Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
'Cancel culture' ou cando deixaron de ter graza os chistes racistas (unha pista: a resposta é a que, no fondo, ti xa sabías)
Teño un tío que sempre conta un chiste de maricóns que a el lle fai moita graza. O chiste non ven ao caso agora, ten que ver coa diferenza semántica entre “maricón” e “gay” e abofé que parece inocuo. Eu mesma sorrín a primeira vez que llo escoitei (só sorrín, porque non é tan bo). O curioso do asunto foi que unha vez o meu tío (ao que, pasadas catro cervexas, se pode ofender cunha simple ollada) contoulle a piada a un mozo homosexual que lle acababan de presentar e sorprendeuse moito porque o rapaz non riu. Se cadra non o collera, porque el máis ca ninguén tiña que entender a graza. Así que lle volveu contar o chiste, desta vez máis de vagar, recalcando as palabras chave, e o rapaz seguiu incomodando a todo o persoal dicindo que non lle facía graza o chiste. Esta xeración de cristal como son... que gana de buscarlle a reviravolta a todo. Porque, se o chiste tivera mala intención, como se lle ía ocorrer a un tipo campechano coma o meu tío, que mesmo ten un amigo gay, irllo contar a aquel rapaz que acaba de coñecer?
Iso mesmo debeu ser o que pensou o creador de The Simpsons, Matt Groening, cando en 2017 o cómico e guionista Hari Kondabolu sacou o documental The problem with Apu. Nel, Kondabolu, tras se declarar fan da serie, explica como lle afectou de adolescente o feito de que a única representación da súa raza na televisión americana fose un personaxe altamente estereotipado interpretado por un cómico branco que confesou que se inspirara na personaxe india doutro home branco, Peter Sellers, no divertidísimo estereotipo andante The Party. Tamén entrevista outros actores de orixe india aos que, despois de se formaren nas mellores escolas de artes escénicas dos EUA, seguen a pedirlles que lean os textos coa voz de Apu para os casting. A min, como fan dos Simpson, de Hank Azaria (o dobrador de Apu) e por suposto de Peter Sellers, seríame doado pasar por alto todo isto e declarar que Hari Kondabolu non é máis ca outro ofendidito, como o rapaz que non riu o chiste do meu tío. Despois de todo, iso fixeron moitos medios españois cando saíu o documental, ademais de reproducir o falso rumor de que o personaxe de Apu ía desaparecer da serie por culpa da corrección política. Maldita corrección política, cantas vítimas inocentes deixas no teu ronsel! (se vostedes non o saben, xa llelo explica Darío Villanueva no seu libro máis recente)
O que me resulta curioso é que o presunto ofendidito é neste caso un tipo que se tomou a molestia de facer un documental onde entrevista numerosas testemuñas que viviron un inferno racista na escola, mentres que os que acuñan o termo son os mesmos que declaran a súa serie favorita intocable. Unha serie. Un obxecto cultural susceptible de copias, parodias, expansións non canónicas e representacións do máis diverso, pero por riba de todo un obxecto. Velaquí o paradoxo dos “metaofendidos”, algo parecido a cando empezamos a chamarlle “cuñado” a todo o que non compartía as nosas opinións políticas. Neste caso o que non comparten uns e outros é paradigma cultural: se para ti Apu ten graza non podes comprender que para alguén non a teña, e clamas ao ceo (ou ao Twitter, que vén sendo o mesmo) pola liberdade de expresión, se pode ser en maiúsculas e con moitas bandeiras vermellas arredor, que o efectismo sempre dá likes. E entón alguén rechía o teu comentario berrando “censura!” -pódeno crer, pasoume máis dunha vez - e xa temos o circo montado, á espera de que as voces máis autorizadas da nosa xeración entren na lea contra a temida “ditadura do politicamente correcto”, que xa manda truco chamarlle ditadura a calquera cousa que non sexa unha ditadura, e así acabamos equiparando criticar publicamente unha serie (ou un libro) coa queima de libros e, un pé detrás do outro, imos caendo todos polo precipicio tuiteiro da reductio ad hitlerum.
Pero non nos enganemos, isto non vai de coutar liberdades: ninguén denunciou os debuxantes da serie por delitos de odio, e nin sequera Kondabolu, no seu documental, apunta a opción de prescindir de Apu. Resulta que, como el mesmo explica, é perfectamente lexítimo criticar un aspecto dunha serie que che gusta precisamente porque tes as expectativas moi altas. Tamén é lexítimo criticar algo porque non che gusta, deixar de ver unha serie, e mesmo mandar mensaxes aos anunciantes da cadea para que retiren o seu patrocinio, aínda que isto último so funciona na cabeza dalgúns metaofendidos. A Dave Chapelle cancélano cada dúas semanas ou cada vez que abre a boca en público, o que antes suceda, e non deixa de estrear especiais en Netflix.
Mesmo no caso de que a táctica do boicot publicitario funcionase, antes de lle comprar o discurso da cancel culture á dereita, se cadra o que debemos cuestionarnos é por que xunto á liberdade de expresión decidimos entronizar nos nosos democráticos altares a súa irmá bastarda, a liberdade de mercado. Mentres tanto, se queren saber a diferenza entre censura e crítica (construtiva ou non), recoméndolles a todos os columnistas de presunta esquerda que se golpean o peito clamando contra a cultura da cancelación que revisen os seus arquivos, a ver que escribiron cando a Garda Civil pechou por orde xudicial o xornal Egin ou a revista Egunkaria, verán que risas.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0