Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Necesitamos unha catástrofe?

La residencia de mayores de Celanova (Ourense), con 24 positivos por COVID-19

Rexina Vega

1

Nas linguas zulú e xhosa existe un proverbio que expón unha regra ética clara e  incontestable: “ubuntu”. A expresión, que nós coñecemos polo software libre, vén significar algo así como “eu son porque ti es”.  Agora, na pandemia, afirmacións coma estas parecen ir deixando de ter ese aspecto mexeriqueiro de retórica mindfulness e comezan a situarse no centro mesmo do noso relato. Hai pouco Zizeck, comparando ao coronavirus co Kill Bill, atreveuse a enunciar a necesidade dese golpe no corazón do sistema capitalista para sermos quen de repensar as características básicas da sociedade na que vivivos.

A necesidade de poñer a vida no centro e os coidados á luz, leva sendo unha das reivindicacións urxentes do feminismo, especialmente visible a partir do acontecido nas prazas do 15M e a cultura política que veu detrás. Con todo, tendimos a recibir estas chamadas a outro mundo posible como quen oe chover, sempre baixo a sospeita de utopía benintencionada. Soflamas antisistema de asemblea libertaria, de casa okupa, de anarcoides e “perroflautas”...

Pero de súpeto vén isto e desde o búnker hiperconectado das nosas casas vemos vellos que choran angustiados por tras das fiestras das súas residencias, convertidas en lazaretos, vemos piras de cadaleitos amoreados nos vehículos militares, imaxinamos a macabra escena dos corpos conxelados na morgue dun inmenso Palacio de Xeo…  e estóupannos na cara todas as contradiccións que temos como sociedade avanzada.

Porque nos decatamos de que, por máis que nos enchamos a boca de conceptos como “envellecemento activo” e inzemos o país de viaxes e obradoiros, segue habendo un punto cego, un lugar verdadeiramente sombrizo. Non sabemos que facer coa velleza extrema. Hai aí un punto de inflexión, unha fronteira na que xa non é posible comungar con esta fantasía da insenescencia que fabricamos entre todos. Esta crise, que ten como vítimas case exclusivamente os nosos maiores, revela a magnitude dun problema que levamos tempo preferindo non ver por máis que nos vaia enfermando a todos.

Nunca na historia da humanidade houbo tanta vellez sobre a terra, pero, nesta sociedade do benestar, o final da vida estase convertindo nun pesadelo. Mentres corremos cara algures xustificando a falta de tempo para visitas e para abrazos, maiores radicalmente sós adoitan morrer nas súas casas diante dun bucle interminable de Sálvames e Luares; maiores enfermos, coa mente arrasada, viven no limbo do deslugar de residencias xeriátricas cheas de neglixencias e faltas de coidados. Nesta pandemia eles, os eliminables, están, efectivamente, sendo eliminados. Unha catástrofe destas dimensións, que sega de modo abrupto toda unha xeración, devólvenos unha imaxe moi sinistra do que somos. E é que a velleza extrema nos pide que esteamos, pide o noso afecto, o noso tempo, pide que haxa clan, calor e corpo.

Estamos deixando ir aos nosos vellos de xeito moi indigno, como se non entendésemos a radical solidariedade entre as xeracións, como se non fósemos quen de imaxinarnos en breve a nós mesmos confinados nesas tristísimas estacións terminus nas que se agoniza estabulado. Eles, os maiores, os eliminables, están facendo que o noso sistema colapse por inhumano. E penso na vella muller rural de Mal Mor, ou na Benedicta de O que arde figuras que se aproximan ao apoxeo do final cos pés chantados na terra, nun mundo que non se esgota. Porque semella que o final da vida, que tanto se parece ao comezo, non pode vivirse coas mesmas leis do turbo capitalismo co que mal que ben pactamos na mocidade e adultez. A mesma idea de propiedade privada vai deixando de ter sentido nesa estación final na que hai só corpo e só presente.

Se desta non saímos convertidos nun escenario de Blade Runner, cos servizos desmantelados e a esfera do privado refén do Big data, deberíamos enfrontar os nosos medos e ser quen de ofrecer outro final para as nosas vidas. Desmontar o negocio da vellez, eliminar a usura que permite que a xestión privada posúa o 77% das residencias do noso país sen, como acabamos de ver, ofrecer medidas dignas de protección é urxente. Nacionalizar o final da vida, vivila comunitariamente é unha prioridade. Clan, calor e corpo. Ubuntu.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats