Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Un sentido de dirección
Nada pode ser máis sorprendente que a contraposición entre os anos sesenta do pasado século e o día de hoxe. O espírito do tempo estaba, naquel momento, xirando á esquerda. Avanzaba a valores máis humanos e, como se dicía, posmaterialistas, non vencellados á reducionista esfera do consumo. Hoxe virou á dereita e seguramente a súa órbita siga declinando nesa dirección.
Bob Dylan soubo, con dúas cancións, poñerlle nome a aqueles 60 que, nos Estados Unidos, estiveron marcados pola emerxencia dunha sociedade opulenta, a vitoria e o asasinato de John Fitzgerald Kennedy e máis tarde do seu irmán Bob, o movemento polos dereitos civís e o asasinato de Martin Luther King, a guerra de Vietnam e as imaxes da matanza de My Lay e o movemento estudantil do 68, que tamén se produciu en Europa e marcou a aparición da Nova Esquerda. Francia vivíu a guerra de Arxelia antes de Maio do 68. O lector me excusará da referencia ao que había en España. Foi unha década terrible. Pero, a pesar de todo, había esperanza. Ese era o factor diferencial.
O título de dúas cancións de Dylan dicíano todo. The times they are a-changin e Blowin' in the wind. Así era: os tempos estaban cambiando e a resposta estaba no vento. Tamén hoxe os tempos están cambiando e é posible atopar a resposta no vento. Só que agora a dirección é á dereita. Ese é o espírito do noso tempo. Aumenta o odio.
As dúas emocións predominantes son a ira e o medo. Ignoro se son constitutivamente reaccionarias. Pero non cabe dúbida de que a ira e o medo de hoxe si que o son. É o ABC eterno: o odio ao diferente e ao de abaixo, a identificación cos de enriba, a ira reservada aos débiles. Odio&covardía&conservadorismo. Expresan conformidade cun sistema social que se quere a si mesmo estratificado. Expresan degradación moral e social. Clasismo, xenofobia, reacción ao poder adquirido polas mulleres e aos dereitos LGBT percibidos como unha ameaza volven a formar parte da acuarela.
E convencionalismo, moito convencionalismo, e cursilería, moita cursilería. Emocións baratas encardenadas en libros baratos. Abonda con entrar na Casa do Libro para constatalo. E superficialidade, moita superficialidade. O complicado asusta e espanta. Hai unha pulsión anti-intelectual, como nos fascismos de anteguerra. Toda a sociedade está atravesada por paixóns tristes, que diría Spinoza. Tal vez habería que volver ler os estudos sobre a personalidade autoritaria de Adorno, Horkheimer&co. Ou a Reich e aquel Escoita, homiño!
Nas sociedades occidentais volve haber pulsións irracionais. Mentes ríxidas, pechadas, conformistas e intolerantes. As redes non fan máis que amplificar o seu eco. O efecto burbulla complica aínda máis as cousas. A mentalidade de rabaño a gran escala está de volta. Pode que os homiños e mulleriñas queiran outra vez un caudillo, que naturalmente non se parecerá aos de hai cen anos.
Non pode haber un xiro na época se non se divisa a liña do horizonte. Ten que retornar un espírito de confianza en novas metas e nas bondades dunha sociedade pacificada. O progresismo, ou simplemente a defensa dos valores humanos xenéricos, como os que exhibe o papa Francisco na encíclica Fratelli Tutti sobre a fraternidade e a amizade social, non pode ser meramente reactivo. Necesita elaborar un horizonte, poñer en pé paixóns alegres. Quen o fará?
A fase do movemento obreiro, que marcou a historia entre mediados do XIX e fins do XX quedou atrás. O comunismo é hoxe só unha pantasma ou unha parodia. O capitalismo non ten afora. O vello liberalismo, que partía do valor de cada individuo e dos seus dereitos, foi substituído polo neoliberalismo, que consiste en reducir todo a unha única dimensión, a de mercadoría. No plano da xeopolítica, estamos máis en 1914 que na estabilidade do período da Guerra Fría. A tectónica de placas entre o Norte en declive e o Sur global encerra enormes perigos. Podería mesmo irse máis aló. A ilustración está en crise, substituída polo ruído e a furia das redes e a planicie da cultura mainstream, banal e inimiga da complexidade. Tampouco axuda o bizantinismo, un pouco ridículo, de certa esquerda esotérica aniñada nos campus.
O ano 2024 pode ver, nos Estados Unidos, a vitoria de Trump. Hoxe está en cabeza nos sondeos. En Europa, as eleccións europeas de xuño poden marcar -deus non o queira- unha inflexión á ultradereita. A UE foi un produto da posguerra: da vitoria sobre o fascismo. O consenso sobre o que foi creada foi o do pacto entre socialdemocratas e democratacristiáns. Agora, o corpo de ideas co que naceu está en perigo.
Cabe que en xuño ese consenso sexa substituído pola apertura dos conservadores á extrema dereita. Sería o cambio dun modelo. A UE perdería a súa alma. Poden volver tempos escuros?. Non estou seguro de formulalo como pregunta ou como afirmación. Orbán e Meloni marcan tendencia. Wilders, Le Pen, Abascal, AfD, os Demócratas de Suecia, o Partido dos Fineses.. a extrema dereita ascende.
Non hai nin que dicir que fóra do que chamamos Occidente, Putin, Erdogan, Milei, Netanyahu, Modi, son nomes que forman parte dese corremento global ao autoritarismo. Na China ensaian formas de vixilancia social para controlar á poboación que remedan as distopías de Black Mirror. Non todo o que podemos esperar da IA é positivo. Non sería bo pensar que estamos a salvo: calquera día...
No fondo do óleo, o asunto maior. Non hai liña de horizonte. Non hai futuro. A imaxinación social está en horas baixas. Pero iso é o que necesitamos: un sentido de dirección. Un lugar amable e pacífico ao que dirixirnos. Unha restitución do sentido moral e do valor da cultura para redefinir, con humanidade e sen perder a noción do enigma, o mundo no que vivimos.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
1