou axudar a que o marabilloso entorno do Grove non fose malbaratado. Oxalá moitos alcaldes sigan o seu exemplo para deixar ás novas xeracións un patrimonio de cordura e beleza. Un dos seus últimos libros propoñía fusionar concellos como modo de aumentar a calidade dos servizos desa administración. É outro dos debates pendentes aos que el contribuiu con tanta prudencia como honestidade.

Etiquetas

Descubre nuestras apps

stats