Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

Singular criterio epidemiolóxico

La Xunta no descarta prolongar restricciones en A Mariña

0

Feijóo é ese señor que se presenta ás eleccións e, polo que din as enquisas, parece que vai gañalas. Con que programa se presenta as eleccións o señor Feijóo? Pois, basicamente, cun que, de levarse a cabo, consistiría na emenda e refutación das súas propias políticas. Coa súa man dereita Feijóo reduce a protección social, e coa súa man esquerda promete ampliala. Coa man dereita, proclama Galicia, Galicia, Galicia, coa man esquerda... (non se ve nada na man). Non podemos dicir a estas alturas que ese paradoxo nos sorprenda, porque, para que nos sorprendese, teríamos que ser uns ananos verdes, tal vez con tentáculos e pode que con ventosas. Uns marcianos, vaia. Pero é claro que a política efectiva de Feijóo foi unha política de austeridade, de cadrar as contas, de contable máis que de xestor, orfa de grandes e, ata diría, de pequenas ideas.

Agora ben, ese señor é líder dun partido e ese partido expresa correntes de fondo. O Partido parece que é o Popular aínda que non hai trazas dese nome nos anuncios e carteis. Os estrategos, que procuran actuar con criterios científicos, detectan que ese partido concita maior rexeitamento que o presidente de Galicia. E así debe de ser, se eles así o pensan. De feito, a práctica totalidade das enquisas mostran que os votantes populares son máis críticos co Goberno central do que os votantes de esquerda coa Xunta de Feijóo, e que eses votantes de dereita tamén son máis indulxentes con Feijóo en Galicia que os votantes socialistas con Sánchez. Pero é que, ademáis, unha parte dos votantes do PSdeG e dos que afirman sentirse nacionalistas aproban tamén a Feijóo. Algo que nin se lles pasaría pola cabeza aos votantes do PP.

Así que isto é o que temos: unha dereita militante e unha esquerda, especialmente socialista, vaporosa. Iso que as enquisas detectan é o mesmo que todo fillo de veciño pode intuír no seu entorno. Nas conversacións cara a cara, nos chats e grupos de whatsapp, videos, memes e gifts, a dereita está polarizada e, ata diría, en estado de irritación permanente. Non se entende, ou eu non entendo, ben porque é así, considerando, ademais, que os máis excitados soen ser os que responden á tipoloxía dos Cayetanos: os segmentos de clase media alta aos que a crise de 2008, precisamente, menos afectou. Tal vez só se trate da súa dieta espiritual ou tal vez é o medo a perder algo que consideran seu.

Sexa coma for, os que non comparten eses puntos de vista dicotómicos, de branco ou negro, tenden a calar, cautamente. Na conta total, o que perde é o sentido do matiz, a escala de opcións. Hai que estar con ou contra. Non hai máis. Todo é ou branco ou negro. Todo intento de comprensión serena e distanciada está chamado ao fracaso. Coas ironías hai que andar con coidado. Non é que ese mecanismo non funcione tamén entre as esquerdas, pero neste preciso momento hai que constatar que é especialmente unha certa dereita social a que se sinte moralmente arroupada ata o punto de que considera natural deslexitimar o adversario. É unha dereita de afirmacións rotundas e xuízos sumarísimos que atopa nas redes o submundo máis propicio.

Por suposto, hai unha Galicia, e unha España, cautelosas, que non só non comparte, senón que teme as consecuencias desa escisión social. A memoria da guerra e da represión do franquismo aínda que está cada vez máis esvaecida -o que explica o éxito das novas formas de radicalismo- aínda xoga un papel. En definitiva, o núcleo irradiador das dereitas fabrica crispación, pero o que dá as maiorías sociais é a busca do equilibrio e da estabilidade. Feijóo intenta ser a expresión das dúas cousas, da dereita irredenta e do elector moderado. Ademais de presentarse coma un bo xestor, ese é o núcleo obxectivo da súa campaña.

E si, non pode negarse que Galicia é, nestes momentos, un oasis político. Non pode negarse que a atmosfera aquí é moito máis calma que en Madrid, núcleo irradiador da hiperventilación orientada con fins políticos e asento da confabulación permanente. Tampouco que a campaña electoral se produce practicamente no ámbito da dereita. Hai unha certa sensación de que Caballero, Pontón e Gómez-Reino son apenas corifeos que tiveran por función resaltar as bondades, o papel e o sex appeal do protagonista principal. As sensacións da campaña son raras, pero o que prevalece é o sentimento de que os electores do bloque progresista e nacionalista están fatigados e carentes de motivación. Pode que moitos entre eles queden na casa, que é do que se trataba.

No ámbito da dereita conveñen dúas cousas. Primeiro, a chamada ao voto útil, porque dada a relación de forzas, se Vox ou C´s tiveran moito éxito, tal vez gañarían as esquerdas e os nacionalistas. Segundo, a chamada á participación. O que máis teme o PP é a abstención dos seus electores. Por iso, ante o brote na Mariña lucense que ameaza con crear temor entre os maiores de sesenta anos, nos que o PP ten maior predicamento, os esforzos da Xunta e os dos medios afíns diríxense a dar unha imaxe de tranquilidade e control da pandemia. É un estraño confinamento o que se decreta na zona xusto ata o fin da campaña electoral, un día antes das votacións. Como apunta con agudeza Anxo Lugilde, “a praga da abstención tense convertido no principal criterio epidemiolóxico”. E non, non é un chiste.

Etiquetas
stats