Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A violencia machista arrástrate á intemperie

Imagen de archivo de una protesta por la situación de las personas sin hogar

1

“Pasei semanas sen durmir. Metía un garfo baixo a perna por se me daba o sono”. “Á miña amiga violárona na rúa dúas veces”. “El pechábame na casa con chave. Deixaba facturas sen pagar e nin aparecía”. “Eu era a súa escrava, mais non podía marchar, onde ía con dous fillos e sen cartos?”. “De día es capaz de facer cousas, pero ao chegar a noite perdes a esperanza”.

Todas as mulleres teñen nome e a maioría dispón xa dun lugar propio, íntimo e seguro, no que habitar, un dereito legal, físico e social. Prefiren amosar instantáneas anónimas da súa historia. Deixan rastros no camiño para outras sen expoñérense a máis violencia e ceden a voz para que se coñeza que o invisíbel existe, é real e estase a tolerar.

As frases que guían este texto son testemuños de mulleres que transitan nalgún momento a vida sen fogar. Moitas non dormen no espazo público mais experimentan unha exclusión residencial grave, incluso baixo un teito.

As tipoloxías ETHOS (European typology of homelessness and housing exclusion) describen catro formas de senfogarismo: sen teito, sen fogar, con vivenda insegura ou con vivenda inadecuada. Quen mora na rúa representa a punta do iceberg dun problema estrutural. Calcúlase que nese estado máis evidente á ollada da sociedade e das administracións, a poboación feminina supón xa case un de cada catro casos (o 23,3%, cifra 3,6% superior a hai unha década). Mais quen acaba nun aloxamento inseguro exposta ao abuso, na infravivenda, en camas prestadas ou vai de sofá en sofá, constitúe tamén unha persoa sen fogar con todas as crebas sociais, emocionais, sanitarias e administrativas que comporta. E aí hai máis mulleres ca homes, aínda que non computen de igual modo nos rexistros estatísticos.

Existe un vínculo estreito entre o senfogarismo feminino e a violencia machista. Como mínimo, seis de cada dez mulleres sen fogar considérana a causa directa da súa situación e polo menos sete de cada dez acaban atravesándoa. Non se trata só de violencia física. É violencia psicolóxica, sexual, económica. As variábeis de xénero dominan a ecuación da exclusión social severa. O concepto feminización da pobreza subliña que as circunstancias asociadas á precariedade afectan de xeito singular ás mulleres. Tamén a xentrificación dos barrios e o escaso freo á especulación inmobiliaria e á burbulla dos alugueiros.

Ás veces deriva de seren coidadoras, mulleres con fillos, expulsadas dun mercado laboral ineficaz e irreconciliábel coa crianza, obrigadas a soportaren malos tratos ou a recurrir a toda a súa rede de contactos para evitaren a rúa, co medo a perderen a custodia, sobrevivindo a explotación e a agresións. É violencia institucional a que o permite.

“Durmía na casa dun coñecido. Facíalle favores a cambio”. “Non me falo coa miña familia, ninguén me axudou, pensaban que eu era a culpábel de que o meu home me tratase tan mal”. “Empecei a beber, enfermei do ril e non podo traballar, non tiña diñeiro para outra cousa”. “Era moi nova, vinte anos, cando servizos sociais levou as nenas. Acabei de prostituta. Tiven outro fillo que agora está preso”. “Eu fun unha moza normal até que se me xuntaron os problemas”. “Atopei a miña filla morta na casa cando volvín de traballar. Non saín da cama en moito tempo. O pai desapareceu do mapa. Botáronme do piso porque non o podía pagar”. “Xunteime cun para non estar na rúa, pero se viña con outras, eu tiña que marchar”.

Vivir no espazo público representa o último chanzo de moitos desgarros anteriores que se amorean. Cando as mulleres se ven abocadas a esa intemperie a exposición vólvese brutal. O 60% sofren delictos de odio e, como mínimo, unha de cada catro ten que sobrepoñerse a violacións sexuais. É violencia machista, malia que non todas as veces apareza nas estatísticas, ao non acontecer sempre dentro do marco da parella heterosexual. Pero a realidade da rúa fai que en ocasións soportar a violencia dun só home semelle a única alternativa a sobrevivir á violencia de todos. “Así polo menos soamente tenta matarme un”.

Como todo feito sociolóxico, a falta dun fogar é multifactorial e encontra como solución inicial unha vivenda segura. Neste sentido, o housing first preséntase como unha metodoloxía de intervención social que racha co modelo de atención tradicional ao proporcionar un aloxamento autónomo e estábel. Aplícase en determinadas cidades do Estado español. Nalgunhas, Madrid ou Mallorca, xa de xeito estacionario, a pequena escala, como política propia con licitacións, e noutras, como A Coruña, a única en Galiza, por convenio. Cun investimento similar ao de albergues e centros de acollemento, a dor física, as agresións, a ansiedade e a depresión diminúen, mentres a permanenza nun lugar aumenta significativamente, cun nivel de estabilidade do 96% despois de dezaoito meses. Mais no caso das mulleres domina a variábel de xénero que condiciona a evolución vital e a propia saída do senfogarismo, con recursos pensados para homes que se moven sen familia, aínda que a teñan (a metade das persoas en situación de senfogarismo é pai ou nai).

Hai algo roto e reconstruído mil veces na ollada das mulleres que perderon o fogar, a pel curtida polas fracturas físicas e emocionais e a extrema incerteza sucada na expresión, como nos acontecería a todas. Non haberá un cambio profundo se seguimos a considerar o machismo e o seu devir violento un asunto unicamente performativo que pode transformarse con maneiras de masculinidade novas, cando se trata, sobre todo, dunha cuestión estructural de poder con múltiples tentáculos. Este feito cruza tamén o dereito a unha vivenda digna e segura para as mulleres e pode ser modificado.

“Vou facer 65 anos. Non vexo as miñas fillas desde que eran pequenas. Os meus amigos están mortos. Eu tamén debería estar morta, pero quixera que me desen unha última oportunidade”. “Entrei nun programa de acceso a vivenda e apoio e sinto que eu tamén teño unha vida”. “Gustaríame empezar de novo hai moito tempo. Con axuda creo que son quen de conseguilo”.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats