Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
El hospital de pandemias de Ayuso no sirve para acoger a los españoles del crucero
Moreno: “52 diputados serían un gran de resultado, pero voy a por la matrícula”
Opinión - 'La degeneración de la política y la ciudadanía', por Enric González
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

O xiro de Pedro Sánchez e o Papa Francisco

O Papa Francisco nunha imaxe do 3 de xullo de 2022

0

Non cabe dúbida de que o movemento táctico que acaba de facer Pedro Sánchez é intentar facerse co control do relato. Os impostos ás grandes enerxéticas e aos bancos, as bolsas a estudantes e o transporte público gratuito constitúen un marco de referencia difícil de disputar.

Cal era a discusión máis típica na esquerda española ata onte mesmo? Aquela que trataba sobre o material e o relato. Esa esquerda estaba estupefacta ante o feito de que o Goberno de coalición aprobaba ERTE e subía o salario mínimo –coidaba o material e a protección social- e ao mesmo tempo a opinión de dereitas medraba sen freo, mesmo entre aqueles que, cun goberno de Casado, Ayuso ou Feijóo estarían á intemperie.

A sensación, ou o dato, podía resumirse así “a esquerda transforma, pero a dereita gaña o relato”. O xiro á esquerda intenta evitar esa deriva da opinión. Veremos se calla.

Dende logo, ese xiro afortala a continuidade do goberno, ao precisar a súa política e afortalar o seu bloque de apoio. Os últimos meses –o Sahara, Melilla, Pegasus, a OTAN- non parecían moi prometedores dende o punto de vista progresista. O novo rumbo, situado sobre valores de esquerda, permite non só a materialidade da protección social, senón que se proxecta sobre os valores.

Agora ben, a pregunta é: ese relato ten posibilidades de sobrevivir?

O primeiro obstáculo ten que ver co propio líder. A verdade é que Sánchez é un presidente borroso. Sempre dá a impresión de que se limita a responder ás urxencias do momento sen ter ningún proxecto definido. Dá a impresión de carecer de conviccións. Se iso é unha estratexia habería que concederlle unha medalla ao spin doctor que a inventou. Veremos se o xiro significa unha reversión dese estilo amorfo, municipal, vago e inconcreto.

O segundo obstáculo deriva da estrutura dos medios de comunicación. O xiro pónlle un límite á “guerra cultural” declarada pola dereita. Pero só un límite, hai que telo claro. Sería un verdadeiro milagre que, dado o seu abrumador control da artillería mediática –non creo que se poda describir doutro modo a certos xornais-, a dereita non consiga enzoufar as mentes.

O terceiro obstáculo ten que ver coas cos desgarros sobre a conciencia española que supuxeron a impugnación do estatuto de 2004 e o procés. Se non se atopa unha saída en positivo a ese conflito, o nacionalismo español continuará hiperventilado. Unha idea alternativa de España en positivo é a que hai que poñer sobre a mesa. Coser, suturar, ese é o obxectivo. Pero a cada vez maior identificación entre dereita e centralismo, mesmo a cada vez máis explícitamente declarada vontade de suprimir ás comunidades autónomas, constitúe unha ameaza sistémica á estabilidade política española, maior que a cuestión monárquica.

Pero o principal obstáculo deriva das probables consecuencias económicas da guerra. Outra vez, acumulación de capital por arriba e incremento da desigualdade por abaixo. Perda de valor de salarios e pensións, debilitamento do benestar, etcétera. Esas consecuencias poden alimentar a radicalización política. 2008, a pandemia, e as consecuencias da guerra poden, como foi o caso despois do crac de 1929, alimentar unha espiral de ultradereita.

Con ese escenario, adoptará a UE políticas similares ás que mantivo por mor da pandemia? Practicará un keynesianismo de guerra ou volveremos á austeridade? Son preguntas que se impoñen.

O que o Goberno español faga depende da marxe decidida polos gobernos europeos e a UE –a autonomía do BCE é un chiste sen graza- pero, temo, eses gobernos non deciden do curso da guerra, nin do curso da economía mundial, así que tamén eles poden quedar atrapados en algo que é máis grande ca eles. Ninguén sabe que pode suceder cando se desatan forzas que non poden medirse mutuamente. Hoxe en España e en Europa todo está collido por fíos. Tampouco o mundo anda moito mellor.

Hai guerra na Ucraína pero saca o fuciño a posibilidade dunha confrontación directa dos Estados Unidos con China. Vivimos tempos que volven escurecerse. É unha época de reconfiguración do mundo, no que as grandes potencias imperiais, como hai máis dun século, volven disputarse áreas de influencia. A agresión rusa pode ser o primeiro capítulo de algo terrible. No máis amable dos casos o horizonte é o da reversión da globalización.

A reconfiguración do mundo pode levar a enormes perigos, que poden poñer en cuestión a paz e a estabilidade mundial e facer retornar a ameaza nuclear. Todos as potencias teñen unha enorme forza militar. Se non alcanzamos unha nova pax de Westfalia, unha arquitectura mundial razoablemente satisfactoria, estaremos ante un pesadelo. A guerra na Ucraína pode ser, como o foi a guerra de España en 1936, un avance do mundo que vén. Taiwán e os mares do Sur da China poden ser o escenario dunha futura conflagración.

Como propón o Papa Francisco, existe a necesidade dunha nova Conferencia de Helsinki que poña as bases da distensión entre os novos bloques que están fraguando. Coser, suturar os desgarros de España e do mundo é a tarefa: non incrementar a fenda. Ese é o camiño.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats