Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
A esteticién e a ministra
De miña nai herdei certa obsesión pola pulcritude. Ela estudou nun colexio de monxas e, xa dende pequeno, aquel manual de bos modos acompañou unha crianza polo demais pouco ortodoxa: tiña 19 anos cando nacín, non demasiadas amigas e os 90 foron un verxel de sitcoms que compartiamos no noso primeiro piso de aluguer e onde eu me fun educando sentimentalmente. Co tempo, a iso sumóuselle unha máxima superior a todas as demais: a de que o aseo e a limpeza eran a proba irrefutable da dignidade. Máis alá dos cartos, do traballo ou o estatuto social, estaba certa compostura, un modo de vida “limpo, decente”. Lembro un ano especialmente duro economicamente para meus pais —debeu ser 2004 ou 2005— no que debaixo da árbore, a mañá de Nadal, nos agardaban a miña irmá e a min cadanseu libro e cepillo de dentes. Velaí as nosas armas contra o mundo.
A semana pasada, algúns representantes da dereita deste país e unha caterva de tuiteiros compartían, indignados e sendo menos enxeñosos do que se sentían nese momento, unha fotografía na que se podía ver á ministra de Traballo e vicepresidenta terceira do Goberno, Yolanda Díaz, facendo a pedicura mentres lía un libro. O chío orixinal de Juan Carlos Girauta rezaba irónico: “Titula a foto”. Axiña comezaron a chegar tamén as mensaxes nas que se naturalizaba o xesto de Díaz, defendendo o seu dereito a facer o que lle pete no tempo libre, a coidarse como considere e a inverter os seus cartos como mellor lle pareza. O problema é que, cando a dereita máis burra se ri de que a ministra comunista faga a pedicura, cando mesmo Macarena Olona sente que iso é algo que podería compartir con ela, eu o único que son quen de ver, non é como a acusan de desclasada, senón como denigran o oficio da muller que, anicada de costas á cámara, leva a cabo o seu traballo.
Pregúntome como mirará Girauta á muller que limpa a súa casa. Se o fará con condescendencia ou desenvolvería cara a ela un cariño vergoñento, un enorme malentendido no que esa señora é “unha máis da familia”. Ou quizais, pola contra, nin sequera a mire. É habitual que se valore moi positivamente a invisibilidade neste tipo de traballos. A capacidade para desaparecer de todas esas mulleres ás que en realidade non respectamos. O traballo duro non é algo que reconforte a ninguén. Os patos sucan o lago elegantemente mentres, baixo a auga, as súas patas fan un esforzo torpe contra a corrente. Porque o que insinúa o tuit de Girauta, o seu ton acusatorio, é que o traballo que realiza a esteticién é indigno, que Yolanda Díaz deixa que a “sirvan”.
Na muller da foto, eu puiden a ver a miña nai limpando casas durante unha década e, antes diso, bares e cuartos de hotel. Puiden ver a miña vergoña, tantas veces, e o meu orgullo esforzado á hora de contar a que se dedicaba miña nai diante das miñas amigas no instituto. No xesto da dereita hai noxo. Noxo por unha clase que nin sequera recoñecen que exista se non é cun cariño propio do costumismo. Noxo por quen limpa váteres, ou cus, ou cambia cueiros para adultos. Noxo por quen recolle o lixo, maquilla mortos ou quen ás catro e media da tarde deixa impolutos os pés da ministra de Traballo e unha hora máis tarde os doutra veciña calquera.
Hai pouco, miña irmá decidiu que estudará estética. Quizais algún día, quen sabe, lle acabe facendo as unllas a Yolanda Díaz. Se tal cousa sucede, eu agardo que, se non está cansa ou ten unha mala mañá, Yolanda Díaz sexa amable. Imaxino que acudirá puntual á cita. Que lle dará unha pouca cháchara a miña irmá, ou ningunha. Que sacará o seu libro e, no medio e medio dalgún parágrafo, pensará que miña irmá fai ben o seu traballo. Que pagará, que sorrirá ao saír mentres dá as grazas. Que non se sentirá mellor ou máis importante ca ningunha das mulleres desa sala. Imaxino que, se tal cousa chega a suceder, miña irmá hánolo contar divertida á miña nai e mais a min. Mamá pedirá entón que lle amosemos unha foto da tal ministra en Google. “Parece limpa, decente”, xulgará. E digo eu, Girauta, vostede nunca viu na foto as mulleres coma miña nai, pero quen é ninguén para quitarlles a razón?
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0