Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Puigdemont estira la cuerda pero no rompe con Sánchez
El impacto del cambio de régimen en Siria respaldado por EEUU, Israel y Turquía
OPINIÓN | 'Pesimismo y capitalismo', por Enric González
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Imos morrer todos?

Playa de Samil, en Vigo.

1

Foi hai dous días, na praia. Un neno, que acababa de saír da auga abrazado a un balón inchable laranxa tan grande coma el, berrou: “Imos morrer todos!”. Díxoo case con alegría. Non sei a que xogaba. Tampouco se alguén levantou a vista ou se incorporou na súa toalla buscando un maremoto, unha quenlla, algo. Eu, pola miña banda, pensei: “Imos morrer todos? Si, pero hoxe non, aínda non”. Supoño que a nai do neno nin sequera se inmutou. Para que mentir, eu tampouco me inmutei. Non pensei en nada. No momento, aquel berro, ese neno, este balón inchable laranxa e xigante non significaban nada. Coma case todos os días. Agora, en cambio, quero escribir sobre por que todos falan que o mundo se acaba e a escena pareceume unha boa metáfora.

No prazo dun ano, pasei de preocuparme pola xentrificación, a escaseza de pisos de aluguer e a subida no prezo da luz, a alarmarme polas vagas de calor, a contaminación e a pobreza enerxética. En momentos puntuais, fixen bromas cos meus amigos que incluían a Putin cabalgando sobre un oso pardo e o grande apagón europeo vaticinado por Austria e, noutros, lin con curiosidade sobre kits de supervivencia e familias enteiras nos Estados Unidos que se adestran para cando chegue o momento de fuxir. De que ou a onde se foxe xa é outra historia. Creo que foi aí, lendo sobre os chamados survivalistas, cando empecei a pensar nos meus pais e todo este drama adquiriu outra perspectiva. Se un científico afincado en Chicago, a súa muller e os seus tres fillos me contan en YouTube que gardan unha caixa no garaxe co lanternas, mistos, unha radio a pilas e comida enlatada para un par de semanas, comezo a convencerme de que quizais teñan razón, xulgo o seu método sensato. Se penso en miña nai facendo calquera desas cousas, chamaría por teléfono a miña irmá e preguntaría se toleou. Porén, todos vivimos no mesmo planeta. Os datos son os mesmos, a ciencia non mente. Entón está enganado o meu sentido común? Por que un tal Jack si e miña nai non? O ecoloxismo, non nos enganemos, é tamén unha cuestión de clase.

Lendo artigos de opinión sobre os incendios forestais destas semanas e o aumento das temperaturas, pregúntome: de que serve dicir que o cambio climático mata se non vemos ás vítimas coma unha causa directa? Como imos poder imaxinar o que é un refuxiado climático cando aos nosos estados lles custa aínda asumir que haxa que acoller refuxiados de guerra? Todas esas alarmas, ese catastrofismo debidamente fundamentado, semellan sempre afastados ou difíciles de comprender. Activan en nós un medo, unha iniciativa, que duran menos que a auga fría fóra da neveira. Quizais por iso celebrei as medidas que o goberno de Sánchez vén de anunciar en materia de aforro enerxético. Non me parecen moderadas, senón xustas. Que baixen o aire acondicionado ou a calefacción nos autobuses ou nos supermercados é algo sobre o que a maioría da xente pode reflexionar, unha conversa de sobremesa, un bo punto de partida. Falar do cambio climático non é distinto de falar sobre a morte: require certa familiaridade e ir sen garabata.

Volvo ao neno na praia. Ao rapaz que come un bocadillo de Nutella en Portosín, diante do monte Louro, fáltalle máis dun dente. Terá uns seis anos. De seguro sabe quen é Greta Thunberg, como reciclar correctamente e por que non se debe tirar lixo ao mar. Aprendeuno na escola. Nos últimos anos, tense dito que os nenos son o motor do cambio en materia de ecoloxismo. Eu sinto moitas veces que o seu activismo nace dunha angustia cotiá. De momentos puntuais de ansiedade que se intercalan con días de calma e horas de optimismo. Igual ca este artigo, supoño. Igual que a trintena de toda a miña xeración e a da que virá despois. Por iso non me vou poñer a berrar aquí que imos morrer todos. Porque total imos morrer todos e iso xa se sabe. O problema fundamental, créanme, segue sendo aprender a vivir.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats