Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

O outro 'procés'

Archivo - Una multitud de personas se concentra y ondea esteladas en la manifestación de los CDR en 2019.

2

Supoño que do que se trata, ou debera tratarse, é da reintegración constitucional de Cataluña. Hai que inferir que a estas alturas os indultos son a parte visible dun esquema que procura unha saída ao laberinto catalán que é, tamén, e talvez sobre todo, un labirinto español.

A historia, tal e como é xeralmente contada, narra que a partir dun certo momento, e por causas inexplicables, os cataláns sufriron un ataque repentino de loucura e decidiron saír á rúa para pedir a independencia. Os que intentan explicarse o curioso fenómeno -e singular e tamaño disparate- aducen que os ricos cataláns quixeron separarse dos pobres (aquí se menciona á Lega italiana). Ou ben adúcese que CiU, o órgano da plutocracia catalana, quixo disimular o seu pasado de corrupción -o famoso 3%- sumándose á onda populista que entoaba “Espanya ens roba” só para disimular que eles eran os que roubaban.

Ou ben que a crise de 2008 deu lugar en todo o mundo a unha inflamada onda populista como forma máxica de enfrontar a crise e que os cataláns foron os antecesores de Trump. Como se cren superiores decidiron deixar sós aos que viven para abaixo da Marca Carolinxia. Digamos que os europeos do norte querían desprenderse da rémora dos africanos ineficientes.

Supoñamos que todas esas críticas e aversións teñan fundamento. Que captan algún aspecto da cuestión. Demos todo por bo. E concedamos que o que se atopa, na outra beira, é unha congregación de querubíns.

Pero como explicar que houbo un Estatut aprobado en 2006? E que ese Estatut estivo en vigor durante catro anos, ata que o TC, o día 28 de xuño de 2010, o deixou irrecoñecible? E que durante catro anos o ceo non se derrubou, nin se deron pragas de langostas, non houbo fames nin secas causadas polo Estatut -nin, se a iso imos, pola oposición a el-?

Ese Estatut fora aprobado polo Parlament de Cataluña, polo Parlamento español e sometido finalmente a referendo, aprobado polo pobo de Cataluña. Cataluña atívose escrupulosamente a todos os pasos que a Constitución reclama. Pero o TC rompeu o pacto. Moitos cataláns fixéronse a si mesmos esta pregunta: o aprobado pola soberanía popular nos dous parlamentos, o catalán e o español, o sometido a confirmación popular non serve para nada?

Xuristas ten a igrexa, pero alguns entre eles -Pérez Royo- falan de “golpe de estado constitucional” por parte dos maxistrados do TC. A sentencia ven a afirmar que calquera cousa que aprobe unha comunidade autónoma pode ser esborrallada polo Estado se este así o quere: deixa a autonomía nunha concesión graciosa. Aparte, claro, da verdade dogmática “non hai máis nación que a española”, Pentateuco de por medio. En fin.

Despois veu o que veu. Para dicilo en latín, “post hoc, propter hoc”. Despois disto, por tanto, a causa disto. Non hai unha causalidade estricta no argumento senón mera sucesión, xa o dixo Hume, pero algo quererá dicir que a independencia como obxectivo fose posta sobre a mesa despois do camiño sen saída da sentencia. O propio Tribunal Supremo conclúe que o motivo real da consulta calificada como sedición era “presionar ao Goberno da Nación para a negociación dunha consulta popular”. Máis claro, auga.

Así que talvez hai que buscar a raíz do problema na vontade de recentralización que hai moito tempo se detecta entre as institucións, os medios e os intelectuais -sobre todo, os conservadores, pero non só- que conforman o núcleo do estado español.

Fálase do procés catalán, pero talvez con máis razón podería falarse do “proceso español”. Proceso que lle antecede, lóxica e factualmente. Na segunda lexislatura de Aznar foi cando comezou.

Aznar colocou aos seus amigos nas empresas que despois privatizou. Pero non só nelas: a través de Telefónica, Repsol, Argentaria, pero tamén do BBVA ou CajaMadrid, entre outras, creou un entramado de poder que nas circunstancias do capitalismo global, financiarizado, constituíron un núcleo de poder concentrado na capital. Dende esa concentración de poder Aznar quixo variar o rumbo de España. Iniciou unha deriva.

Como consecuencia, niso que chamamos, por sinécdoque, “Madrid” existe a convicción de que se dan as condicións para que se poida reverter a tendencia a difusión do poder que marcou España a finais do século pasado. Sería posible hoxe facer unha Expo en Sevilla e unhas Olimpiadas en Barcelona? É unha pregunta interesante.

“Madrid” é un territorio gobernado por unha oligarquía con experiencia de xestion, afán de mando, instintiva patrimonialización do Estado -que xulga cousa propia-, unha enorme concentración de riqueza e de influencia nos medios de comunicación. Trátase dunha área metropolitana que está recompoñendo a xeografía económica, social e política de España a imaxe e semellanza desa oligarquía, convertendo toda a península no seu hinterland á costa de despoboala e empobrecela.

Cataluña, por certo, non é quen vai saír peor parada dese modelo, o que non quita que os cataláns se sintan perxudicados por el. Para Galicia será peor. Xa o está sendo. Mentres o centro medra como un tiro, Galicia está en suspenso, hibernada. O mesmo lle pasa a outras comunidades.

España pode ser un país ben amable se sabe ser “unha e diversa, múltiple e armoniosa” como dixera noutro contexto o poeta Aimé Césaire. Pero ten que querer selo.

Do contencioso actual pode saírse de distintas maneiras. A primeira, cun estado máis autoritario, consecuencia de usar torcidamente a lei non para integrar, senón para excluír do proceso político. A procura da recentralización implica hoxe tensións con cataláns, pero máis adiante con vascos ou con calquera disconforme con ese rumbo.

En España democracia e autogoberno van da man. A visión unitaria de España está asociada á visión autoritaria. Implica tensión. Nos peores momentos, ditadura e sangue. Se segue ese camiño, España ensimesmarase e perderá enerxías que podería dedicar a outros esforzos. Non é unha solución e non pode pretender dar estabilidade. Pero o conxuro máxico da forza congrega a moita xente tras de si.

A segunda vía podería atopar no Estatut de 2006, antes de ser modificado polo TC, ou nalgunha versión similar, unha saída da lama. Non sería o máis satisfactorio para os cataláns, nin para esa parte da opinión pública española que quere vinganza polo que consideran unha ofensa, pero podería ser a base dun pacto que dure unha xeración ou dúas. O pactismo está desprezado agora, nun momento en que se reclaman solucións definitivas, pero un pouco de modestia e pragmatismo podería facilitar a paz civil, que é un obxectivo superior.

Dou por sentado que a independencia non é unha opción. Pero que si é posible a recentralización. De feito, non poden lerse as dúas últimas décadas senón como resultado de que alguén decidiu que había que dar marcha atrás, digamos ata a LOAPA. A sentencia do TC declarou baleiro de contido o poder autónomo, pero xusto ese é o horizonte desa España que atopa en “Madrid” -sempre entre comiñas- o seu intérprete e que xulga que a relación de forzas lle permite agora o que non puido ata que a conversión de Madrid nun eixo do mundo global puxo nas súas mans unha forza e uns instrumentos coma nunca tiveran nin a capital nin o estado, e por tanto os que están ao seu mando, en toda a súa historia.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats