Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Vacinación masiva

Varias personas esperan unos minutos por si tienen efectos secundarios tras recibir la vacuna de Pfizer durante la campaña de vacunación masiva que se lleva a cabo estos días en el recinto ferial Expourense en Ourense.

0

A semana pasada, co comezo das vacinacións masivas a persoas entre 60 e 65 anos e entre 75 e 79 anos, puidemos ver na prensa as imaxes da eficiencia feijoita: o amplo vestíbulo de Expocoruña cuberto con ringleiras de boxes impecábeis, ou as perfectas filas de xente no exterior da Cidade da Cultura. En canto as fotos viraron menos exemplares, con centos de persoas sen posibilidade de gardar a distancia de seguridade, caos nos accesos e pouco persoal, o presidente apresurouse a botarlle a culpa “á xente”, así en xeral. É algo ao que xa nos ten afeitos, e aí está a hemeroteca para nolo lembrar: “a xente” aproveitouse da súa boa fe á hora de autorizar reunións no Nadal e por iso repuntou o virus, “a xente” non fala galego na casa e por iso a nosa lingua esmorece entre a mocidade, “á xente” dálle por morrer e por iso o PP baixa en votos en cada elección.

Así que á xente deulle por irse vacinar en masa aos centros habilitados, e o goberno galego non tiña maneira de prever o caos resultante. Sería unha desculpa impecábel se non fose porque ao tempo que comezou a vacinación na Cidade da Cultura xa había un posto de churros e outro de xeados instalados na aba do Gaiás, á espera das longas ringleiras. Se aos da churrería non se lles escapaba que a convocatoria de vacinación ía ser un éxito, é difícil pensar que o gran xestor non o puidese prever e actuar en consecuencia.

Perante as imaxes de aglomeracións, a Xunta reaccionou mellorando a organización exterior, mentres os problemas derivados de convocar milleiros de persoas nas cabeceiras das áreas sanitarias quedaban ocultos baixo a aparencia de orde dos conos, a sinalización e os efectivos policiais: persoas de idade que teñen que desprazarse a máis de cen quilómetros no canto de poder acudir ao seu centro de saúde; aglomeracións en lugares pouco indicados, como a Cidade da Cultura, na que as distancias son enormes para percorrer con problemas de mobilidade e non hai acubillo para a chuvia nin o sol; membros da mesma familia citados en horas afastadas do mesmo día e sen posibilidade de cambiar as citas; e diante de todo unha improvisación na planificación que ten a moitas enfermeiras combinando a carga de traballo diaria, a vacinación nos centros habilitados e a domicilio, ou indo elas mesmas a polas doses aos almacéns e responsabilizándose da cadea de frío.

Detrás de toda esta improvisación parece estar a fixación do noso presidente polos titulares grandilocuentes sobre a campaña de vacinación masiva, e polas imaxes das ringleiras de boxes de Expocoruña ou as filas de xente serpeando pola aba do Gaiás. É doado esquecer que Galiza está case en postos de descenso canto ao ritmo de vacinación no estado, cando lemos titulares sobre as 145.000 persoas que van ser vacinadas nunha semana e o que iso vai supoñer nos esforzos de inmunización colectiva.

Pero o motivo máis evidente, e máis grave, de que esta demostración de músculo inmunizante transcorra en grandes recintos feirais e palacios de exposicións é que os centros de saúde carecen de persoal e medios para acometer esta campaña, e diso non lle podemos botar a culpa ao coronavirus como Feijóo lla bota “á xente”: levamos arrastrando esta falta de medios humanos e materiais tras anos de políticas privatizadoras do outrora secretario xeral da Consellería de Sanidade. A sanidade pública galega leva na UCI desde moito antes da pandemia: a atención primaria xa estaba baixo mínimos e agonía coa suspensión de consultas presenciais e a implantación xeneralizada da consulta telefónica coa desculpa da COVID. A precariedade laboral do persoal sanitario, o peche de camas, a suspensión de probas diagnósticas, o desleixo na prevención, a escasísima atención ás doenzas mentais, están a afectar á saúde de todas as persoas que estes días colapsan os accesos aos centros de vacinación masiva, e a gran resposta, para refocilo do señor presidente, parece ser acudir aos centros privados ou venderlle a alma ás aseguradoras.

Isto pode levarnos a pensar que a xestión do PP en materia de sanidade é ineficaz, pero eu coido que máis ben é ao contrario: a xestión do señor Feijóo, pandemia mediante, está a ser tan eficaz para o seu propósito que se cadra na próxima pandemia temos que poñer a vacina no posto de churros.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats