Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Galicia-Norte de Portugal, policentrismo español e federalismo ibérico

El puente internacional que une Tui (Galicia) con Valença do Minho (Portugal)

0

Rui Moreira, alcalde de Porto, propoñía en febreiro, no Cities Forum 2020, unha Iberolux, unha unión entre España e Portugal a semellanza da que existe entre Bélxica, os Países Baixos e Luxemburgo, e enfatizaba que a fronteira entre Galicia e Portugal xa non existe.

Pola súa vez, o presidente da República Portuguesa, Antonio Costa, respondía así nunha entrevista con Enric Juliana e Anxo Luxilde na Vanguardia o 28 de xuño deste ano: “Debemos reflexionar sobre as conexións ferroviarias con España, sen obsesionarnos coa conexión entre Lisboa e Madrid. Hai que pensar na conectividade das cidades portuguesas cunha rede ibérica de alta velocidade. Non só é a relación de Lisboa con Madrid, temos que pensar na conexión de Porto con Galicia, a conexión con Sevilla, con Barcelona... Debemos ter unha visión global da península Ibérica, non reducida á relación entre as dúas capitales”.

Máis cerca de nós, Pedro Nuno Santos, o ministro de Infraestructuras portugués, declaraba o 1 de novembro, despois de presentar co primeiro ministro o plan de investimentos portugués que aproveita os fondos comunitarios do cadro financeiro 2021-2027, que a alta velocidade ferroviaria Lisboa-Porto-Vigo é “unha prioridade absoluta” porque en 55 minutos se unirá Porto con Vigo e, en pouco máis de dúas horas, chegarase de Vigo a Lisboa.

Para subliñar esta posición a ministra de Cohesión Territorial, Ana Abrunhosa, afirmou pouco despois que a conexión atlántica Lisboa-Porto-Vigo é a prioridade portuguesa para a rede ibérica de alta velocidade e avisou a España que o Goberno portugués non acepta unha “solución imposta”.

Así, a posición portuguesa é neta: propulsar a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, un mercado de sete millóns de habitantes, está entre as súas prioridades. É un punto de vista con simpatías na Unión Europea. Pola súa vez, reputados analistas como Richard Florida e o seu City-Lab destacan o papel que podería ter o Eixo Atlántico nos intercambios globais. Segundo o seu criterio é unha das mega-rexións que poden implementar a economía global.

A parte española, polo contrario, pareceu non sentirse moi concernida por esta visión centrada nas urbes galegas da franxa do norte atlántico e na área do Porto. Tanto é así que o chamado Corredor Atlántico tiña o seu epicentro en Madrid -en España todo ten que pasar por Madrid- con ramas para Alxeciras e Lisboa, e para Porto a través de Valladolid, excluíndo a Galicia e o noroeste español.

En 2014 o Círculo de Empresarios vigués sentiuse na obriga de reprochar a Ana Pastor, entón ministra de Fomento, a exclusión de Galicia do Corredor Atlántico. Pola súa banda, as declaracións de Feijóo tenderon a ser escénicas, esquinadas e laterais. A medida en que as autoridades galegas toman o Corredor Atlántico en serio como parte fundamental de calquera estratexia de futuro en Galicia é mensurable.

Só no 2018 comezaron a mudar as cousas para incluír a Galicia nese corredor ferroviario. Unha mirada ao mapa de Fomento así o confirma. Pero non hai nin que dicir que todo pode quedar nun powerpoint se non hai presión para que esas infraestructuras se fagan realidade, como moi ben sinalaba hai uns meses Xoán Vázquez Mao, secretario do Eixo Atlántico. Cun goberno de Pedro Sánchez, en 2019, os presidentes de Asturias, Castela-León e Galicia, demandaban investimentos para o corredor do noroeste e a saída sur de Vigo. Hai dous días, despois de que neste diario se publicara unha análise da cuestión, a Xunta, o Eixo Atlántico e o Consello Económico e Social (CES) decidiron crear unha comisión executiva para impulsar a demanda de investimentos para o Corredor Atlántico do Noroeste. Benvida sexa. Esperemos que sexa efectiva.

A concepción radial de España fixo que tanto en Cataluña como en Valencia xurdiran iniciativas da sociedade e do empresariado desas áreas, para implementar o eixo mediterráneo. Fronte ao ruído e o ardor guerreiro do Madrid das elites, o presidente valenciano, Ximo Puig, está intentando artellar unha concepción máis pactista e centrada que atenda, como dato económico e social de fondo, ao tradicional policentrismo español no que Madrid non era París, porque tamén estaban aí Barcelona, Valencia, Bilbao, Sevilla e as cidades galegas, sobre todo A Coruña e Vigo. É unha posición interesante.

A Galicia interésalle desenvolver unha economía de aglomeración co Norte de Portugal que promova o desenvolvemento dos uns e dos outros. Así como a UE foi a consecuencia natural da CECA, o mercado europeo do carbón e o aceiro, o federalismo ibérico sería o correlato natural desa comunidade de intereses.

Na realidade interna española hai unha relación directa, especialmente despois de Aznar, entre a política centralista e a promoción do Turbo-Madrid, unha rexión económica con tentáculos por toda a península. Ao contrario, existe unha conexión entre promover a España en rede, manter e impulsar o desenvolvemento económico e social dos diferentes territorios e estimular o federalismo. A dialéctica real que nestes momentos se produce é a que existe entre os que queren facer do Gran Madrid unha enorme concentración de poder e actividade económica para impulsar unha concepción unitaria de España e aqueles que intentan articular España en base a súa diversidade e pluralidade e, en definitiva, distribuír dun modo máis horizontal o poder político e económico.

Agora ben, sucede que esa dialéctica reviste unha nova forma a través das novas rexións económicas que se están configurando como producto da globalización e da integración na UE, o que, como suxire Enric Juliana, tal vez desdebuxe e mesmo obrigue a reformular o mapa das actuais comunidades autónomas. Os 140.000 millóns de euros que España recibirá do fondo de recuperación da UE, na medida en que van destinados a promover un cambio de modelo productivo, favorecerán esa reformulación do mapa. O modo en que se administren eses fondos e o destino que se lles dea determinarán a eficiencia e a produtividade futura de Galicia ou, ao contrario, que quede á marxe dos procesos de modernización.

Nada sería peor ca que eses fondos serviran para favorecer intereses privados máis ben que para definir o oco e as oportunidades da economía e da sociedade galegas no noso século. A Xunta identificou 108 proxectos para acceder a ese fondo: poñer o foco sobre eses proxectos, avalialos e, se fóra o caso, poñer sobre a mesa outras alternativas é non só tarefa de BNG e PSdG, senón, máis aló, de economistas, empresarios e do conxunto da sociedade civil.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats