Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Ayuso, Madrid e o comunismo
Atopo un amigo, leonés, que me di que está asombrado con Ayuso. Todas as Españas, así sexa en Astorga como en Estepona, en Denia como en Cangas, están atónitas con Ayuso. Atónitas, estupefactas e pasmadas. Pero Ayuso, Isabel Díaz Ayuso, disque vai gañar as eleccións madrileñas, poida que por goleada -ou iso afirman todas as enquisas, e quen son eu para desmentilas-.
Ayuso ten o vento de cola porque Madrid é, hoxe por hoxe, a dura roca conservadora contra a que se estrelan todas as esquerdas. A pregunta obvia é: por que?
Sen dúbida, parte da clave está naquel aserto de Ayuso de que “Madrid é España dentro de España”. Madrid é a capital do Estado e, como é natural, ten interese en que se sitúen alí todos os centros de decisión, as sedes das empresas, dos medios de comunicación, etcétera. É un interese obxectivo, material, que se expresa politicamente a través da identificación de Madrid co Estado e do Estado con España. O que en matemáticas se denominaría unha relación transitiva, en teoloxía denominaríase unha transubstanciación. Milagres políticos dos tropos retóricos.
O centralismo non é só unha maneira de romanticismo político ou unha concepción filosófica do Estado, senón unha mesta trama de utilidades e beneficios. Poida que Madrid “oculte o limpo sonido das provincias”, como afirmou nunha ocasión Mariano Rajoy, e ata pode que teña algo que ver coa España baleira, popularizada por Sergio del Molino. Pero resulta moi difícil opoñerse a esa concentración de poder. Feijóo, dende logo, non o intenta, dado que, presumiblemente, o seu proxecto na vida é cooptarse. Veremos se algún día acerta a facelo. Pode que se lle pase o arroz.
Na campaña electoral poderían discutirse temas de fondo, pero non prace á candidata facelo. No actual contexto de polarización, as divisións políticas procuran manipularse para transformalas en escisións afectivas e, nese terreo, Ayuso está tocando a tecla dunha peculiar especie de ¿nacionalismo? madrileño que ve a toda España como un hinterland do seu propio espazo económico e político. A xestión da pandemia puxo o foco en Madrid, e fixo nacer, de forma reactiva, un sentimento de ofensa que axudará a Ayuso.
Ese é un dos eixos da súa propaganda. O segundo é, claro, a oposición entre “comunismo o libertad”. Onde se sobreentende que ela é a “libertad” e os seus antagonistas o “comunismo”. Aínda que, ben pensado, coa facilidade que ten para identificarse co Estado, se vivira na URSS, ben podería ser que ela estivese no Politburó. Por outra banda, os antecesores de Pablo Iglesias pasaban polos cárceres de Franco: temo que lles tocaría o gulag. As cousas case nunca son o que parecen.
En todo caso, o comunismo é unha pantasma. Non no sentido no que o dicía Marx no Manifesto comunista -unha pantasma que asustaba á burguesía de todos os países-, senón no sentido literal: o comunismo non ten existencia real. Dende 1989 Rusia e todos os países da extinta URSS pasaron a formar parte do mercado mundial, cousa que non sei se é equivalente a ser libres, pero que na retórica usual tende a confundirse.
Máis importante foi o curioso caso que lle aconteceu á República Popular China. Está dirixida por un Partido Comunista de ortodoxia neoliberal que é, hoxe por hoxe, o principal defensor da globalización e o libre mercado. Como o argumenta e moi ben o economista Albino Prada en El regreso de China (Mundiediciones, 2021) China é o as na manga de todas as CEOE do mundo. Practica, máis ou menos, as mesmas políticas que os USA na era do seu ascenso á hexemonía mundial.
Así que non hai a máis mínima posibilidade de socializar as forzas productivas en ningún país do planeta hoxe por hoxe. O comunismo nin está nin se lle espera. No caso de que, por un evento histórico hoxe impensable, naza unha alternativa que confronte globalmente co capitalismo non terá o rostro dos movementos obreiros que conformaron os séculos XIX e XX. Estamos noutro período. Ou para dicilo con Varoufakis: “Os de esquerdas damos pena porque non formulamos un sistema alternativo”.
Podemos, dende logo, non é comunista. Non o sería nin aínda que quixese selo. O que non pode ser, non pode ser, e ademais é imposible. A relación de forzas, así aquí como alí, en España coma no mundo, non llo permite. Pero é que, ademais, non quere selo. Ao sumo razoa coma un partido socialista dos da época de Olof Palme ou Mitterrand.
Nunha época na que os partidos socialistas se foron á dereita, e son, de feito, partidos de centro, ao xeito dos Felipe, Blair e Clinton, Podemos colleu unha parte do seu espazo: non pretende, nin de lonxe, destruír o capitalismo, senón, simplemente, seguir redistribuíndo e mantendo o benestar posto en cuestión polas forzas conxuntas da globalización, a revolución conservadora, Internet, o big data e as novas tecnoloxías.
Se o entendo ben, a “libertad” á que se refire Ayuso é a de non pagar impostos. Unha liberdade que, por certo, os superricos xa teñen. Madrid é unha cidade de enormes desigualdades. Non por azar senón porque décadas de goberno conservador fixeron todo o posible para facer ananos os servizos públicos e para diminuir o gasto social.
De feito, a desigualdade entre o 20% da poboación máis rica e o 20% máis pobre na Comunidade de Madrid era a máis alta de España, cun millón de persoas -o 16% do total- en situación de exclusión social, e delas 490.000 en “exclusión social severa”, segundo un informe presentado por Cáritas en outubro de 2019. A pandemia non axudaría, de seguro, a reducila.
Tamén puido lerse na prensa que Madrid se converteu na última década na capital máis segregada de Europa e a segunda con maior desigualdade social, segundo un estudo paneuropeo que analiza 13 países. En realidade, Ayuso e os seus votantes asumen que o Estado do Benestar é un comunismo de luvas brancas e que todo imposto que non sirva para pagar as forzas de orde pública e un estado mínimo está de máis.
Así que o dramatismo do lema “Comunismo o libertad” podería ser substituído polo máis sincero e parco “Mellor non pagar impostos”, que significa “que se busque a vida o que non teña diñeiro para pagar educación e sanidade privadas”. É máis cru, pero menos inexacto. E, de todos modos, os seus electores ían votala igual.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
1