Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Baixas aceptables

Varias personas pasean por la Calle de Príncipe, en Vigo (España), a 5 de diciembre de 2020.

0

Igual é cousa miña, pero resúltame obsceno o rosario de declaracións das nosas autoridades despois de todo o acontecido en Nadal coa pandemia. O mal é común, si, pero como acontece decote, a Xunta consegue darlle un plus de cinismo difícil de igualar. Esa suposta preocupación mesturada cunhas pingas de sorpresa e cuarto e metade de indignación só atopa un parangón: o clásico “Que escándalo, aquí xógase!”, que berra o capitán Renault en Casablanca xusto antes de que lle entreguen as súas ganancias mentres fai pechar o bar de Rick. Pois igual, pero con vítimas mortais.

Non vou restar importancia á nosa responsabilidade individual. Se queremos ser tratados algún día como cidadáns adultos e non só como súbditos, televidentes ou consumidores, Papá Estado non pode estar vixiando en todo momento se facemos o correcto, pero tampouco pode darnos coartadas para o contrario. Non queremos que vos movades da casa pero durante tres días teredes carta branca para facer o que vos pedimos que non fagades. Somos un país de fonda tradición católica, dominamos como ninguén as aparencias e a dobre moral. Nin sequera fixo falla que nos chiscasen o ollo mentres nolo dicían para que o entendésemos sen dubidar.

“Por suposto que tería sido mellor non facer ningunha aproximación familiar no Nadal”, dixo Feijóo na Cadena SER en modo Capitán A Posteriori. Apenas unhas semanas antes, mentres o doutor Pedro Rascado, un dos integrantes mediáticos do comité clínico, insistía en que, con independencia do que se permitise, el ía pasar as festas só co seu núcleo de conviventes, o vicepresidente Alfonso Rueda dicía que aínda non sabía o que ía facer e o propio Feijóo teimaba en reclamar que os nenos non se contabilizasen nas reunións familiares. Por sorte, non lle fixeron caso. A xefa de servizo de Medicina Preventiva do CHUS describía así o perfil dos casos detectados na área de Compostela no arranque do ano: “Nenos e maiores, é dicir, avós e netos”. Persoas que defenden terse xuntado coa familia, como cada ano, porque contaban cun antídoto infalible, o “pensei que a min non me ía tocar”. O mesmo que fixeron os nosos gobernantes… ou non?

Os que, coma min, temos un doutorado en estratexia militar expedido por Hollywood, sabemos que calquera operación en territorio inimigo ten un número de baixas consideradas aceptables en función do risco ou do resultado que se agarda. Aquí, o obxectivo era supremo: nada menos que salvar o Nadal (ver arriba, onde falo de fonda tradición católica). Salvalo de quen? Boa pregunta. O que está claro é que era moito máis doado hai un par de aniños, cando só había que protexelo das tentativas laicizantes dos alcaldes rebeldes. Daquela, uns cantos Beléns e moitas, moitas luces eran dabondo.

Conto con que o Nadal se salvou. Seguro que, mentres os rapaces volvían a clase, el marchaba cabalgando cara ao horizonte coa promesa de retornar dentro de doce meses. Polo tanto, agora xa podemos tomar medidas máis duras. Xa podemos pedir que o toque de retirada se adiante ás 6 da tarde, como se o coronavirus fose un vampiro que só sae pola noite. Xa podemos falar de confinamentos selectivos, en concellos ou bisbarras. Pero, antes de todo iso, xa podemos pechar o bar. O de Rick e todos os da contorna. E non porque neles se xogue -aínda que a manga ancha con casinos e bingos semella que tamén rematou- senón porque aí temos o antagonista que necesitabamos neste relato.

“Se temos que elixir entre unha UCI colapsada e os bares e os restaurantes pechados, a nosa obriga moral, ética e política é intentar que as UCIs non se colapsen”, dixo Feijóo cando presentou as restricións que entraron en vigor o venres. Pero esa disxuntiva, outra vez, é falsa. Manter os bares abertos non tería porque supoñer o colapso das UCIs e, o que aínda é máis importante: pechalos tampouco garante evitar que iso vaia acontecer.

Tanto ten que nos cribados específicos realizados na hostalería os casos non chegasen nin ao 2%. Tanto ten que o problema viñese por esas reunións familiares que se alentaron nas datas sinaladas (ver arriba, onde di avós e netos e logo repasar o de fonda tradición católica). Daquela, o colapso das UCIs preocupaba bastante menos que salvar o Nadal. Pois ben, como lle gusta dicir ao presidente de todos os galegos: “Misión cumprida”.

E agora? Que é o que máis preocupa…?

En conversas con alcaldes dalgúns pequenos concellos con cifras disparatadas pese ao seu tamaño, a foto que facían do que sucedía era moi similar. Non había un gran gromo localizado, nin unha hostalaría que puidese estar baixo o foco. A maioría dos casos tiñan sempre como orixe algún centro de traballo situado, case sempre, noutros municipios -as conserveiras, por exemplo- e de aí chegaba aos núcleos familiares. Pero iso, como nesta columna, contámolo sempre ao final. Porque o ocio pode estar vetado, pero o traballo -e con el a escola, para evitar o absentismo por conciliación- non pode deterse. Nunca.

Que o capitalismo non pare. Dá igual que o disfracemos de Nadal, de Xacobeo ou de campaña de verán. Iso é, por riba de todo, o que hai que salvar. E ante el, todos somos baixas aceptables.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats