Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Política industrial de Feixóo
A pregunta é: cal é a política industrial levada a cabo polo goberno encabezado por Núñez Feixóo nos anos en que presidiu a Xunta? E a pregunta xorde ao contrastar/opor as necesidades que ten o país -neste momento crítico e noutros chamados normais- coa realidade da política económica industrial, tanto a súa ausencia no presente, como a non existencia no pasado próximo. Esas realidades observadas son moi pouco esperanzadoras para darlle un uso produtivo ao capital potencial existente, así como para facilitar (achaiar o camiño) do capital actuante que en máis dunha ocasión atopa atrancos ou trabas administrativas severas para se desenvolver en condicións competitivas. Xa non citamos o uso produtivo, no país, do aforro galego que por mor da “fluidez” bancaria cara afora, rega e fai frutificar riqueza non se sabe onde, pero ben lonxe da súa orixe galega. É unha lei económica universal no capitalismo actual que a única maneira de crear postos de traballo permanentes é favorecer o mantemento de industrias, xa que é tamén a única maneira de fixar poboación, favorecer o seu crecemento, porque o arrastre industrial xera outro tipo de crecemento económico en actividades asociadas á existencia da industria.
A segunda cuestión acaída é por que é necesario interesarse nunha industria propria se xa chega dabondo co capital estranxeiro instalado. Quen compara o carácter do capital propio co descomunal tamaño de empresas como Ence, Endesa, Siemens, Citroën, Alcoa, Naturgy, Telefónica, Iberdrola, Carrefour, Alcampo, FCC…? Quen pode, no interior da economía galega, exhibir forza e capacidade semellante á desas compañías multinacionais para negociar coa Xunta de Galiza condicións de instalación, de funcionamento e de mercado? Xa contestamos nós: ningunha compañía galega, nin asociacións delas, teñen logrado do goberno galego nada parecido ao apoio directo e indirecto recibido polas multinacionais aquí instaladas: en formas variadas, con lexislación acaída (Ence, eléctricas, Citroën, Alcoa…), con subvencións directas, con non intervir en prácticas abusivas, con facilitar condicións de desenvolvemento…
A só consideración deste aspecto do apoio directo e indirecto ás grandes compañías é suficiente para deseñar o escenario de dúbidas sobre a existencia de política económica industrial da autonomía por unha razón moi simples: os medios de apoio e compromiso de actuación dedicados ás grandes compañías apresan medios, recursos e capacidade administrativa das actuacións públicas, e no terreo do mercado invaden por proprio desenvolvemento o campo que podería ser das empresas galegas.
Un caso próximo a calquera consumidor (aparentemente só no eido do comercio) pode servir para ilustrar a nosa aseveración. Imaxinemos que se dá entrada por razóns de negocio inmobiliario a unha gran superficie con instalación dun hipermercado francés. A senda de negocio normal do distribuidor de alimentos é lograr dominar o segmento de mercado que lle corresponde nun prazo temporal relativamente curto. Pero como a demanda de alimentos non medra no medio prazo máis alá do crecemento povoacional, é imposíbel, sen incrementos de poboación e renda, facer medrar a demanda; por tanto, o hipermercado só ten a opción de substraer a demanda composta por utentes do comercio preexistente e captala como conxunto de clientes adheridos. Esta práctica normalmente incorpora campañas activas de atracción de consumidores rebaixando prezos (mesmo vendendo a perda) de bens de consumo masivo e de primeira necesidade (verbigracia, o leite) combinando con outros prezos que mesmo superan os existentes noutros ámbitos de distribución, ben en tendas tradicionais ou en mercados de abastos públicos.
Aquí entra a industria propria. Os distribuidores, tal e como indica o seu nome, son comercializadores/distribuidores de bens, neste caso de consumo de alimentos. Se a política que levan a cabo, e se permite, é presionar aos provedores (produtores agro-pesqueiros ou da industria transformadora de alimentos) con contratos á baixa nos prezos, esta práctica paraliza as posibilidades de crecemento dos sectores produtores de alimentos na mesma medida que non venden ou venden a un prezo por definición irrendíbel. É dicer, a práctica de competencia feroz, por prezos sen límite nos contratos de subministro, nin prácticas de preferencia pola produción local sostíbel, é un elemento nítido de política industrial negativa, só é avaliábel en contra da industria propria: desde a pataca galega substituída pola francesa; pasando polo leite “europeo” contra o de produción propria; seguindo pola conserva que traballou a prezo esmagado, e rematando polos transformados cárnicos procedentes de calquera produtor de calquer mercado, os prezos baixos dos bens ofertados substitúen aos proprios, facendo decaír ano ao ano a produción ou, no seu caso, a rendibilidade da industria galega.
A cadea secuenciada do proceder dunha multinacional francesa (hai dúas que tiveron hexemonía de mercado distribuidor durante moitos anos) que teoricamente podería comprar e vender produtos producidos na Galiza e servir de canal para a industria propia, convertéronse na realidade de mercado en verdugos da produción propia, tanto para o mercado interior galego como para as posibilidades de exportación do complexo agroindustrial transformador de procedencia galega. E, de forma secundaria pero non menos importante, o modelo de distribución de predominancia de multinacionais non é o único en Europa, na UE, nin o único posíbel, nin o que nos convén na economía galega, sendo este o aspecto máis importante de todas as consideracións. Pode ser último grito na moda da distribución comercial pero non é interesante desde o punto de vista do benestar, da economía propria e futuro dos galegos. Este é para nós o único ponto de vista que debería ser tomado en consideración, e non, pola contra, por influencia, presión -en realidade poder económico manifesto- lexislar e favorecer as multinacionais, porque a dinámica da súa existencia pasa sempre por riba da existencia do pequeno capital da pequena empresa e da produción de menor tamaño, que ten por definición ou, se se prefire, por carácter esencial, dereito a viver e sobrevivir.
O Estatuto de Autonomía da Galiza no seu artigo 30 di: “A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva nas seguintes materias: Fomento e Planificación da actividade económica en Galicia. Industria. Agricultura e Gandaría. Comercio interior. Institucións de crédito corporativo público e territorial e Caixas de Aforro. Sector público económico de Galiza. Desenvolvemento e execución en Galiza dos plans do Estado… , así como a participación na xestión do sector público estatal nos casos e actividades que procederen”. E, cando se redixiu e se aprobou, algúns economistas pensabamos que era pouco ambicioso: hoxe, lamentabelmente, reclamamos que se cumpra o texto da Lei Orgánica do Estatuto Autonómico!!!
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0