Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Puigdemont estira la cuerda pero no rompe con Sánchez
El impacto del cambio de régimen en Siria respaldado por EEUU, Israel y Turquía
OPINIÓN | 'Pesimismo y capitalismo', por Enric González
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Sanidade pública e cadeiras de IKEA

Pacientes esperando en un pasillo de Urgencias del hospital de Santiago en 2019.

0

Noia, Galicia. 14.000 habitantes. Domingo ao mediodía. Acudo ao PAC despois de pasar máis de 24 horas con febre alta. Sei máis ou menos o que me pasa. Só quero que mo confirmen. Mellor dito, só preciso que mo certifiquen para poder xustificar a miña falta no traballo o luns. Outros non teñen ese privilexio. O privilexio de enfermar. Ás portas do PAC, fóra, reparo en que hai cinco ou seis persoas de pé. Asumo iluso, desacostumado, que son acompañantes das pacientes que agardan dentro. Nada máis recoller no mostrador o meu número coa quenda, constato que a realidade é outra. A cousa vai como segue. Descoñezo cal era esa mañá o persoal mobilizado polo SERGAS en Noia, pero imaxino que sería o habitual, que o que eu vivín se repite cada fin de semana con maior ou menor gravidade. Recollo o número, xírome e decátome de que a pequena sala de espera está repleta, nin unha cadeira libre. Teñen prioridade anciáns e nenos. Por suposto isto non está escrito en ningures, é sentido común. Co paso dos minutos, algúns dos máis vellos son transferidos a cadeiras de rodas e “aparcados” no hall da entrada. As súas acompañantes quedan de pé ao seu carón. Os máis novos, coma min, ou os que consideran que quizais o seu non teña présa ou non sexa para tanto, agardamos fóra, na rúa, preto da porta para poder escoitar o sinal de aviso cada vez que chamen alguén á consulta. Len ben: estamos enfermos e agardamos na rúa, en novembro. Isto non mo fai nin Ryanair, pero está pasando na atención primaria. En Noia, nun lugar pequeno, manexable.

Un enfermeiro saca unha cadeira do interior. Pídelle a unha señora que sente e faille unha PCR mentres todos miramos. Estamos a un metro, dous metros dela. Cando a señora marcha, a cadeira queda alí, sobre o pavimento. Non estará libre a próxima vez que eu volva mirar.

Dentro, un neno aperta unha gasa contra un ollo. Terá uns dous anos. Acábanlle de asignar a cadeira dunha das anciás que trasladaron fóra da sala e que agora adormece sobre rodas, á vista de todos, no corredor. Eu paso á consulta antes ca eles. Tardei aproximadamente hora e cuarto. Non é moito. Teño pasado tres, catro horas na sala de espera do Hospital Universitario de Santiago. Durante anos díxose que todo iso sucedía porque nós, as pacientes, faciamos un mal uso do servizo de Urxencias. É probable. Direi que levo sen ver o rostro dun médico, sen que un doutor me toque ou me atenda na sanidade pública de xeito presencial dende o ano 2019. Teño coa miña médico de cabeceira tanta relación como coa pizzería que abriron debaixo da miña casa. Xúrolles que isto non é un recurso literario, que non é hipérbole.

Esta é a nosa sanidade pública. Non agoniza, pasea morta. Na televisión, conta miña nai, cada vez hai máis anuncios de seguros privados. Hóuboos sempre, contesto. Pero agora véxoos, di mamá. Teño un compañeiro que paga 50 euros todos os meses para non ter que pasar o que eu pasei en Urxencias, para non ter que velo. Para o resto, vai á pública. Compensa pagar 50 euros e ter atención primaria, di. E ter pediatras, matronas, engado. Pero nunca no rural. Ao rural non chega nin a privada.

As manifestacións multitudinarias pola sanidade pública, non só a de Madrid esta pasada fin de semana, senón todas as mareas brancas antes e despois da pandemia, demostran que, ás veces, o cansazo e a xenreira non conducen á inacción, que nos poden levar a outro lugar máis produtivo, ao espazo onde se forxan todas as identidades: a rúa, a ocupación das prazas. Desafortunadamente, diríase que esa mobilización non se trasladou aínda nunca ás urnas, que se dilúe a tempo. A última discusión á que asistín, tiña que ver co soldo dos sanitarios, co seu burn out. Están queimados. Déixenme contarlles unha cousa: os servizos públicos, todos eles, están queimados. Arderon hai tempo. Son un mito, un esplendor pasado.

Imaxino que despois de ler o meu artigo, unha posible solución a todo isto será colocar máis cadeiras, ampliar a sala de espera. Aconteceu o mesmo na educación: aulas de 32 alumnos, mesmo número de docentes.

Teño gripe A. Aínda no PAC, a doutora que me atende dime co seu precioso acento canario que quizais deba solicitar unha revisión a media semana. Unha revisión presencial con tres días de antelación. Sei que é imposible, pero non lle digo nada. Está sendo encantadora, rápida, eficiente. A culpa non é súa. Ao chegar á casa, a canda a primeira dose de paracetamol busco modelos de banquetas portátiles en IKEA. Hai varios. Chamo a miña nai e pregúntolle se algunha vez tivo que agardar fóra en Urxencias. Dime que sempre. Que ela prefire saír, ser dos que están na rúa. Que outra xente aproveite eses asentos. Supoño que aos políticos, aos malos, pérfidos xestores que nos trouxeron ata aquí, non lles parecería mala idea mercar cadeiras en IKEA, solucionar así o problema. Algunha, estou seguro, mesmo suxeriría que mercásemos unha pa. Que fixésemos caso do que dicía o dramaturgo Rodrigo García: mercar unha pa e comezar a cavar unha tumba. Agora está na nosa man, decidir se nos metemos dentro ou os empurramos a eles.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats