Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

O BNG e o horizonte de España

La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón, en el Consello Nacional celebrado el 25 de septiembre de 2021 en el Hotel Congreso de Teo (A Coruña).

0

O que sucede co nacionalismo galego é que é minoritario pero, aínda así, consistente. Leva sendo así dende as primeiras eleccións democráticas. Nas últimas eleccións obtivo, baixo o liderado de Ana Pontón, o 24% dos votos. Case 1 de cada 4 votos: non é pouca cousa. O desaparecido e tan querido Fermín Bouza indicaba hai unha década que, do punto de vista da prospectiva sociolóxica, podía captar ata un 30% dos votos. Máis aló tería que saber romper fronteiras invisibles.

Con todo, o dato das últimas eleccións, ese 24%, pode ser enganoso, porque esa cifra alcanzouna o BNG no contexto do afundimento das Mareas e do escaso crédito que o PSdeG ten na area autonómica. E, todo hai que dicilo, porque gozou de certa aquiescencia mediática que, todos sabemos, pode volverse hostil se a Presidencia da Xunta estivese en risco para o PP.

De feito, parece probable que, no caso de que A Cousa de Yolanda Díaz teña éxito, ese espazo recupere votos do BNG -e cabe que tamén do PSdeG-. Ou non.. Todo está pillado polos pelos. O que pase con Biden ou, por suposto, en Bruxelas, acaba incidindo en Vigo ou A Coruña. Vivimos en tempos tan fluidos e incertos que a percepción de todo catalexo se volve borrosa mesmo a curta distancia e xa non digamos se as traxectorias a divisar operan máis lonxe...

Sexa coma for, entendo que, máis aló do éxito electoral último, a percepción ou atmosfera dominante no nacionalismo galego é que todo está en causa -o propio sentido histórico-; que as ventás de oportunidade se acaban, se non o fixeron xa; e que o tempo corre en contra.

A corrente partidaria da recentralización medra en España ao tempo que a identidade nacional galega está á baixa. Por non falar da opinión que, nestas mesmas páxinas expresaba Carlos Elordi: “La animadversión hacia los partidos nacionalistas es mayoritaria, algunos creen incluso que muy mayoritaria, en la opinión pública española”. Todo iso conforma un clima adverso que lle resultará ao BNG moi difícil de afrontar dados os escasos medios cos que conta e o baixo nivel da conciencia nacional galega.

Se PP-VOX gañan as próximas eleccións, cousa que é posible e ata probable, a demonización dos nacionalistas será fenomenal e a recentralización das competencias e das institucións -do poder- tremenda e feroz. As campañas mediáticas serán terribles e o espazo xurídico inseguro. Todo pode pasar. No caso de Galicia, moitísimas cousas -dende a situación do idioma ata o control da opinión publicada- tal vez non teñan volta atrás, dada a extrema debilidade do sentimento galego. Hoxe mesmo, a Xunta xa ten moito de Deputación grande, e está practicamente baleirada de sentido político.

É evidente, ou a min así mo parece, que o gran problema do nacionalismo galego foi a implosión de Coalición Galega e do seu sucesor, o Partido Nacionalista Galego a fins dos 80 e comezos dos 90. A unificación da dereita baixo Manuel Fraga e a morte ou ausencia dunha opción nacionalista no ámbito conservador e centrista foi o presuposto fundamental das sucesivas victorias do PP. O progresivo afastamento do PP do espíritu galeguista baixo o control de Feijóo foi facilitado a posteriori por ese control orgánico previo. Baltar, creo, non pasa de ser un fake.

O segundo grande problema do nacionalismo galego no período democrático é a súa incapacidade para postularse como partido de goberno. Para un observador externo, o BNG é un partido de esquerda moderada, fundamentalmente de clases medias, que ten no seu universo de referencia un sindicato, a CIG, que lle da un peso adicional. Pero non sempre o BNG se ve a si mesmo con esa contención, o que é causa de enormes malentendidos.

É obvio que un programa de modernización económica, social e cultural en clave galega só pode desenvolverse dende a capacidade de acción do goberno galego e, nese sentido, o obxectivo central de toda forza nacionalista debería ser gañar a Xunta. Pero o nacionalismo galego tendeu, unha e outra vez, a menosprezar a importancia do autogoberno autonómico tirando pedras, inexplicablemente, contra o seu propio tellado.

Por certo, das tres forzas políticas galegas o BNG foi a que mereceu máis atención por parte de historiadores, politólogos e outras herbas máis ou menos teorizantes. A literatura sobre el podería encher estantes e ocupar os ocios de moitas tardes.

Por contraste, o PPdeG despertou menos curiosidade, especialmente no período Feijóo, o que non deixa de resultar sorprendente, dada non só a súa hexemonía en Galicia, senón tamén o papel fundamental que no esquema conservador español ten este partido. O PSdeG, pola súa vez, apenas ten quen se interese por el.

O libro de referencia sobre o BNG Un longo e tortuoso camiño, escrito por Xosé Ramón Quintana, xa da pistas sobre o virtuosismo do nacionalismo galego á hora de dispararse tiros nos propios pés e noticia da súa capacidade para, entre dúas opcións, escoller a máis complicada.. Hai pouco Xosé Manuel Sarille deu á luz outro, A nova presenza do BNG que suxire, na súa promoción, que é “para entender o BNG”, que é unha organización que precisa de hermeneutas avezados.

Sexa coma for, o BNG unha e outra vez oscila entre, dunha banda, a necesidade de adaptación ás demandas da sociedade galega, que lle reclama un programa factible e, condición necesaria tamén, un persoal cualificado para levalo a cabo e, pola outra banda, unha pulsión fundamentalista que, de ter éxito, faría del unha organización irrelevante e, de feito, a mellor inimiga de si mesma.

Nos últimos meses Ana Pontón, no contexto da preparación da 17 Asamblea do BNG, ven afirmando que hai que ampliar as bases, dotarse dun programa aquelado de goberno e darlle voz aos expertos que poidan e queiran contribuír a un proxecto de transformación da sociedade galega. Son declaracións que constitúen unha expresión de sentido común tal vez animadas pola clara conciencia da dificultade do momento.

Máis atinadas aínda se é verdade, como parece, ou a min así mo parece, que ao BNG xa non lle quedan moitas máis oportunidades, unha vez inferido e entrevisto o horizonte futuro que pode abrirse en España e que, de feito, seguramente se abra.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats