Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Puigdemont estira la cuerda pero no rompe con Sánchez
El impacto del cambio de régimen en Siria respaldado por EEUU, Israel y Turquía
OPINIÓN | 'Pesimismo y capitalismo', por Enric González
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Despois do 18-F

El presidente del Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, coloca el micrófono para Alfonso Rueda tras comunicarle que cuenta con los votos necesarios para ser investido presidente

0

Aquí estamos. O momento político e social español está atravesado por unha aparente contradición: como resultado da crise do bipartidismo, despois da crise de 2007, e da proba de lume catalana, entre o Estatut do 2004 e o procés de 2017, existe un goberno que apunta a unha concepción plurinacional do Estado. O PSOE, para continuar sendo o partido que articule España, precisa explorar esa senda.

Pero, da outra banda, existe un bloque de dereita que está empeñado en demonizar e estigmatizar os diversos nacionalismos –menos o español, postulado como o único lexítimo- e, no límite, se poidera, expulsalos. A demanda de Vox da ilegalización dos partidos soberanistas expresa esa pulsión antipluralista e iliberal que conforma o marco mental de boa parte da dereita española. Claro que sería unha estupenda noticia que o PP, ao menos o PP de Galicia, abandonara ese camiño, que retoma o item da anti-España, pero non parece que vaia a suceder.

Saír desa confrontación estéril para osixenar o ambiente e retomar unha atmosfera máis limpa e tranquila precisaría volver ao marco do Estatut de 2004: nin tan siquera a unha fórmula federal, senón federalizante. Pero iso parece pouco plausible cunha dereita que está empeñada en resignificar a Constitución no marco populista do nacionalismo español. Eles si que parece que leron a Laclau. E non só ao filósofo arxentino. Tamén Alicia a través do espello: para eles (como as palabras para Humpty Dumpty) a Constitución significa o que eles queren que signifique.

Se houbera que abordar un diálogo acerca da Constitución española e da súa reform, o texto de Francisco Caamaño, antigo ministro de Xustiza do PSOE con Zapatero El arreglo constitucional del que no se habla resultaría especialmente iluminador. Entre as elaboracións político-xurídicas debidas ao ámbito do socialismo galego ningunha me parece máis brillante. O que Francisco Caamaño ofrece é unha fórmula de concordia federal que moi ben podería ser o marco, nese plano específico, dun goberno de coalición BNG-PSdeG. Poden lelo neste enlace, non perderán o tempo.

En Galicia, o BNG está satisfeito co seu éxito nas recentes eleccións. É natural, pero se quere consolidarse como partido de goberno futuro, ten que facer o seu propio camiño e evitar a complacencia. A ocasión píntana calva e a Historia, a día de hoxe, corre veloz. Nada é máis fácil que quedar atrás. A linguaxe na que ten que formular as demandas de autogoberno é aquela do liberalismo político, porque é a que conforma, afortunadamente, o humus da nosa sociedade.

Na propia historia do galeguismo, figuras como Plácido Castro constitúen un referente nesa dirección. Atrévome a propoñerlles a lectura da XXV Conferencia Plácido Castro sobre o vínculo entre liberalismo, federalismo e plurinacionalidade.

Forma parte da tarefa do BNG seguir tendendo pontes. Está claro que sen acceder ao goberno non poderá nin atallar a progresiva desgaleguización nin articular a sociedade galega en torno a un proxecto. Non será útil para os seus propios obxectivos. E iso significa apertura de mente, disolver certas fronteiras simbólicas e fácticas que estreitan a súa capacidade de irradiación. Renovar o vocabulario e acudir a outras fontes de imaxinación política parece non só oportuno, tamén necesario. A última campaña electoral foi interesante: mostrou unha certa vontade de saír do propio círculo encantado para falar cunha voz máis ampla.

En relación ao PSdeG, o seu inevitable socio, ten que saber xestionar as tensións, abordar as percepcións erróneas e prever os conflitos involuntarios. E o mesmo vale, á inversa, para o PSdeG. Se fose posible, ambas forzas deberían ir máis aló e establecer formas de complicidade. O PSdeG non o ten fácil, pero a primeira condición é querer ser, ter un perfil. E Besteiro, parece, quere. A tarefa para as dúas forzas é convencer a unha parte dos electores do PP das bondades da súa opción de goberno. Máis complicado aínda teno Sumar, pero cando se disipe a néboa seguirá aí.

Sexa coma for, é claro que non hai ningunha posibilidade de modificar o marco político galego a través dun Novo Estatuto, por exemplo, se antes a sociedade galega non ten esa demanda, expresada a través dos seus representantes. Volvemos aquí á necesidade da linguaxe da democracia e do liberalismo político que debe estenderse en dirección á política estatal: á demanda dunha concepción plurinacional do Estado. O pluralismo liberal e as políticas de recoñecemento da diversidade son o marco posible dunha reforma constitucional. España é plural e, se non, non é España. Por iso, os programas políticos dos que queren acabar con esa pluralidade pasan, necesariamente, por “solucións” autoritarias.

Para discutir estas e outras cousas, se quixeran compartir unha conversa sobre Liberalismo e galeguismo: federalismo e plurinacionalidade do Estado. En torno a Plácido Castro, con Francisco Caamaño, catedrático de Dereito Constitucional e ex-ministro de Xustiza e Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC, ademais de con este modesto amanuense, anímolles a acudir á Casa de Casares Quiroga o día 11 de Abril, xoves próximo, ás sete da tarde.

Pensaremos diferente, e podemos equivocarnos de medio a medio, pero intentaremos –é un esforzo sempre- ser razonables e non sectarios, máis aló do balbordo e a furia que marcan o momento.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

stats