Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Xa non son un rastrexador e non o sabía

Un equipo de rastreadores.

0

Quen máis e quen menos xa soñou algunha vez que era un rastrexador nos tempos da COVID. A min pasoume a finais de setembro, cando levaba 170 días incorporado á Medicina de Familia sen saber ata por aquel entón que era un rastrexador ou computaba como tal, Feijóo mediante. A emoción levoume a escribir un artigo.

Mes e medio despois xa non son un rastrexador e non o sabía, ou vai ti saber, porque segundo as nosas autoridades sanitarias, por non ter xa non teño nin “valor engadido” para solicitarlle a PCR aos conviventes dunha persoa infectada que se presentan na consulta reclamándoa. En lugar de facelo, debo enviar un correo electrónico á Central de Seguimiento de Contactos de Galicia (CSC), un organismo cunha composición que resulta un misterio maior que os de Iker Jiménez e da que ningún responsable político dá datos. O noso conselleiro de Sanidade negouse hai pouco nunha entrevista a ofrecer ningún tipo de información ao respecto e o director xeral de Asistencia Sanitaria , nunha conversa de hai días con elDiario.es, afirmou descoñecer esa rede de seguimento de contactos, equiparando a mesma a “un acordeón que se adapta ás necesidades”. Pura música de transparencia.

A directriz, recollida nun protocolo do Sergas, non tería maior importancia se non fose por unha cuestión que non é menor e que o propio Sergas recoñece: o CSC ten un funcionamento mellorable e, polo tanto, unha duplicidade cuestionable. Tan mellorable como o feito de que moitos conviventes de infectados derivados da Atención Primaria ao CSC non foron nin sequera contactados e voltaron á consulta días despois, con todo o risco que iso conleva. Tan cuestionable como a propia indicación do Sergas que nos obriga a derivar a nosa responsabilidade profesional nunha botella de cristal a unha entidade opaca alén do mar, incumprindo parte do noso xuramento hipocrático de velar pola saúde e o benestar dos nosos doentes. Esa é a razón pola que moitas compañeiras decidimos non acatar a directriz do Sergas ou rectificar as consecuencias desa directriz con posterioridade.

Un non quere ser tan mal pensado como para chegar á conclusión de que, detrás de todo isto, alguén esta a xogar a maquillar as cifras de positivos por coronavirus, co Nadal e o Xacobeo como coartada. Ben faría o resto da representación das forzas do Parlamento galego instaladas nun “todo en orde” de finais do século XX, e tamén aqueles que xa erraron antes con Gallardón dende a capital do Imperio, en marcar distancias cun Feijóo que é quen de negar o modus operandi de Ayuso representando os mesmos intereses.

Aos profesionais da sanidade pública e nomeadamente á atención primaria pódenselles pedir moitas cousas. Resiliencia diante dunha situación excepcional como é unha pandemia mundial. Resiliencia diante das consultas saturadas, a precariedade da enfermería, as xornadas prolongadas, as campañas de vacinación da gripe que fican sen vacinas, a non cobertura de compañeiras de baixa por falla de substitutas ou a decisións políticas que priman a economía sobre a saúde da xente.

O que non se lle pode pedir á atención primaria e á cidadanía é un auto de fe. Déixennos traballar con dignidade máis aló da precariedade. Ser ou non ser rastrexadores nestes tempos non é o importante. O importante é estar á altura do momento, da profesión, da xente e dos coidados.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats