Xa somos máis dun millón de lectores e lectoras
O pasado un de marzo no elDiario.es inauguramos redacción propia en Galicia. A decisión, adoptada despois de moito pensar, tiña por obxecto reforzar a información no territorio e tomar o relevo do impecable traballo que dende pouco despois da creación do xornal defenderan os amigos de Praza.gal. A aventura de investir nunha redacción propia e acompañarnos na viaxe con estupendos xornalistas como María Pampín, Daniel Salgado e, máis recentemente, co noso bolseiro Alex Vázquez axiña deu o froito dun traballo feito a brazo partido para contribuir á pluralidade dun panorama xornalístico con certa tendencia ao discurso único.
O esforzo pagou a pena e así nolo acaba de corroborar o último informe de Comscore, a empresa que realiza as medicións oficiais de lectores en Internet. Segundo a última cifra ofrecida pola compañía, referente ao mes de xuño, máis de 1.000.000 de usuarios únicos acompañades esta tarefa de buscar información necesaria sen compromisos nin hipotecas. Intentamos facer lei do lema co que elDiario.es foi fundado hai sete anos por un grupo de xornalistas que xuntamos as nosas indemnizacións por despedimento noutras empresas para crear algo dende cero.
lavozdegalicia.es permanece á fronte da prensa galega en internet con 6,2 millóns de lectores. Na segunda posición sitúanse os compañeiros de farodevigo.es (2,6 millóns de usuarios únicos). No terceiro posto, segundo Comscore, está laregion.es con 1,077 millóns de usuarios. Prácticamente empatados co terceiro, está eldiario.es/Galicia. Temos 1.075.000 usuarios únicos. A cifra énchenos de alegría e responsabilidade.
A redacción galega de elDiario.es tivo que separarse nada máis nacer, por mor do confinamento derivado da COVID-19. Foi un inicio difícil que nos obrigou, como a tantos outros, a mirarnos dende a pantalla do ordenador e a investigar unha pandemia que chegaba ás portas dunhas eleccións coas limitadas ferramentas que se atopan no traballo xornalístico que se fai dende a casa e, en ocasións, con crianzas arredor de nós reclamando todo aquilo que merecen. Seguimos a traballar dende o convencemento de que Galicia é un dos territorios con mellores xornalistas pero cun equilibrio mediático democraticamente discutible.
Sirvan estas líneas para agradecer aos lectores a confianza e facer extensivo ese agradecemento a Marta Barandela e a colaboradores e colaboradoras como Antón Baamonde, María Do Carme García Negro, Luís Pardo, Gonzalo Vilas, Antón Losada, Patricia Janeiro, Marga Tojo, Antía Pérez Caramés, Rodolfo Irago, O'Leo de Matamá, Yosi Hatillo, Víctor Honorato. A todas e todos eles, un millón de grazas.
6