Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
O medo a Feijóo
Alarma na esquerda estatal: as enquisas predín a vitoria electoral de Feijóo. Leo aquí e alá análises sobre a súa figura, artigos sinalando a preocupación do Executivo, ataques cruzados, recomendacións a seguir, técnicas de emerxencia. Inmediatamente na miña cabeza soa o tema principal da BSO dos Cazapantasmas, debe ser estrés postraumático. Que difícil combater un ser de ficción, alguén que non existe.
Durante 13 anos e 26 días, Feijóo foi o presidente de Galicia, o meu presidente. Todo o que dura unha adolescencia, os anos da carreira, dous mestrados, dous postos de traballo, unha oposición. Supoño que haberá incluso, ao longo de tantos anos, quen tería fillos, mercaría unha casa, enterraría un can, varios hámsteres... É comprensible entón que aínda agora haxa xente que se equivoque ao falar nos bares, na cociña da casa fronte á televisión, nun grupo de WhatsApp e diga: “iso é culpa de Feijóo” ou “a ver que fai Feijóo”. O seu espírito está aínda entre nós. Cando acontecen eses lapsus lingüísticos, eu penso en miña avoa, que lle chama Castromil ao autobús de liña, sexa cal sexa a compañía de autobuses, aínda que Castromil desaparecese hai décadas. O mesmo sucede con miña nai. Tamén, cando vivía no sur, en Cangas, aprendín que o xornal, calquera xornal en papel, é o Faro e que todas as salsas de tomate, independentemente do seu sabor, se chaman Solís.
Feijóo non é consistente, nin inconsistente. Feijóo simplemente non existe e por iso sobrevive e acaba por adaptarse tan ben. Por iso minte con facilidade e adopta este ou aquel discurso, máis ou menos moderado. Por iso sobreviviu en Galicia ano tras ano ás vagas de incendios, aos recortes en sanidade, ao etnocidio cultural e lingüístico, ao accidente do Alvia... Esa é a conclusión á que cheguei como parte da xeración que se criou baixo o seu mandato. Feijóo é unha careta, un produto inventado. Se mañá nos dixesen que Alfonso Rueda pasa a se chamar Feijóo, a sorpresa duraría escasos minutos e acomodariámonos ao novo rostro da marca sen opor moita resistencia. É máis, un dos principais problemas de que Feijóo siga chamándose Feijóo e de que marchase facer as Españas, é que agora, en Galicia, gobérnanos un señor ao que os medios de comunicación lle pixelan a cara.
O actual líder da oposición pasou de ser marca Gadis a Hacendado. Nas eleccións autonómicas de 2020 o seu slogan rezaba: Galicia, Galicia, Galicia. Daquela foran moitas as críticas polo baleiro de discurso que presidía a campaña. Despois, houbo quen se decatou rapidamente de que era un exercicio de homonimia: Galicia = Feijóo. Eu, persoalmente, só era quen de imaxinar a un actor, antes de saír a escena, repetíndose diante do espello: Galicia, Galicia, Galicia. Ou: Feijóo, Feijóo, Feijóo. Aproveito tamén para lembrar que, naquela mesma campaña, as siglas do Partido Popular case estaban agochadas con vergonza nos carteis. Rematará por acontecerlle o mesmo na súa próxima tournée española?
Comprendo o medo da esquerda neste país. Entendo o difícil que é rematar cunha pantasma. O consello de ministras desmínteo día si e día tamén: nas súas críticas ao plan enerxético, á inflación... Se mirasen aos seus 13 anos en Galicia, penso eu, verían claro que ese non é o camiño. A Feijóo, á criatura Feijóo, non lle importa a verdade. Hai que ir máis alá. De neno, a miña parte favorita nos debuxos de Scooby-Doo era o momento no que ao falso monstro lle arrincaban a máscara. Había niso unha mestura de vertixe e intriga e, case inmdiatamente, certa decepción: “Vaia ho! Así que era el todo este tempo!”. Quen sabe, ao mellor, se lle quitásemos a careta a Feijóo, só atopariamos a un rapaz aspirante a actor dos Peares que namorou dun narco.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
2