Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Feijóo e o mago Houdini

Cabecera de una manifestación por la sanidad pública en 2016 en las calles de Vigo.

Rodolfo Irago

1

O circo da política española está a piques de ofrecer un novo espectáculo que parece sacado dos mellores tempos do famoso mago Houdini, o máis grande escapista da historia. Se as enquisas non se trabucan, ou a oposición é quen de darlles a volta en dúas semanas, Alberto Núñez Feijóo emerxerá de novo dende o Noroeste como a gran esperanza branca da dereita española.

As crónicas madrileñas e as galegas máis afíns á Xunta falan do líder que salvou a Galicia do coronavirus; do político moderado e centrista, alonxado do Casado dos “Cayetanos” e azoute de Vox que goberna unha Arcadia feliz na que nunca pasa nada.

E evidente que Feijóo é un dos políticos máis hábiles do panorama nacional, pero a súa imaxe e a da súa xestión forman parte do realismo máxico que tanto nos gusta os galegos e que o presidente da Xunta vai labrando gracias ao férreo control mediático, público e privado, como ben saben os compañeiros de Defende a Galega, que levan 110 venres vestíndose de loito.

Ata o ministro Ábalos eloxiou estes días o labor da Xunta ante a pandemia e está claro que, comparado con Ayuso, Feijóo ten manexado sen grandes atrancos unha xestión que podería terse complicado moito polo gran envellecemento da poboación en Galicia e pola deficitaria situación da sanidade galega.

Pero o certo é que, por sorte, Galicia superou mellor que outras comunidades a primeira ondada da COVID porque foi unha das zonas máis beneficiadas polo estado de alarma e a prohibición de movementos a mediados de marzo, cando o virus apenas chegara ao noroeste español. O confinamento evitou males maiores e todos o celebramos.

Unha vez máis, Feijóo aproveitou a circunstancia para presentarse como o campión da saúde cando Galicia sofre dende hai anos un grave proceso de desmantelamento da sanidade pública no que se están a reducir camas, médicos e investimento.

E así, por arte de maxia parecen terse esquecido as tres folgas sanitarias que se viviron aínda o ano pasado en atención primaria; onde os médicos teñen que atender a 50 o 60 doentes o día. Esquecéronse tamén as dimisións en cadea de máis de 20 xefes dos centros de saúde de Vigo, as interminables listas de agarda para que te vexa un especialista, o intento frustrado pola presión social de pechar o paridoiro de Verín ou a porcentaxe de eventuais entre o personal sanitario que chega nalgún hospital o 65%, como denunciaron os profesionais este sábado en Compostela.

E o máis sorprendente. Esquécese que o maior hospital de Galicia, o Álvaro Cunqueiro de Vigo é na práctica un hospital privado, propiedade dun consorcio de empresas, incluido un fondo de inversión de Luxemburgo, que o que quere é gañar cartos. Iso si, a xerencia e os médicos son do Sergas, que paga un canon millonario por usalo. Fala ti logo do modelo Alzira e de Esperanza Aguirre.

Un novo truco de Feijóo que privatiza sen que se note mentres reforza en Madrid a súa figura de líder dialogante alonxado da crispación; capaz, iso si, de eloxiar o goberno de Sánchez e acusalo de agachar os mortos reais da pandemia, case na misma frase.

Nisto Feijóo conqueriu tamén facer outro gran xogo de mans, facendo que se esqueza o político que lideraba a oposición ao goberno de Touriño e Quintana. E é que Feijóo non foi sempre presidente da Xunta.

Houbo un tempo no que encabezou unha oposición sen cuartel, permitindo o xogo sucio e os ataques persoais nos que chegaron a acusar a Touriño de tendencia enfermiza polo luxo e a Quintana de corrupto. “A crispación non ten sustento social”, dixo hai uns días. Salvo que me conveña a min, puido engadir.

Feijóo preséntase tamén como o antídoto contra Vox, pero habería que ver que faría se o 12 de xullo, necesitara un escano da extrema dereita para seguir gobernando: había de ser Merkel ou Ayuso? Como non parece que vaia a ocorrer, quedarémonos coa dúbida.

Imitar os trucos do mestre Houdini non foi nunca doado; mesmo un mago hindú chamado Mandrake morreu no intento o ano pasado. Afogouse. De momento, Feijóo parece ter varias vidas políticas e o pano está a piques de erguerse de novo. A función vai comezar.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats