Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
A fenda: hai partido
Nas recentes eleccións municipais a suma de electores que votaron ao PSdeG e ao BNG superou en 115.000 votos aos que obtivo o PP. Se se tomaran en consideración os restos das Mareas, dunha banda, e os votos obtidos por Vox da outra, a diferenza de votos entre as opcións progresistas e as de dereitas sería aínda maior. Certamente o PP recuperou a Deputación de Pontevedra e a alcaldía de Ferrol, pero non pode ler estas municipais con optimismo.
De feito, un pode especular coa idea de que se está comezando a producir un certo desaxuste ou fenda, un gap, entre os ciclos políticos galego e español, o que sería unha novidade. Teremos ocasión en xullo e nas autonómicas do ano que vén de comprobar se esta inflexión existe e, nese caso, o sentido dos matices que poda adquirir. Pero o contraste entre un PP exultante na práctica totalidade de España e, ao mesmo tempo, de resultados mínimos, discretísimos, en Galicia, foi patente.
Tamén foi desconcertante, pero moi reveladora, a abortada intención de convocar eleccións en Galicia o 23 de xullo. O frustrado anuncio indica que o PP de Galicia desconfía da súa capacidade de revalidar a Presidencia da Xunta. Non cabe dúbida de que o carisma, polo momento, non acompaña a Rueda. Ao mesmo tempo, a Xunta non ten moitos logros que exhibir.
A miña impresión é que o PPdeG está, pouco a pouco, perdendo pé. A sensación que dá é que está moi lonxe de ser aquel partido de masas que foi con Fraga e que está estreitando pouco a pouco as súas bases sociais. Os motivos son múltiples e van dende a pura fatiga dos materiais ao descolorido carácter dos seus líderes, pasando polo cambio da estrutura social. Sen dúbida é o partido do stablishment, pero a xente cada vez máis vota o que lle dá a gana.
A radicalización da opinión de dereitas inducida dende os medios de comunicación ten percorrido, pero tamén límites. Se Galicia segue sendo Galicia, cousa da que cada vez estou máis inseguro, entre nós non agrada tanto o estilo macarra, basto e belicoso. Un motivo plausible: non queremos romper os vínculos comunitarios que aínda nos ligan, menos en espazos sociais relativamente reducidos. En Madrid a segregación e a distancia sociais son moito máis fortes e conducen a unha polarización política maior. A manipulación do medo para xenerar ira e odio politicamente rendibles ten, por iso, en Galicia un efecto de radio máis curto. Ou iso me parece. O que acabo de formular é unha hipótese interpretativa.
Noutra orde de discurso, Galicia vive un momento no que dous vectores, o hipercentralismo madrileño, que arrepaña todo, e o despegue económico do Norte de Portugal, novo imán, tensionan o seu futuro. Esa é a nosa inmediata xeopolítica e xeoeconomía. É cuestión de tempo que esa percepción se instale no ánimo colectivo. A xente viaxa e -non podemos negalo- as comparacións, ás veces, ofenden. Cerca de nós o Sá Carneiro, para poñer o exemplo clásico, é xa un potente nodo de tráfico aéreo internacional mentres os aeroportos galegos teñen rutas de sota, cabalo e rei. Pero caben poucas dúbidas de que os investimentos do Estado tenden a favorecer a Madrid sen que o goberno galego, nin cando está o PP, consiga éxitos contantes e soantes.
En definitiva, a conciencia de estar perdendo peso relativo vaille dar máis consistencia á demanda dun modelo de modernización autóctono. Tamén os novos paradigmas globais, por exemplo no ámbito da descarbonización. Pode tolerar a sociedade galega converterse nunha potencia enerxética, a base de muíños eólicos, biomasa, etcétera, sen que os beneficios revertan nela? Pode tolerar unha visión extractiva dos seus recursos que lle deixe só as migallas, como foi o caso nun pasado do que non estamos tan lonxe? Alfonso Rueda prometeu a creación dunha empresa pública para que incidan en Galicia os beneficios da transición enerxética. Será algo máis ca un fake? A dúbida é lexítima, vistos os antecedentes.
Outra pregunta: implicará esa posible demanda dun modelo de modernización autóctono unha reorganización dos espazos políticos? Se en Galicia aínda existe intelixencia colectiva, así debera ser. A economía e a sociedade galega procederon a unha intensa reestruturación das bases sobre as que se sustenta. Tres datos: o peso da industria é maior ca no conxunto español. O turismo duplica o peso no PIB do sector primario. As empresas galegas están fortemente internacionalizadas e a galega é unha economía extraordinariamente aberta.
No entanto, a política e a cultura (inzada de tópicos e clixés mediocres, abducida pola pasividade) aínda non foron capaces de procesar esa enorme transformación. O marco mental permanece en boa medida incólume tanto entre tirios como entre troianos, para dicilo ao modo de Xesús Alonso Montero.
O PP ten a sorte de que os seus competidores ou ben non fixeron este diagnóstico ou ben non saben como construír unha oferta convincente que se dirixa a ese segmento que intúe, pero aínda non sabe, que necesita unha nova forma política, expresión dun país competitivo. Quen saiba ler o momento e saír das súas inercias terá vantaxe.
Ninguén pode ter a bóla de cristal e o que pase o 23 de xullo vai condicionar todo o que veña despois. Visto dende hoxe, a Xunta de Galicia (así parecen suxerilo os resultados do 28 de maio), pode cambiar de mans cando se convoquen eleccións, presumiblemente dentro dun ano. Tecnicamente hai partido, pero a grande vantaxe do PP é que ofrece máis confianza, aínda que só sexa polo costume.
Ese grande hándicap de BNG e PSdeG debería inducilos a mostrar vontade de goberno conxunto e dar signos nesa dirección. Nin o PSdeG pode pensar que está tocado polo dedo de Deus nin o BNG confiarse na onda do seu éxito. Os dous teñen que demostrar que hai proxecto, ideas e xentes nas que o elector poida depositar a súa confianza. Nada diso forma parte da percepción dos cidadáns a día de hoxe, como se pode constatar en calquera conversa sobre o particular, aínda co máis entusiasta fan dun ou doutro partido. O que digo é unha verdade de Perogrullo pero, ai!, o evidente é tantas veces desprezado...
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
1