Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Galicia non é rural nin pobre

Vista de la AP9 a su paso por el puente de Rande

0

Nas pasadas semanas, á hora de presentar Unha nova Olanda, (Galaxia, 2021), un libro no que intento pasar páxina, ou pantalla, dunha certa imaxe de Galicia que aínda opera no subconsciente colectivo, e vindicar, ao mesmo tempo, os ricos matices das diversas historias das súas cidades -un aspecto que case sempre queda oculto-, moitos amigos me preguntaban, pero que é iso de que Galicia non é rural?, mostrando a súa estrañeza.  

Pero o unico raro, en realidade, é a pregunta. Que, aínda agora, o peso do imaxinario pioda ter tanta forza como para que esa pregunta sexa posible.  

Responder a esa pregunta é interesante, aínda que a un o acusen de freudismo de andar por casa.  

Tal e como o vexo, afirmar que Galicia non é un país rural ten o mesmo valor que afirmar que chove se é o caso que chove: simplemente é rexistrar unha evidencia.  

Os datos non só confirman a afirmación, senón que o fan de xeito esmagador. A poboación ocupada no sector primario ronda o 5% e a aportación dese sector ao PIB galego está cerca desa cifra (é do 4,7%). O sector servizos, como na maioría dos países desenvolvidos, é o que ocupa a máis xente, por riba do 70%.  

Por outra parte, os datos confirman tamén que máis de dous de cada tres habitantes do país -en realidade, case tres de cada catro- vive en cidades ou en áreas urbanas. O mapa demográfico confirma que a poboación está concentrada nas sete cidades e as súas áreas urbanas. No eixo que vai de Ferrol a Vigo. As provincias do interior están baleiras, o mesmo que lle pasa ao interior portugués, que sigue un padrón similar.  

Así que as cifras son contundentes como tamén o é, no mesmo sentido, a experiencia diaria de (case) todos nós. Hai que estar cego, xordo e mudo para non percibilo. Non só polo peso dos centros das cidades, tamén pola forte personalidade dos barrios populares de mestos edificios. Para dar dous exemplos, Coia, en Vigo, ten sobre 40.000 habitantes e Os Mallos, na Coruña, pasa dos 30.000. 

Se consideraramos Vigo-Pontevedra como unha única área urbana, como o fan algúns estudos, a resultante tería non moitos menos habitantes que as provincias de Lugo e Ourense xuntas (590.000 por 633.000 habitantes). En 793 quilómetros cadrados habería tanta xente coma en 17.129. E iso, incluíndo as cidades e vilas das dúas provincias! De feito, a metade da poboación da provincia de Ourense vive na área urbana da capital.

Nestes días podemos gozar da animación humana, a calor das luces de Nadal, e as rúas inzadas de tendas, pero tamén hai centos de miles de ollos postos sobre móbiles e tablets, vivindo entre Whatsapp, Tik Tok e YouTube. Por suposto, a xente segue tomando algo nos bares, aínda no medio da pandemia, e os rapaces saíndo, pero tal vez xa non de marcha, cada fin de semana con burocrática puntualidade. E, naturalmente, as GAFAM -Google, Amazon, Facebook, etc.- son o noso entorno, virtual ou real, cal é a diferenza?

“A sociedade enteira converteuse en urbana” escribiu hai moito tempo Henri Lefebvre. Do punto de vista sociolóxico e antropolóxico, a poboación rural posúe pautas de comportamento, actitudes e sistemas de valores semellantes aos dos cidadáns. Un propietario dunha explotación leiteira da Terra Chá é tan probable que estea abonado a Netflix como un residente nun barrio da Coruña ou Vigo. O criterio de demarcación é económico, non espacial. 

De feito, máis ben polo que teriamos que preocuparnos é pola posibilidade, moi real, de que as cidades se degraden e de que a sociabilidade, a forma lúdica da socialización, segundo o expresou Simmel, entre en crise baixo o ataque combinado das redes sociais, o comercio electrónico e as grandes superficies comerciais. Esa guerra contra a cidade pode deixar as nosas rúas exánimes e sen vida.  

Si, debería ser unha enorme preocupación, a de que desaparezan bares e tendas e con elas a vida de rúa e a confianza e seguridade que ofrece o espazo público compartido, especialmente para mulleres e nenos. Peor aínda cando esas grandes plataformas electrónicas apenas si pagan impostos, e contribúen, tamén por ese lado, ao desartellamento e privatización do social. Por outra banda, o urbanismo de bloques separados dificulta tamén a sociabilidade ao escindir o espazo. Pero moitos barrios seguen contruíndose así, coma se iso fora racional ou “moderno”. 

Que Galicia é rural e que é pobre son dous substratos que explican unha parte dos consensos sociais de fondo. Hai certa transversalidade política nesa visión. As dúas cousas son, por suposto, falsas. Tamén o da pobreza. En Galicia hai pobreza, dende logo: un de cada catro habitantes está en risco de pobreza e un de cada dez en risco de pobreza extrema. A nosa é unha sociedade cada vez máis desigual, conforme ao padrón do capitalismo contemporáneo. A desigualdade é o cancro que está corroendo as nosas sociedades, retrotraéndonos aos niveis de hai un século, como o demostra Thomas Pyketti. O 10% da poboación mundial acapara o 76% da riqueza.

Estamos indo coma os cangrexos, para atrás e cada vez máis lonxe dos estándares dunha sociedade decente. Un novo New Deal -unha era de optimismo e progreso- urxe. No entanto, Galicia non é pobre. Nos Estados Unidos, ou en España, hai pobreza, pero nin os Estados Unidos nin España son países pobres. Galicia tampouco o é. Trátase do capitalismo e das súas modalidades non dos trazos antropolóxicos dunha sociedade atrasada.  

Pero as mentes van ás veces cun par de décadas de atraso respecto do que teñen diante. Nótase o peso conxunto das ideas recibidas e do que foi a experiencia, vivida como un estigma, das cohortes de xeracións máis vellas. 

Na memoria de moita xente está vivo, como unha mancha de culpa ou vergoña, o feito de que en moitas casas non había, nos anos corenta ou cincuenta váter dentro, ducha ou auga corrente. Pero iso non era unha excepción tan estraña no mundo. Nos anos corenta, infórmanos James D. Lutz falando dos Estados Unidos, “cerca da metade das casas carecían de auga quente, bañeira, ducha, ou inodoro. Sobre a terceira parte das casas non tiñan váter. Tan tarde como en 1960, sobre o 25% das casas en 16 estados non tiñan completadas as instalacións de fontanaría”.

Por certo que, en tempos do New Deal máis da metade da poboación dos Estados Unidos era agraria. En París en 1954 a metade das casas non tiña váter dentro e nas zonas rurais de Francia só o 11% o tiña. En 1950 máis da metade dos fogares en Gran Bretaña non tiñan cuarto de baño na casa. A grande revolución da hixiene tivo lugar nos dous países nos vinte anos seguintes.

Para cando Franco morreu e a democracia retornou o discurso público estaba seguro de que Galicia era pobre e atrasada. O consenso sobre ese punto era absoluto. Era un consenso sobre o Real, o Simbólico e o Imaxinario, Deus ou Lacan mediante (isto é unha broma: fago a declaración para precaverme dos carentes de humor). No entanto, historiadores e economistas están comezando a poñer en dúbida o que chaman “mito do atraso” e a introducir novos matices poñendo en perspectiva comparada a situación económica e social de Galicia.

Galicia, como boa parte de España, ía, claro, desacompasada, dado que o cambio social aquí comezou só a partir dos sesenta. Dende logo, no caso de Galicia, a Guerra Civil supuxera unha inflexión no proceso de desagrarización e unha involución no proceso de modernización do sector agrario que estaba en curso nas primeiras décadas do século XX, como o ten demostrado Lourenzo Fernández Prieto.

Fose como fose, e cos matices que haxa que ponderar, non cabe dúbida que dende aquela o rostro do país cambiou radicalmente. Cambiou a estructura económica e, con ela, a social. Cambiaron a política e a cultura, e o status do idioma galego, cun uso que de todos modos segue á baixa.  

Pero as pulsións que nos rexen tal vez cambiaron menos.

As pulsións vellas e as novas están mesturadas co raro caos co que as sociedades organizan a súa orde e a súa desorde. Talvez a mirada aínda depende de vellos esquemas que se ensarillan con emocións e desexos novos, propios dunha sociedade de consumo. E si: tal vez Galicia é agora menos singular.

Un ten que ver Galicia non cos anteollos de hai corenta anos, nin tan sequera cos da Galicia que temos ante nós. Temos que ensaiar a mirada para saber ver a Galicia que vai ser nunha era de transformacións planetarias drásticas.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats