Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

O asunto das pensións

Manifestación por las pensiones públicas en Santiago de Compostela

0

A discusión política sobre as pensións de xubilación dos traballadores é un asunto recorrente nos últimos anos. Mesmo podemos aseverar que se asemella moito a un sementado de terror desde o poder económico nas distintas épocas de crise, incluída a do 72. A difusión do medo con dereito a pánico colle maior pulo se goberna a esquerda. Aí, a dereita española, a dereitona carpetovetónica, ten experiencia abonda para propagar todo tipo de rumores, infundios, falsidades ou mentiras puras; hoxe, con máis poder aspersor debido ao rol das redes sociais. Chamámoslle terror á difusión de supostas novas que difunden o medo entre cidadáns en estado de necesidade: unha persoa dependente con ingresos de pensión reducida non ten meio algún de solventar os problemas derivados das súas necesidades, e só ten a alternativa de se adaptar. O caso é que, pase o que pasar coa xestión da caixa das pensións contributivas da seguridade social, o resultado final -aínda que provisorio e suxeito a revisión- pode ser de alivio ao constatar que non desaparecen. Neste caso, como noutras ocasións, o óptimo social de bon goberno ficou transmutado no logro pírrico de pensión, pequena, reducida, sen actualización, mais pensión á fin. É dicer, a mobilización social, os debates de busca de apoios, a demostración de necesidade, os programas políticos de identificación con dereitos dos cidadáns vellos, ficaron esvaídas e substuídas por un lacónico titular de: “Europa obriga a aumentar o número de anos de cotización para garantir o sistema de pensións” e, ademais, é a maneira de receber os fondos europeos da COVID-19.

Comezando polo principio, a estas alturas de século, e de status no chamado espazo europeo (tanto o económico como o xeopolítico), non hai ninguén que se atreva a expresar claramente algo como isto: “é privatizábel o sistema de pensións”, “deixan de constituír a salvaguarda dun dereito socialmente adquirido” e “máis que a garantía do benestar dos traballadores retirados, valen os dereitos económico/lucrativos das entidades financeiras e os seus seguros privados”. Aínda que así formulado pode responder aos intereses dalgún grupo financeiro, non houbo arroallo suficiente para formulalo dese xeito, mais sempre se pode intentar ir virando o rumbo contando cun vento favorábel ou unha corrente provocada. Os traballadores asalariados constrúen dereitos (no percurso da vida laboral), uns recollidos na lexislación laboral e outros en principio garantidos pola norma superior constitucional. As achegas económicas á seguridade social, que, xunto coas achegadas polas empresas, constitúen a caixa de pensións de xubilación, xerando dereitos aos contribuíntes. O sistema español é de reparto e na medida en que hai activos cotizantes hai caixa con achegas suficientes ano a ano para pagar as pensións. Sempre houbo dabondo até que se empezou a botar man desa caixa para cobrir necesidades novas ou dereitos recoñecidos sen partidas orzamentarias novas ou sen achegas fiscais de nova creación.

Os denominados gastos improprios da caixa da seguridade social son hoxe os responsábeis do mal chamado déficit da mesma e na medida en que se usen fondos para gastos improprios sempre haberá un problema de suficiencia. Son usos para cobrir subsidios que non deben ser cargados á conta das achegas de empresas (que pagan por mor de ser empregadores) e dos traballadores que aportan por razón de ser asalariados. A cobertura de calquer necesidade que non figure nese rubro debe ser coberta a conta doutra caixa, ou mesmo a cargo da conta dun outro ministerio que non sexa o da seguridade social. Unha cousa son os dereitos derivados do traballo activo para o momento pasivo e outra, a cobertura de necesidades sociais paliativas da exclusión social, da desigualdade, da diversidade persoal, ou de situacións familiares que poden conducir á negación da igualdade de oportunidades. O ensino público e obrigatorio, a sanidade pública universal, a igualdade entre cidadáns, o dereito a unha xustiza en defensa de cada dereito recoñecido, non se pon en discusión porque corresponden a unha época civilizatoria non discutida, polo de agora. A garantía de poder viver dignamente nos anos post-retiro da actividade é un dereito adquirido ano a ano durante os anos de traballo de todos e cada un dos traballadores.

Os problemas observábeis polas autoridades comunitarias que –máis unha vez- manifestaron desconfianza da agudeza de xestión do goberno de España, derívanse da razón fundamental que é causa da fisonomía do mercado de traballo español: o modelo produtivo español non crea emprego suficiente nen nas épocas de crecemento: a estrutura económica española padece de paro crónico e actualmente de temporalidade e precariedade crónicas. A primeira recomendación comunitaria para resolver os desaxustes da seguridade social foi reducir a temporalidade dos contratos de traballo existentes. É unha característica que asombra en Europa. E a pior parte desa fisonomía comeza pola proprio vicio en contratos das administracións cunha taxa de temporalidade no emprego non entendíbel na UE. Á parte, non é comparábel a estrutura dunha economía industrial cun sector servizos vinculados á produción industrial (como as economías de Francia, Alemania, Italia) que unha economía, a española, cuxa médula e motor do crecemento é o turismo e as exportacións de bens intermedios. Un e outras dependen netamente do exterior, son demanda externa, e non son quen de xerar tecido produtivo interno con suficiente creación de emprego fixo e estábel, capaz de cotizar de forma continua, permanente.

O monto de achegas anuais procedente dos asalariados depende do nível salarial e da permanencia no posto de traballo de forma fixa. Baixos salarios, traballos discontinuos, temporais e/ou parciais, non son capaces de garantir fluxos de ingresos estábeis á caixa da seguridade social. Os problemas observados recentemente, que afloraron por mor da pandemia, existían con anterioridade, mais ficaban fóra de foco. Agora soubemos que hai pobres con traballo e salario ínfimo por baixo do mínimo de sobrevivencia. Soubemos que na sanidade pública había empregos de dúas horas -o sábado pola mañá, por exemplo- con cotización de dúas horas, e así até o próximo emprego; soubemos que as mulleres que foron despedidas como coidadoras volveron ser chamadas para impedir que morreran aínda máis dependentes; soubemos que empresas e entidades bancarias con beneficos de escándalo, usaron ERTE primeiro, e agora despiden masivamente, sen o máis mínimo rubor, e finalmente soubemos que o único que levou o goberno español como proposta á UE para cobrar os fondos COVID-19 foi aumentar os anos de cotización dos asalariados e dos empregadores para un bon lavado de imaxe. A falta de garantía de ingresos suficientes ten varias vías de solución e a primeira delas non é precisamente a adoptada, aínda que sexa facilmente implantábel.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats