Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Brexit como fracaso
As análises posíbeis dos efeitos económicos e políticos do Brexit contan sempre coa perspectiva tácita do formulante da opinión, e semella ser única. É como se existise, sen nomeala, unanimidade de valoración do que é, do que representa, de como beneficiou as distintas economías, de como puido perxudicar outras tantas ou, finalmente, do degrau de cumprimento fáctico dos obxectivos formulados polos fundadores da Unión Europea. Mesmo existen -como en todas as relacións políticas- valoracións das institucións comunitarias e dos seus logros, aparentemente contraditorias por se referir a aspectos parciais, separábeis, analiticamente.
Comezando por un plano mundial, e deixando á parte as contradicións entre economías desenvolvidas, a creación comunitaria foi un logro certo de reforzamento da unión occidental dos países capitalistas que resultaron vencedores da Segunda Guerra Mundial. USA e mais os europeos precisaban un espazo económico o máis integrado posíbel para se enfrentaren á URSS. Neste campo político a loita económica era chave e o tamaño individual dos estados europeos non era funcional fronte ás necesidades de crecemento veloz. É ben significativo -como caso demostrativo- como cinco anos despois de concluídas as matanzas da guerra entre belgas, franceses e holandeses contra alemáns e italianos, xa están todos sentados para redixiren os estatutos e fundaren a CECA (Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro) en abril de 1951.
Foi a primeira parte dun proceso de unión alentada, promovida e sempre xustificada polas necesidades económicas de adecuar o tamaño institucional aos requerimentos do devir económico. O proceso pareceu culminar coa unión monetaria, o euro como moeda en 19 dos 28 estados membros (de seis iniciais a 28 semella todo un logro) e a presenza mundial, nalgúns foros, cunha soa voz. A Unión Europea chegou a ocupar, polo menos no plano político, un espazo mundial suma dos intereses económicos das potencias industriais que a compoñían e a moeda única tamén foi un contributo neto a eses logros. A posición dos británicos e dalgúns outros membros da antigua EFTA foi relativamente fría no seu entusiasmo comunitario mesmo desde o momento da súa incorporación. Existiron sempre dúbidas e posicións contrarias de certo relevo no interior deses estados ás avantaxes de formaren parte da Comunidade. En cambio, teñen sido totalmente favorábeis á integración os representantes de intereses económicos con proxección de mercado europea ou mundial.
Lembremos aquel episodio político protagonizado pola multinacional Lego (danesa) que ameazou con se deslocalizar de Dinamarca se o resultado do referendum de adhesión á Comunidade era negativo. Lego tiña nidiamente claro que os seus intereses de mercado e de crecemento asociábanse á membresía comunitaria e debían estar por riba das críticas políticas aos contidos e condicións da adhesión. O só feito de que se teña denominado “adhesión” indica os termos en que se produciron as entradas de membros estatais con posterioridade á súa fundación: é un clube con normas estatutarias consolidadas que non se poñen en discusión frente a cada novo candidato. Este aspecto tivo peso político real nas discusións da saída do Reino Unido: os restos simbólicos do vello imperio facían pensar que o espírito británico podería voar libre polo mundo adiante como en 1914.
A ausencia de cohesión política constituíu o cerne do Brexit, e tamén é o síntoma evidente do fracaso da Unión no terreo político. O interesante hoxe é tamén valorar se ese fracaso relativo é a súa vez indicativo de algo máis que un paso mal dado nun proceso histórico amplo. É dicer, vai a Unión Europea en compañía dos USA á cabeza do mundo ou é un síntoma da perda de posición de occidente fronte á Asia (China nomeadamente)? Non houbo ocasión mellor para se facer esta pergunta que a pandemia actual, sumada á valoración política do Acordo de Comercio e Cooperación (ACC entre UE a a Comunidade Europea da Enerxía Atómica e a Unión de Gran Bretaña e Irlanda do Norte), que ese é o nome oficial do acordo Brexit.
Desde marzo do ano pasado a Unión Europea deu conta flagrante das súas debilidades institucionais: de goberno común, de relacións exteriores, de capacidade de reacción e de dominio solapado -máis ou menos- dos estados fortes que sempre levaron a primacía das iniciativas, pero, neste caso, replegándonse sobre si mesmos. Si se acudíu pronto a eliminar os obstáculos económicos afogadores da capacidade de gasto público nun momento tráxico (eliminouse, chamándolle suspensión temporal, o PEC, pacto de estabilidade e crecemento) e creáronse os mecanismos adecuados para dotar fondos comunitarios paliativos aos desastres económicos que se aveciñaban, entre eles os Next Generation, de uso aínda futuro, mais dun contido esperanzador nunca visto: 140.000 millóns de euros para investimentos en España. Mais, pola contra, quedaron ao descuberto tal cantidade de deficiencias europeas, quedou en evidencia o monto de debilidades, sobre todo industriais, que deron conta de que a primacía do mundo, a súa capacidade de resposta nesta guerra era moi cativa. Os produtos industrias tan simples -é dicer, de composición en alta tecnoloxía cero- como son as máscaras procedían de China, ao igual que as luvas... e o resto de material simples de protección. Pero tamén outros moitos produtos industriais un pouco máis complexos e imprescindibeis en uso médico-farmaceútico. Se non eran de China, si procedían de calquer outra potencia emerxente ou consolidada de Asia: desde India, Singapur ou Corea. A Unión Europea deu a coñecerse como débil e dependente economicamente doutros espazos e doutros reximes políticos que tiñan tomado a dianteira nunha carreira económica mundial antes silente.
A pandemia colocou nun segundo plano da axenda informativa dominante o Brexit. E o contido do ACC retrotráenos a 1994: os acordos comerciais mundiais do GATT consolidaban relacións comerciais fluídas e libres de novos aranceis: este logro é o citado como base de acordo comercial básico entre UE e Reino Unido. Certamente, o comercio mundial tense desenvolvido amplamente noutros tipo de mercadorías distintas das físicas e así se contempla, pero buscando como marco á OMC (Organización Mundial de Comercio) como se de estados terceiros se tratar, é dicer, se nengún tipo de relación anterior. Se a Unión Europea foi a procura dunha unión para crecer economicamente e solidificar unha unión política, o feito de que un membro abandone é un síntoma do fracaso do proxecto, pero pode ser tamén lido como un outro síntoma da caída de peso de Europa no concerto mundial.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0