Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Rogelio Groba, o compositor nacido na aldea ao que o pai xordomudo lle inculcou o amor pola música

GROBA EN CANS
3 de enero de 2023 06:02 h

1

Unha tarde de 1999 tiven ocasión de conversar por vez primeira co compositor Rogelio Groba. Atopámonos nun plató de televisión. Eu era guionista e responsable das entrevistas nun programa diario en TVE- Galicia que se chamaba “Que Serán”, para o que me reclutara Xosé Manuel Pereiro.

Antes de que Groba pasase ó plató, a unha entrevista en directo, eu era o encargado de estar con él nos minutos previos e anticiparlle por onde ía ir a cousa. Tamén de propoñerlle algunhas pequenas gamberradas, seguindo o estilo do programa de entrevistas que triunfaba na altura, como era “Lo más plus”, no daquela fresco e atrevido Canal +. 

Propúxenlle o chiste que se nos ocurrira para meter no medio da entrevista, que era darlle unha batuta e que dirixise un pouco mentres sonaba de fondo a música do pasodobre “Ponteareas” de Reveriano Soutullo. Groba, que nacera en 1930, era daquela xa un señor maior para a miña idade e olloume de esguello dun xeito displicente. Tiven a sensación de que interiormente estaba mascullando “alucino co que me propón este idiota”, pero traguei saliva e seguín adiante co plan, tratando de convencelo, pois para iso me contrataran.

“Non sei se sabe que eu hai xa moitos anos que non dirixo, que me adico só á composición”, díxome algo seco na trastenda daquel plató, nun xeito elegante de dicirme que non ía someterse a aquel tipo de trapalladas de guionistas inconscientes, que non sabían medir a dimensión real dos entrevistados. “Home, só é unha pequena broma, un xogo para a televisión, e ademáis pídello un veciño”, díxenlle impulsado pola miña insolencia xuvenil. Daquela Groba preguntoume de onde era. Respondín que de Cans, a aldea que está cerca de Guláns, onde el nacera, só separada no medio polo penedo do Monte Castelo. “Pois xusto en Cans é onde dirixín a banda de música de Guláns, por vez primeira na miña vida”, espetoume, cun dato que eu descoñecía ata aquel momento. A partir de aquí, iniciamos unha interesante conversa, ademáis de entrar no plató, agasallarnos cunha fermosa entrevista que lle fixo Paco Lodeiro e deixarse enredar polo sketch da batuta na súa man.

Na saída da entrevista, xa máis relaxado, tomamos algo. Groba contoume con calma as circunstancias de como un 26 de decembro de 1946, con 16 anos, dirixiu por vez primeira a Banda Union de Guláns, a histórica banda da súa aldea, no Torreiro de Cans. A data sabíaa de memoria, porque era nas festas patronais do Santo Estevo de Cans, sempre ó día seguinte do día de Nadal. Groba empezara case de neno na banda da súa aldea, unha das máis antigas de Galicia, fundada en 1870. Nos días previos á actuación en Cans, o director puxérase enfermo e alguén decidiu que o neno Roxeliño, ata ese momento un pequeno frautista que tocaba unha frauta de buxo, era un rapaz con talento para debutar dirixindo a banda nas festas de Cans. Pouco podía imaxinar que alí, movendo a batuta coas mans case conxeladas polo frío e cos pes mollados enterrados na lama do Torreiro de Cans, estaba a comezar unha exitosa carreira no mundo da música. 

En Guláns, unha aldea de Ponteareas de pouco máis de 700 habitantes, todo latexa ó ritmo da música. Cando un pasea polos seus camiños, de cada casa sae o o son dun instrumento diferente. Neste contexto rural é no que naceu e medrou o compositor Rogelio Groba, cuxa chama ven de apagarse ós 92 anos de idade, na derradeira noite do ano, xusto no tránsito cara o Aninovo. Sempre lúcido, cunha memoria prodixiosa e activo como creador ata as súas últimas semanas de vida, Groba é o máis relevante compositor de música clásica nacido en Galicia no século XX.

Deixa un extenso corpus como creador de máis de 700 obras, pero tamén un legado transversal no ámbito da música. Ademáis de compositor, Groba foi un pedagogo musical, un investigador con alma de folklorista, escribiu varios ensaios, fixo incursións como editor musical e tamén un relevante xestor cultural musical, impulsando formacións como a Orquestra Sinfónica de Galicia.

Cando Groba naceu en Guláns en 1930, a Unión de Guláns xa tiña máis de medio século de vida e era o orgullo da aldea. O seu pai era barbeiro e rusto enriba da barbería ensaiaba a banda de música. O pai de Groba collía ó seu fillo e levábao con frecuencia ó piso de arriba. Podería ser o impulso natural dun pai que quere aprenderlle música ó seu neno. Mais o certo é que aquel era un pai moito máis especial que o resto dos pais: era xordomudo. Un xordomudo que amaba a música.

Cando coñecín a Groba, naquel plató de televisión a finais dos 90, faloume con moito orgullo de aquel pai xordomudo, da pasión que tiña pola música -que a sentía polos latexos- e de como teimou ata que esa pasión prendeu no pequeno Roxelio e nos seus irmáns.

Despois de saber a historia de Groba e o seu vínculo emocional co Torreiro de Cans, onde en 1946 debutara como director da Unión de Guláns para orgullo do seu pai xordomudo, sempre pensei en volver lembrar aquel momento. E pensamos que a excusa e o marco perfecto podería ser o Festival de Cans. En 2013 propuxémoslle a Groba visitar Cans para que, case 70 anos despois, volvese exercer de director no Torreiro e rememorar aquel día histórico. Dixo que viría pero, unha vez máis, rexeitaba dirixir. Pero, unha vez máis tamén, convencémolo. Dirixiu simbolicamente unha peza coa Banda de Salceda e colocamos unha placa no Torreiro de Cans no seu honor, acompañados de músicos de diferentes estilos como Uxía, Julián Hernández ou Cristina Pato. Foi un día de gran emoción, no que tamén estiveron como convidados Dionisio e Xosé, dous dos músicos que tocaran con aquela banda o día do seu debú, había case 70 anos.

Ao cabo de poucos días chamoume Manrique Fernández, que daquela era xerente da Fundación Rogelio Groba, para trasladarme o agradecemento de Groba. Díxome que Groba viña tan emocionado e tan impresionado pola homenaxe e o recebemento, que estaba pensando en compoñer algo como agradecemento á aldea. Nunca máis pensara naquilo e, uns meses despois, volveron chamarme da súa fundación para pedirnos unha dirección postal. Uns días despois chegou unha partitura completa encadernada co seu título correspondente: “Agroglamour en Cans”, na descripción do Mestre Groba “unha oda a aldea de Cans e ó seu festival”. E en 2014, para pechar o círculo, volvemos convidar a Groba ó Torreiro de Cans. Esta vez, xa só en calidade de compositor, para asistir á estrea da súa obra, do legado que nos deixou. Por fin Rogelio Groba, o neno de Guláns fillo do barbeiro xordomudo, regresaba ó Torreiro de Cans como compositor. E por fin se pechaba o ciclo daquela conversa que comezara quince anos atrás na trastenda dun plató de televisión.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats