Os Rufus visitan Galicia, Wainwright na Coruña e T. Firefly en dúas cidades
A primavera segue co seu tempo cambiante dun día para outro (e ás veces dunha hora para outra) pero o que xa se nota é que a programación de concertos colleu velocidade de cruceiro e esta semana temos un sinfín de propostas repartidas por toda Galicia. Destaca a visita do cantante Rufus Wainwright á Coruña, un artista que escapa dos estereotipos e ante o que é case imposible permanecer indiferente, xenial para uns e excesivo para outros. Wainwright comparte nome artístico co grupo Rufus T. Firefly, que chega esta fin de semana a Galicia para ofrecer unha dobre ración de concertos en Santiago e A Coruña. Son un dos mellores grupos españois da última década aínda que non enchen estadios nin teñen tanto nome como outros.
Pero a actividade musical non remata aí, tamén en Santiago actúa este sábado a fadista portuguesa Carminho, unha estrela no seu país. En Oleiros comeza o ciclo de concertos de Elas son artistas con María de la Flor e en Pontevedra e A Coruña actúan Furious Monkey House. En Vigo, Creativa arranca o vindeiro martes, día 18, un interesante festival multidisciplinar con arte, música, deseño e conferencias que se prolongará ata principios de maio. E no apartado de teatro tamén hai moito onde escoller esta semana con propostas innovadoras como a da Compañía D´Click que chega a Santiago e Vigo coa súa montaxe Latas, que combina circo, danza e teatro. Moito e moito bo esta semana como podedes ver.
Wainwright só na Coruña. Teatro Colón. Venres 14 de abril
O artista norteamericano chega de novo a Galicia e, como é habitual, xa ten esgotadas as entradas para o seu concerto no Teatro Colón da Coruña. Nesta ocasión actuará en solitario e repasará cancións da súa longa traxectoria cando está preto de cumprir os 50 anos. Folk, jazz, música clásica e ópera mestúranse na música de Wainwright, que de seguro tamén fará as delicias do público con algunha versión moi persoal e quizais con novas cancións que se están a cociñar para un novo disco. Aquí máis información.
Rufus T. Firefly regresan a Galicia. Santiago e A Coruña. Venres 14 e sábado 15
A banda madrileña regresa de novo a Galicia, esta vez en dúas ocasións, no marco da xira de presentación do seu disco El largo mañana. Aínda que non soan tanto nos medios como outras bandas españolas dos últimos anos, son, sen dúbida, un dos mellores grupos nacionais da actualidade, cun son moi recoñecible que se move nas fronteiras do pop-rock e a psicodelia. Os seus seguidores son moi seguidores e seguro que non perderán esta oportunidade de velos en directo. E se non os coñeces, é unha boa oportunidade para facelo. Están o venres 14 no Malatesta de Santiago e o sábado 15 na sala Inn da Coruña. Aquí as entradas.
Creativa, culura multidisciplinar en Vigo. Do 18 de abril ao 5 de maio
Uns 40 artistas participarán durante as próximas semanas en Vigo no festival Creativa, un evento multidisciplinar con obradoiros, charlas, exposicións e concertos que se repartirán por diferentes escenarios da cidade. O mundo da ilustración, o cinema ou a produción musical son algúns dos temas que se tratarán nun acto que chega por primeira vez a Galicia, organizado pola Galeria Maraca e a revista cultural Dot .
Latas en Santiago e Vigo. Teatro Principal e Auditorio Municipal. Sábado 15 e domingo 16
A produción da Compañía D'Click (Aragón) mestura acrobacia circense, danza e teatro para ofrecer ao espectador unha viaxe sensorial na que se deixa levar pola linguaxe poética con toques de humor. Tres personaxes no escenario constrúen e destrúen o presente sen outro obxectivo que desafiar o aburrimento. O sábado 15 estarán no Teatro Principal de Santiago (entradas aquí) e o domingo 16 chegarán ao Auditorio Municipal de Vigo (entradas).
Outras propostas:
Furious Monkey House: a banda de indie-rock pontevedresa presenta este venres 14 na sala Karma da súa cidade o seu terceiro disco e o xoves 20 chega ao Mardi Gras da Coruña. Aquí as entradas.
Carminho en Santiago: a gran fadista do país veciño chega este sábado día 15 ao Auditorio de Galicia para presentar o seu disco, Portuguesa. Aquí as entradas.
Arranca en Oleiros Elas son Artistas: a violinista, cantante e compositora María de la Flor abre no Centro Cultural A Fábrica o ciclo que continuará durante os próximos meses en diferentes locais da comarca coruñesa.
Antía Muíño no Riquela Club: o local compostelán acolle a actuación desta artista galega afincada en Donosti que presenta o seu disco debut. Aquí as entradas.
Facu Díaz en Santiago e A Coruña: o humorista uruguaio ofrece actuacións esta fin de semana na sede de A Fundación en ambas as cidades. Entradas para Coruña.
0