La portada de mañana
Acceder
El debate sobre el tope a las hipotecas
La candidata del PP en València privatizó por 5,7 millones una universidad
OPINIÓN | El fascismo sociológico ya está aquí. Por Rosa María Artal
Entrevista

Luisa Castro e a poesía da beleza e a quincalla: “Sempre escribo nunha lingua estraña, estranxeira”

A escritora Luisa Castro

Nun Amor antigo hai un limoeiro que non cura e a superficie branda dos nosos mortos, a guindeira florida no enterro do pai e os ritos da sorte para a fronte de guerra, unha gata branca e algo lixeiro como un paxaro de Paul Valéry. Hai “un navegar maxestoso / polos mares da beleza / e da quincalla” escribe Luisa Castro (Foz, Lugo, 1966) no libro de poemas co que regresa á lingua galega 34 anos despois do fundacional Baleas e baleas. “A miña sensación é que só escribo en galego anque só escriba en español. Quen queira entender que entenda”, explica a elDiario.es sobre unha obra que transita polo “amor e a entrega total” que coñeceu nos seus pais, “un amor fértil por riba da vida e da morte”.

Anne Waldman: “Leo en silencio. Odio el ruido de la tecnología y la polución, odio el ruido de los dictadores”

Anne Waldman: “Leo en silencio. Odio el ruido de la tecnología y la polución, odio el ruido de los dictadores”

Son os dun Amor antigo (Galaxia, 2022) poemas dedicados ao pai, aínda que termen de moito máis ca dun pai. “O amor á parella e o amor dos pais case sempre se solapan”, indica vía correo electrónico, logo de admitir que, “en realidade, a temática amorosa ocupa boa parte da miña produción, pero moitas veces en negativo”. Non é o caso. “Non me resulta estraño o teu corpo / proporcionalmente / es exacto a min”, escribe, “pero vés dun lugar / onde aínda se fala / e eu enmudezo”. “Buscamos nunha parella o que nos deron os nosos pais de nenos, a seguridade e o amor total”, esténdese Castro, “e esta é unha desas veces en que o amor se expresa en toda a súa infinita grandeza, xusto cando a morte asoma”.

“Cando meu pai morreu -que raro falar así del-, dinme conta de que tiña moitos poemas inspirados por el, pola súa presenza nesta terra e polos seus últimos días de vida”, continúa. Non por acaso, a última das catro seccións do libro titúlase da guindeira fálame, pai, e contén poemas como o que di: “virán as pombas a alimentarse / da túa semente // a toupa doente revivirá // e ti non verás meu pai / medrar a herba no prado vello”. Pero Un amor antigo é, ademais, unha investigación na propia orixe e na construción do eu: “O antes para min é hoxe. E o amor antigo do que fala este libro ten unha vixencia total”.

Mais a pregunta pola lingua en que naceron estes poemas cansa á poeta. “De que estamos falando, de literatura ou dando un curso de sociolingüística?”, di, “eu non son unha escritora que 'escribe un libro en galego e 34 anos despois outro'. Esta é unha clasificación que me resulta allea, redutivista, clasificatoria. Eu son unha escritora galega polos catro costados, enteira. Por que escribín este libro en galego? Porque me deu a gana. Por que escribo o resto en castelán? Tamén porque me deu a gana”. De feito, si hai unha lingua común que enfía o seu traballo, engade: “En ambos os dous casos sempre estou ante unha lingua estraña, estranxeira, como diría Proust. E esa lingua tampouco é unha lingua que me pertenza de todo. En realidade a lingua escólleme a min, eu só son a súa canle”.

O popular e a mística

No poema que abre a sección autoxénese parece expoñer esa estranxeiría desde a que escribe: “Eu non podo saber / que significa ser desta terra / nin teño unha lixeira idea / de a quen debería botarlle a culpa / cocíñoa eu soa / esa sopa / da miña ignorancia / da miña soidade”. Nese territorio foi construíndo unha poesía que, desde Baleas e baleas -1988, reeditado en 2018, obra de culto e fundamental para entender a poesía galega posterior-, xogou a espirse. “Vexo unha evolución cara a unha poesía máis despoxada e sinxela que mira por unha banda ao popular e pola outra á mística”, sinala, “por resumir, o ceo e o chan”. Boa parte do seu traballo, todo agás Amor mi señor (2005), Actores vestidos de calle (2018) e este Un amor antigo, aparecen compilados en Señales con una sola bandera: poesía reunida 1984-1997 (2004).

A que lugares chega un poema que non chega a prosa? Luisa Castro, ademais de poeta e directora do Instituto Cervantes en Dublín, novelista con títulos como El somier (1990) o El secreto de la lejía (2001) -xénero ao que volverá en primavera-, responde: “Eu diría que a poesía ten a capacidade de experimentar coa lingua, é un xénero máis poroso e por iso tamén a vangarda da literatura. Sempre hai poetas que te desarman e que che aprenden de novo a falar e a ver”. Menciona dúas lecturas recentes, La dejadez (2022), de Pablo Fidalgo, e Invocación a las mayorías silenciosas (2022), de Paloma Chen. “A poesía abre camiños como unha apisonadora, entra no monte e desbroza todo o que se lle poña por diante”, engade, “por iso é tan desolador cando a poesía non nos chega, porque está feita para conmover os nosos alicerces, non para entreter”.

Esa conmoción sucédelle, por caso, con tres autoras en galego cuxo nome aparece no último poema dun Amor antigo: “eras ti meu pai que viñas / que me estabas agardando / baixo os versos de Olga Novo / no corazón de Chus Pato / nos ollos de Lupe Gómez / vinte chegar en Santiago”. “A Chus Pato léoa con devoción desde hai anos, e é unha boa amiga. Lupe é unha persoa e unha poeta moi especial” que, a maiores, lle recomendou “un libro incribelmente fermoso”, Feliz Idade (2019, Premio Nacional de Poesía), de Olga Novo. Foi ese día cando volveu á casa “totalmente inspirada e saíu ese poema”, Esta tarde fun meu pai, o que clausura Un amor antigo: “que medo vou ter xa / ó que pase esta mañá / os tres camiño da casa”. Máis alá das súas contemporáneas, Castro recoñece unha xenealoxía en que figuran Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Luís Pimentel, Cunqueiro ou Luz Pozo Garza. A poesía, ao cabo, como ese intento de “tocar o nervio da lingua que nos mantén atenazados e que nos libera”.

Etiquetas

Descubre nuestras apps

stats